Tratado dos Touros de Guisando

Tratado do Reino de Castela

O Tratado, Xura ou Concordia dos Touros de Guisando son denominacións historiográficas para o acordo ratificado o 19 de setembro de 1468 no cerro de Guisando (xunto aos Touros de Guisando, un conxunto de touros de pedra de orixe prerromana, na actual localidade abulense de El Tiemblo), entre o rei de Castela, Henrique IV e a súa medio irmá Isabel. Por mor do tratado, Isabel foi proclamada princesa de Asturias e recoñecida como herdeira da Coroa de Castela.

Inscrición que lembra o tratado

Historia editar

Os primeiros enfrontamentos que conduciron á Guerra de Sucesión Castelá comezaran en 1464, cando un grupo de nobres rebelouse coa intención de facer abdicar ao rei e depor ao seu valido, Beltrán de la Cueva. Os nobres rebeldes chegaron a realizar unha cerimonia, coñecida como a Farsa de Ávila de 1465, na que depuxeron de xeito simbólico a Henrique IV e entronizaron no seu lugar ao seu medio irmán Afonso de Castela. Tras a morte do infante Afonso en xullo de 1468, a outra medio irmá de Henrique, Isabel de Castela, pasou a ser a candidata dos nobres rebeldes.

Con todo, a infanta Isabel preferiu pactar co seu medio irmán, utilizando como mediador ao nuncio do Papa, Antonio de Véneris. Tras unhas vistas realizadas en Castronuevo no mes de agosto de 1468, ambos irmáns chegaron a un acordo preliminar, polo que finalizaría a guerra. Chegouse a ese acordo o 18 de setembro e formalizouse polas dúas partes ao día seguinte, ante os Touros de Guisando. Segundo o tratado, todo o reino volvía á obediencia do rei; a cambio Isabel pasaba a ser princesa de Asturias e, por tanto, herdeira do trono de Castela. Ademais, recibía un amplo patrimonio.

O tratado estipulaba tamén que o matrimonio da princesa Isabel debía realizarse só co consentimento previo do rei. Por outra banda, Xoana, a filla de Henrique IV, quedaba desprazada da posible sucesión, ao declararse que o matrimonio dos seus pais, o rei Henrique IV e a raíña Xoana de Portugal, oficiárase sen a bula papal necesaria, dada a súa condición de curmáns.[1]

Con todo, a voda de Isabel con Fernando, o herdeiro do trono aragonés, celebrouse o 19 de outubro de 1469 en Valladolid sen contar coa aprobación do rei. Este enlace motivou o repudio da Concordia por Henrique IV, quen recoñeceu novamente os dereitos da súa filla Xoana na Cerimonia do Val do Lozoya, o 25 de novembro de 1470.

Notas editar

  1. Belenguer Cebrià (2019), p. 49

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Belenguer Cebrià, Ernest (2019). Los Trastámara. El primer linaje real de poder político en España (en castelán). Barcelona: Pasado & Presente. ISBN 9788494970603. 

Outros artigos editar