Tratado do Ebro

Tratado entre Roma e Cartago

O Tratado do Ebro foi un acordo alcanzado no 226 a.C. entre a República romana e o xeneral Asdrúbal o Belo, en representación de Cartago, polo que se fixaba o río Ebro (latín: Iber)[1][2] como o límite entre ámbalas dúas potencias na Península Ibérica. Algúns autores denomínano o Tratado de Asdrúbal, posto que foi acordado entre o líder cartaxinés e os embaixadores romanos.[3] Baixo os termos do tratado, Cartago vía recoñecida a súa soberanía ao sur do río e non se expandiría ao norte do Ebro, a condición de que Roma non fixese o propio cara ao sur.

Siclo cartaxinés representando a Aníbal.

Contexto histórico editar

Despois da derrota na Primeira guerra púnica en 241, Cartago perdeu Sicilia fronte aos romanos. Aproveitando o levantamento mercenario, no que os mercenarios libios subleváronse contra o estado norteafricano, os romanos ocuparon no 238 Córsega e Sardeña que, xunto con Sicilia, eran os territorios que surtían de trigo a Cartago. Os cartaxineses non foron quen de resistir a esta violación do Tratado de Lutacio, e tiveron que acepta-la perda adicional de territorio. Nos anos seguintes, a esfera de influencia de Roma expandiuse cara ao norte da península italiana e produciuse o gran conflito da guerra contra os celtas no norte de Italia a partir do 225 a. C. Daquela, Cartago decidiu, baixo o liderado de Amílcar Barca, compensa-la perda dos territorio insulares cunha intensa política de conquista na Península Ibérica.

Os romanos observaron con preocupación a renovada expansión do seu adversario máis importante polo Mediterráneo occidental. Xa o 231/230 a.C., unha embaixada romana visitou os Bárquidas para coñece-los seus plans sobre Iberia. Os romanos quedaron satisfeitos coa resposta de que a expansión era necesaria para poder resolver as reparacións negociadas e que aínda estaban pendentes da anterior guerra contra eles.[4]

Problemas de investigación editar

Un problema que xorde coa investigación sobre Cartago é a perda xeneralizada de fontes e rexistros cartaxineses. A tradición contemporánea é predominantemente romana. Polibio é unha das fontes máis crible e, por último, pero non menos importante, máis directa para o Tratado do Ebro. Non obstante, pódese supor que Polibio, que foi deportado a Roma como refén grego, "non estaba completamente libre de restricións prácticas" nas súas observacións.[5]

A maioría das coleccións de textos sobreviventes, pertencentes a Livio ou Apiano, pódense atribuír aos Anais romanos. Estas coleccións deben considerarse como "anacrónicas e enganosas" na medida do posible, xa que se esforzaron en comentar a historia romana dende unha data posterior e, polo tanto, debe ser considerado de xeito crítico na súa análise e avaliación.[3] Metodoloxicamente, os analistas procederon de tal xeito que ofreceron as súas propias interpretacións dos tratados e falsearon feitos xeográficos ou cronolóxicos.[6]

Características editar

 
Itinerario seguido por Aníbal, tras conquistar Sagunto e cruza-lo Ebro para invadir Roma durante a Segunda guerra púnica.

Descoñécese a data exacta, aínda que algún tempo despois do ano en que se asinou o tratado, Roma asociouse cos edetanos de Sagunto, ao sur do río.[7] Polibio conta que o xeneral púnico Aníbal estaba a buscar un pretexto para a guerra[8] de xeito que, tras consultar brevemente ao Senado cartaxinés, puxo a cidade baixo asedio durante oito meses. O Senado romano, ao se decatar do cerco, enviou inmediatamente embaixadas a Aníbal, e máis tarde ao Senado de Cartago. Inicialmente os romanos esixiron que detivese o seu ataque contra un dos seus aliados, ao que rexeitaron os púnicos. O Senado cartaxinés afirmou que foran os saguntinos quen empezaron o conflito, e que os romanos non tiñan motivo algún para acusarlles.

