Trobisco

especie de planta

O trobisco ou matapulgas[1] (Daphne gnidium) é un arbusto da familia das timeleáceas. É coñecido por ser unha planta velenosa.

Etimoloxía editar

O nome xenérico deriva do grego Daphn, a mitolóxica moza (Dafne) que perseguida por Apolo tranformouse á beira dun río nun loureiro.

O nome común galego: trobisco, vén directamente a través do latín: turbiscus.

Hábitat editar

É unha planta propia da rexión mediterránea, medrando en case toda a Península Ibérica, chegando a Galiza, illas Canarias, Baleares e norte de África.

Medra en todo tipo de terreos, matogueiras, piñeirais e terreos ermos dende o nivel do mar até os 1000 metros de altitude.

En Galiza medra ben nas toxeiras e piñeirais e bosques de sobreiras, en xeral en lugares quentes onde vai moito sol[2] Florea de marzo a outubro e os froitos madurecen dende xuño a novembro.

Descrición editar

 
Inflorescencia do trobisco

O trobisco é un arbusto de menos de 2 m de altura, cos talos erectos e coa casca parda. As pólas fican moi ergueitas. Ten moitas follas simples, alternas, lanceoladas, enteiras, de ápice acuminado, de cor verde cinsenta, densamente agrupadas nos extremos das pólas. Son irritantes. As flores agroman nos extremos das pólas en acios. Son miúdas, cos pétalos brancos e con catro lóbulos terminais patentes. Desenvolve as flores brancas a finais do verán e polo outono. Os froitos son bagas verdes inicialmente e vermellas ao chegares. Son moi velenosas.

Usos editar

É unha planta velenosa. A presenza, especialmente nos seus froitos, dunha resina, a mecerina, ademais doutro composto a dafnetina, de alto poder tóxico para persoas e animais, non impediu que esta planta se utilizase polo ser humano para outros fins. En cosmética úsanse as follas para fabricar un ungüento que tinxe os cabelos de negro e elimina a caspa; en medicina, o poder vesicante das follas utilizase para as feridas. Tamén se utilizaba para sandar as orellas unha vez que se facía o burato para os pendentes.

É unha boa especie vexetal para facer nós e ligaduras, a casca é unha corda natural pola súa flexibilidade e resistencia.

Empregábase tamén como como insecticida, para matar piollos, formigas, e chinches (de aí o nome vulgar de matapiollos). Nos galiñeiros e poleiros mantíñanse os piollos controlados co uso da planta.

O trobisco utilizouse como potente veleno para matar peixes dende tempos inmemoriais coma método de pesca en encoros, regueiros e lagoas, a súa resina tóxica ataca o osíxeno da auga, polo que botando as pólas da planta á auga envelenábanse os peixes logo de dúas ou tres horas. Era un método de pesca común nas pozas dos ríos galegos. Así é citado en diversos libros, entre eles Un verán en Galicia da inglesa C. Gasquoine Hartley, de 1911, editado en galego por Galaxia[2].

Etnografía editar

En Galiza considerouse especie máxica, por iso se usou moito coma herba de San Xoán. Empregouse coma amuleto e para afastar os malos espíritos dende tempos inmemoriais.

Sinonimia editar

  • Mistralia gnidium (L.) Fourr.
  • Thymelaea gnidium (L.) All.
  • Laureola gnidium (L.) Samp. ex Pereira
  • Daphne paniculata Lam.
  • Daphne orthophylla St.-Lag.

Nome común editar

  • Trobisco: variedades dialectais en Galiza: terebisco, trebisco, trubisco, turbisco, torbisco, chorobisco, churbisco[3];
  • Outros nomes: matapulgas[4].

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para trobisco.
  2. 2,0 2,1 "Trovisco". Consultado o 20 de abril de 2019.  .
  3. Nomes dialectais galegos en Dicionario de Dicionarios da Universidade de Vigo
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para matapulgas.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar