O trance é un xénero da música electrónica que se desenvolveu nos anos 90 composto por sons sintéticos, acordes longos, atmosferas envolventes, arpexos, en ocasións ácidas, base rítmica de percusión e melodías moi elaboradas.

O estilo é, aínda que isto se discute, derivado dunha ampla combinación de música electrónica, como a música ambient, o techno e o house. A orixe do termo é ambigua: uns suxiren que o termo deriva do álbum Trancefecer, de Klaus Schulze, ou ben do anterior Dance 2 Trance, aínda que o máis probable é que o termo estea ligado á idea de que as pulsacións típicas do trance induzan a un "estado alterado da conciencia" (un estado de transo). Dado que esta música era tocada sobre todo en clubs nocturnos de lugares típicos de vacacións (como Eivissa) e nos dos centros das cidades, o trance pódese considerar como un dos tipos da música club.

Ten as súas orixes estilísticas no techno, o house e as músicas electrónica e industrial. As súas orixes culturais son nos inicios dos anos 90 en Alemaña, Suíza e Países Baixos. Os instrumentos típicos usados son o sintetizador, o teclado, a batería, os secuenciadores e os sampleadores. Os estilos derivados son o trance psicodélico ou "psytrance". Subxéneros do estilo son o Acid, Classic, Euro, Goa, Hard, Progressivo, Tech ou o Uplifting. Xéneros mixtos son o Futurepop, Hardstyle.

Características musicais editar

O trance emprega un compás de 4/4, un tempo de 130 a 165 BPM, sendo un pouco máis rápido que a música house pero non tanto como a psicodélica. As primeiras cancións eran ás veces incluso máis lentas. Un vivo drum (tambor ou batería) está colocado en cada compás. A melodía principal acostuma a ser unha melodía "gancho" que recorre practicamente toda a canción, repetíndose a intervalos en calquera parte. Normalmente engádense algúns elementos de percusión e as transicións máis importantes e clímax son con frecuencia presaxiadas por unha rápida sucesión de drums a distancia regular que incrementan o volume ata o fin do compás ou da secuencia musical. É habitual a polifonía. As secuencias de sintetizador que usa son melódicas e repetidas, e a construción musical acostuma aumentar e diminuír de intensidade ó longo da track. A miúdo atopamos crescendos e breakdowns. Outras características típicas son os arpexos rápidos e as escalas menores.

Os sintetizadores constitúen os elementos centrais da maioría das cancións do trance, con sinxelos sons usados tanto para pequenos pizzicatos como para os sons de corda.

Na composición deste estilo de música acostúmase a usar diversos efectos acústicos como o eco, a reverberación, o flanger, o delay e o filtrado. Estes efectos son aplicados ós acordes, á melodía, á percusión e, en xeral, a todas as secuencias musicais que pode ter unha composición de música electrónica.

Uns dos efectos máis empregados son os de reverberación e delay (efecto de son que consiste na multiplicación e retardo modulado dun sinal sonoro). Unha vez procesado o sinal mestúrase co orixinal, o resultado é o clásico efecto de eco sonoro). Estes efectos aplícanse tanto ós sons de sintetizador, como as partes cantadas (de habelas) e con frecuencia ás partes da sección de percusión. Isto dá a dimensión espacial ampla que os produtores tenden a procurar coa fin de acadar o estilo "épico" do xénero.

É común usar unha melodía gancho central que recorre practicamente toda a canción, repetíndose a intervalos en calquera parte. Unha técnica chamada gating é a miúdo empregada para eses sons principais (subindo e baixando o volume rapidamente ó ritmo da peza).

O flanger é un efecto de son que produce un son metalizado oscilante sobre todo en frecuencias medias e altas e que se obtén duplicando a onda sonora orixinal, mantendo unha delas limpa e desfasando moduladamente a segunda, aumentando o diminuíndo o seu retardo cunha oscilación determinada. Os phrasers, tamén usados, son efectos que se obteñen modulando un filtro.

A maior parte da música trance non ten ningunha parte cantada, aínda que cada vez máis moitas cancións baséanse nunha letra cantada, chegando así a desenvolverse un subxénero (o trance vocal).