Os romanos foron incapaces de acudir en socorro de Sagunto, que sucumbiu no 219 a. C. Despois da caída da cidade, os romanos fixeron preparativos para a guerra, enviando unha segunda embaixada a Cartago. Os seus emisarios esixiron a Cartago a entrega de Aníbal e o resto de responsables da ruptura do tratado ao atacar Sagunto.[9] Foi neste punto cando o Senado cartaxinés se negou a recoñecer o Tratado do Ebro e a entregar a Aníbal aos romanos.[10] Dise que os cartaxineses compararon este tratado co realizado entre Caio Lutacio Cátulo e Amílcar Barca no 241 a.C., argumentando que os romanos se negaron a aceptar o convenio entre os dous xenerais porque non fora ratificado polo seu pobo.[11] Os enviados romanos descualificaron este razoamento e, ante a incapacidade de chegar a un pacto, a guerra estalou no 218 a.C. O conflito resultante foi a coñecido como Segunda guerra púnica, que durou até o 201 a.C.

Contido do Tratado editar

Polibio resumiu o contido do tratado de tal xeito que os romanos concluíron un tratado con Asdrúbal, "no que non se facía mención ao resto de Iberia, mentres que aos cartaxineses non se lles permitía cruza-lo río Iber con intención bélica".[12] É discutido até que punto os cartaxineses se ataron aquí unilateralmente e concederon unha renuncia defensiva á súa propia expansión na península pois, vista a posterior escalada do conflito romano-celta, Asdrúbal non tiña razóns para o facer. Zimmermann conclúe que os romanos deberon engadir unha oferta aos cartaxineses no propio tratado, e que consistiu en lles outorgar unha total liberdade de acción na zona sur do río. Esta hipótese coincide coa cita de Polibio citada anteriormente na que non se mencionou "o resto de Iberia".[12]

Porén, Bringmann ofrece unha interpretación diferente da pasaxe de Polibio: afirma, ignorando as fontes dos Anais, que o tratado concedeu a ambas partes liberdade de acción e só rexeitou a ocupación bélica do Iber por parte dos cartaxinenes. Esta lectura fai fincapé na vantaxe unilateral para o bando romano, que na véspera do enfrontamento no norte de Italia quixo persuadir aos cartaxineses para que se mantivesen quietos.[3] Así e todo, Polibio enfatizou que os romanos actuaran xenerosamente e evitaron enfrontarse a Asdrúbal.[13]

Localización do río Iber editar

A investigación non chegou a un acordo con respecto a onde se atopaba exactamente o río, que no tratado se denominaba o Iber ou que río, nesa época, se correspondía en Iberia co Iber das fontes antigas. Por outra banda, ademais do Ebro actual, os ríos Xúcar e Segura, que estaban ao sur de Sagunto, tamén foran denominados como Iberus en época romana, e os historiadores tamén os localizan como posibles alternativas.[14] O propio Polibio localiza o río tanto ao sur como ao norte de Sagunto.[15] Outro argumento contra a tese de Sagunto como cidade ao norte do río é que Polibio afirma que, despois da vitoria de Aníbal sobre os arévacos no alto Douro (ao sur do alto Ebro), ninguén deste lado do Iber, agás Sagunto, se atrevera a enfrontarse aos cartaxineses.[16] A maioría das fontes antigas tamén dan a impresión de que Aníbal cruzou o Iber por primeira vez despois da destrución de Sagunto. Porén, é relevante coñecer a situación exacta no que se refire á cláusula de Sagunto e sobre a cuestión de se Sagunto se atopaba ao norte do Iber - o que faría superflua a cláusula - que río tería que cruzar para asediar Sagunto ou se Sagunto se atopaba no sur, é dicir, na zona cartaxinesa real; polo que que cabería pensar que se elaborara unha cláusula que eximía a Sagunto.

