Tratado de París (1814)

O Tratado de París foi asinado o 30 de maio de 1814 polo cal remataba a guerra entre Francia e a Sexta Coalición, formada polo Reino Unido, Rusia, España, Austria, Suecia, Portugal e Prusia. É posterior ao Tratado de Fontainebleau (1814) que incluía a abdicación de Napoleón I e a restauración da Casa de Borbón en Francia.

Historia editar

Os termos do tratado foron pouco severos con Francia, para evitar o evidente descontento popular que ameazaba a restauración de Lois XVIII de Francia tras o período revolucionario.[1] Permitíuselle conservar as fronteiras de 1792, incluíndo uns 8.495 km² de territorio capturado en 1790-92, destacando Landau in der Pfalz, Saarlouis, Saarbrücken, Aviñón, Condado Venaissin, Condado de Montbéliard, Mandeure, Mulhouse e parte de Savoia, como Chambéry e Annecy.

A maioría das colonias que Francia perdera durante o transcurso de Guerras napoleónicas foron devoltas, coa excepción de Malta, Tobago, Santa Lucía, a Illa Mauricio e o arquipélago Chagos, que pasaron a ser territorios británicos. Así e todo, os aliados vitoriosos foron conscientes da posibilidade de que Francia chegase a ter outra vez acordos con outros estados, e con isto en mente, os territorios circunstantes a Francia foron reforzados.

Os actuais países de Bélxica, os Países Baixos e Luxemburgo foron unidos baixo a Casa de Orange para formar un estado máis forte, o Reino Unido dos Países Baixos; había provisións similares no sur ao consolidar o reino de Piamonte-Sardeña que recuperaba o Condado de Niza. Unha provisión secreta, marcaba que Venecia podería ser transferida a Austria. Así mesmo a Confederación do Rin, que era a herdeira do Sacro Imperio Romano Xermánico, quedou disolta tras esta derrota napoleónica e terminaría sendo substituída pola Confederación Xermánica.

Restaurouse nas súas posesións italianas a Fernando III, no Gran Ducado de Toscana. A María Beatriz de Leste no Ducado de Massa e Carrara e ao seu fillo Francisco IV no Ducado de Módena.

Garantíuselle a Suíza a súa independencia e entregóuselle o municipio de Le Cerneux-Péquignot. No Congreso de Viena ademais recibiría Valais, Xenebra, o Bispado de Basilea e o Principado de Neuchâtel (en unión persoal con Prusia).

O tratado tamén estipulaba que Francia debería abolir gradualmente a escravitude, durante un período de cinco anos, con incentivos económicos e territoriais dos británicos.

O seu negociador foi Charles Maurice de Talleyrand.

Cando definitivamente caeu Napoleón tras os Cen Días houbo outro Tratado internacional en París moito máis desfavorable para os franceses e, ademais, celebrouse o Congreso de Viena[2] para resolver os temas europeos pendentes.

Notas editar

  1. "Tratados de París - EcuRed". Consultado o 31 de agosto de 2019. 
  2. "Congreso de Viena". Consultado o 31 de agosto de 2019. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar