Trega de Iconio, máis coñecida como santa Trega, foi unha mártir anatolia do século I, venerada como santa pola Igrexa católica e mais pola ortodoxa. O único rexistro que se coñece dela procede dos Feitos de Paulo e Trega, texto apócrifo do século II, onde aparece como seguidora de san Paulo.

Infotaula de personaTrega de Iconio

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(grc) Θέκλα Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoséculo I Editar o valor em Wikidata
Konya Editar o valor em Wikidata
Morteséculo I Editar o valor em Wikidata
Konya Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónteólogo Editar o valor em Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa24 de setembro Editar o valor em Wikidata
Detalle de Santa Trega libera a cidade de Este da peste, por Giambattista Tiepolo, 1759, Este, Duomo.
Paulo e Trega. Fresco do século VI, descuberto na cova de santa Trega e san Paulo, nas ruínas de Éfeso.
Estatua de santa Trega en Maalula, Siria.
Retablo tardogótico de santa Trega na Catedral de Barcelona (século XV, obradoiro de Jaume Huguet).
Santa Trega entre as feras, baixorrelievo no altar da Catedral de Tarragona (século XII).

Os primeiros movementos ascéticos reverenciárona como un modelo de castidade feminina, especialmente en Exipto, Siria e Armenia. O seu culto estivo moi difundido nas cidades de Seleucia, onde se sepultou segundo a tradición , Iconium (actual Konya) e Nicomedia. A difusión dos Feitos de Paulo e Trega entre na Igrexa ortodoxa xerou unha forte veneración por Trega, considerada por esta confesión como «protomártir entre as mulleres e igual aos apóstolos»[1].

A ela estivo consagrada a antiga basílica paleocristiá situada onde se atopa a Catedral de Milán, conservándose mesmo algúns restos da primitiva edificación.[2]

No martiroloxio de Beda, Trega celébrase o 23 de setembro, data no que aínda é o día da súa festividade para a Igrexa católica. As igrexas orientais celébrana o 24 de setembro.

Traxectoria editar

Segundo os Feitos de Paulo e Trega que forma parte dos Feitos de Paulo pero que tamén circulou de xeito independente, Trega era unha moza virxe de Konya, Anatolia. Tras escoitar durante varios días os sermóns de san Paulo sobre a resurrección e o valor da virxindade, a súa nai e o seu prometido temeron que se convertese en seguidora do apóstolo e confabuláronse para os castigar. Azoutaron e expulsaron a Paulo e condenaron a Trega a a morrer na fogueira.

Salvouse milagrosamente grazas a un sismo e unha forte tormenta de auga e saraiba que apagou o lume. Fuxiu con Paulo a Antioquía de Pisidia, e alí un maxistrado tentou violala. Trega defendeuse e o maxistrado acusouna de agredilo, polo que a sentenciaron a que a devorasen bestas salvaxes, impedíndoo un novo milagre grazas a varios ataques de feras. Logo destes episodios reuniuse en Mira (Licia) co apóstolo e relizou un labor evanxelizador pola rexión, converténdose nun símbolo, esporeando as mulleres a imitala vivindo unha vida de castidade e seguindo a palabra de Deus[3]. Por último recluíuse nunha cova de Seleucia Pieria, segundo algunhas versións dos Feitos durante 72 anos e con 90 anos un novo milagre ocorreu ao abrirse a montaña para protexela dos seus perseguidores, e aínda tivo azos para ir ata Roma e caer diante a sepultura de san Paulo[4].

Aínda que estes feitos non son históricos, reflicten as tendencias ascéticas do cristianismo primitivo e da experiencia da persecución dese período. Durante séculos foi a virxe mártir con máis sona, e recibiu o tratamento de «protomártir» entre as mulleres, particularmente nas igrexas de Oriente.[5]

Cando menos en tres lugares existe a tradición de considerar que os seus restos descansan alí: Aya Tekla (provincia de Mersin, Turquía), Maalula (Siria) e Roma. En Maalula atópase o mosteiro ortodoxo grego de santa Trega, Deir Mar Takla, construído preto da cova onde se afirma que está sepultada.

Padroeira editar

Especialmente reverenciada na Igrexa ortodoxa, é a patroa das cidades italianas de Este, Mirto, Osimo e da fracción de Santa Tecla en Acireale; de Sitges e de Tarragona en Cataluña, de Santa Tecla no Salvador e da vila de Llandegla, condado de Denbighshire, Gales. En Galicia celébrase o seu culto na ermida de Santa Trega, localizada no monte homónimo na Guarda mais tamén está baixo a súa advocación a parroquia de Santa Tegra de Abeleda en Castro Caldelas.

Dende 1321 celébranse en Tarragona as Festas de Santa Tecla, logo de chegar a reliquia do brazo da santa a esta cidade, por intercesión de Xaime II o Xusto, rei de Aragón, ante o reino armenio de Cilicia. Tamén é patroa dos enfermos de cancro de ósos.

Santa Trega no refraneiro editar

Santa Trega celébrase o 23 de setembro.

  • Por Santa Técola abala a nogueira
  • Por Santa Técola a espilir as nogueiras
  • Por Santa Técola caen as noces da nogueira
  • Santa Técola, que vindima as uvas e os figos leva
  • Por Santa Técola acábanse as queixas[6]
  • Santiago trae as béveras e os figos leva Santa Tecra

Notas editar

  1. Nancy A. Carter. "The Acts of Thecla: A Pauline Tradition Linked to Women". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2011. Consultado o 30 de agosto de 2011. 
  2. Marisa Uberti. "Due passi sotto il Duomo" (en italiano). Consultado o 30 de agosto de 2011. 
  3. Osiek, Carolyn. 'The Cult Of Thecla: A Tradition Of Women's Piety In Late Antiquity (Review)'. Journal of Early Christian Studies 11.3 (2003): 422-424.
  4. James Keith Elliott, ed. (1999). The Apocryphal New Testament: a collection of apocryphal Christian literature in an English translation. Oxford: Clarendon Press. pp. 372–374. ISBN 978-0-19-826182-7. 
  5. Harvey, Susan Ashbrook; Hunter, David G. (ed.). The Oxford Handbook of Early Christian Studies. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-927156-6. 
  6. Porque acabáronse os figos e, deste xeito, acábanse as discusións entre os veciños por roubar figos ou recoller os figos que caían.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • FERRO RUIBAL, Xesús (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992; s. v. Tegra.