Bringmann defende que, no momento da sinatura do tratado, a área de influencia cartaxinesa estaba ao sur do Segura e os romanos terían concedido a Asdrúbal unha inmensa área para poderse expandir.[13] Esta posición atoparía o seu equivalente nas fontes de Polibio, que falaba dunha acción comprensiva dos romanos para cos Bárquidas.[17] Carcopino opina que o río do tratado había de se-lo Xúcar.[18] Bleicken fai fincapé na salvagarda romana dos intereses en favor de Massalia, que tiña numerosos establecementos comerciais no sur da Galia e no norte de Iberia. Nesta época, Massalia proporcionou aos romanos información sobre a expansión cartaxinesa en Iberia.[19] Segundo Polibio, os romanos protestaron polo ataque de Aníbal a Sagunto,[20] pero non por cruza-la fronteira que marcaba o Iber.[21]

Avaliación histórica do Tratado editar

Zimmermann rexeita as opinións que denuncian como revanchista a política cartaxinesa posterior á Primeira guerra púnica. Asdrúbal aceptou o tratado sen necesidade de definir as esferas de interese e renunicou a apoiar as tribos celtas contra Roma trala aceptación da fronteira do Ebro.[22] Bringmann engade que o sentido do tratado hai que buscalo nas circunstancias do momento. Roma planificara a súa guerra contra as tribos celtas do norte de Italia polo 226-225 a. C., polo que o principal obxectivo do tratado era evitar que recibisen axuda militar dos cartaxineses e, por outra banda, ningunha das dúas partes fora capaz de establecer "relacións amistosas ou incluso contractuais con tribos ibéricas ou celtibéricas".[23] Para este propósito, Roma estendeu tratados anteriores sobre restricións náuticas até a fronteira terrestre do Iber; dese xeito, Roma tivo en conta o cambio no exército cartaxinés, que coa perda das súas illas xa non necesitaba manter unha gran frota. Esta foi, finalmente, unha das razóns polas que Aníbal atacou Italia a través dos Alpes e non cruzou o Mediterráneo.[24]

Notas editar

  1. Polibio (1981), p. 198 (Libro II, 13,7)
  2. Polibio (1981), p. 304 (Libro III, 27, 10)
  3. 3,0 3,1 3,2 Bringmann (2001), p. 369
  4. Zimmermann (2009), p. 42
  5. Zimmermann (2009), p. 2
  6. Bringmann (2001), p. 374
  7. Goldsworthy (2008), p. 170
  8. Polibio (1981), p.198 (Libro II, 15, 2-3)
  9. Tito Livio (1993), p. 20 (XXI, 6, 8)
  10. Polibio (1981), p. 296 (Libro III, 20, 9-10)
  11. Polibio (1981), p. 296 (Libro III, 21, 2)
  12. 12,0 12,1 Zimmermann (2009), p. 43 (a partir da tradución de Polibio 2.13.7)
  13. 13,0 13,1 Bringmann (2001), p. 371
  14. Barceló (1998), p. 27
  15. Bringman (2001), p. 375 [atópase no norte en Polibio III 14.9 e no sur en Polibio III 30.3]
  16. Polibio (1981), p. 288 (Libro III, 14,9)
  17. Polibio (1981), p. 198 (Libro II, 13,5-6)
  18. Carcopino (1961), pp. 19-67
  19. Bleicken: Historia de la República Romana. 6ª edición. Múnic 2004, p. 159
  20. Polibio (1981), p. 289 (Libro III; 15.5)
  21. Bringmann (2001), p. 371
  22. Zimmermann (2009), p. 45
  23. Bringmann (2001), p. 370
  24. Zimmermann (2009), p. 116

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Fontes primarias editar

  • Polibio (1981). Díaz Tejera, A., ed. Historias, Libros I–IV. Biblioteca Clásica Gredos, nº 38. Madrid: Editorial Gredos. ISBN 84-249-0082-0. 

Fontes secundarias editar

Outros artigos editar