Como pasa na música dance, os temas de trance están normalmente feitos con introducións e "outros" (o equivalente musical da coda da música clásica) que permiten ós djs mesturalos máis facilmente. Dado que o trance é máis melódico e harmónico que a música dance, na construción dos temas é extremadamente importante evitar mesturas disonantes. Esta técnica de mestura, que evita sons disonantes, chámase Dj friendly, é dicir unha mestura harmoniosa.

No trance non hai necesidade de que os sons se parezan a ningún instrumento real e de aí que os artistas lle poidan dar renda libre á súa creatividade.

O son e a calidade das producións baséase en gran medida na tecnoloxía dispoñible. Os equipamentos analóxicos aínda teñen o seu lugar no corazón de moitos produtores e entusiastas con nomes como Moog, Roland e Oberhemim. Estes equipamentos analóxicos son extremadamente caros, de aí que a corrente maioritaria sexa o uso de tecnoloxía e equipamento dixital que permitiu emerxer a un gran grupo de novos produtores.

Subxéneros editar

O trance ten varias ramas. Entre elas está o trance progressivo, un subxénero con ritmos e plugs máis lentos có trance puro, caracterizado por ter progresións e percusións constantes; na maioría do progresivo o beat ou bombo que usa é tomado do psytrance, tamén coñecido como goa trance. Outras ramas do trance son o uplifting trance, que actualmente é o que máis recorda ós sons enérxicos da época de finais dos 90 con artistas como Abobe & Beyond, Stoneface & Terminal, Aly & Fila e Solotrance.

Tamén existen ramas máis fortes como o hardtrance e o tech trance. Basicamente o hard trance é unha variación cunha percusión moi ruda, melodías que poden ser moi chamativas e de tipo club, baixos chispeantes e brutos.

Pola contra o tech trance caracterízase por presentar unha percusión moi ben traballada e melodías eufóricas que se fan notar nunha pista de baile. Os seus iniciadores son Nic Chagall e DJ Bosi, coñecidos como Cosmic Gate. Outros artistas desta mesma corrente son Martín Röth, Jesselyn ou Vadim Zhukov.

Outras ramas do trance son o acidtrance, caracterizado por sons trance con melodías ácidas e efectos de filtrado e delay. O seu representante máis coñecido é Kai Tracid.

No goa trance ou psytrance, con sons moi psicodélicos e penetrantes existen varios artistas recoñecidos como Astral Projection, Protoculture, 1200 Micrograms e Infected Mushrooms.

Historia editar

Orixe: finais dos oitenta a comezos dos noventa editar

As gravacións máis vellas considerables como trance veñen do movemento Acid House do Reino Unido, en concreto do grupo KLF. A máis destacable delas é a versión orixinal de 1988-1999 de "What Time is Love" e "3 a.m. Eternal" (o molde sen dúbida do son trance, así como inspirador dos sons do hardcore e o rave) e a canción "Kylie Said Trance" de 1988. Os KLF etiquetaron estas vellas gravacións como "puro trance". Eran notablemente diferentes das edicións e reedicións que rodearon o período de grande éxito comercial do álbum The White Room de 1991, e tamén eran moito máis minimalistas, orientadas ós clubs nocturnos é cun son "underground". Namentres que os traballos de KLF son claros exemplos do Proto-trance, dúas cancións, ambas de 1990, son amplamente consideradas coma as primeiras verdadeiras gravacións do trance. A primeira é "Age of Love", chamada igual có grupo que debutaba con ese nome: foi lanzada a principios de 1990 e considérase o modelo do trance que sairía de Alemaña. A segunda é "We Came in Peace", de Dance 2 Trance, que era unha cara-b do sixelo co que debutaron.

Dise que o son do trance, máis alá desta xéneses na era do acid, comezou como unha derivación do techno dos clubs de Alemaña no comezo da década dos 90. Frankfurt é a miúdo citada como o lugar do nacemento do trance. Algúns dos pioneiros do xénero son Jam El Mar, Oliver Lieb, Sven Väth, e Torsten Stenzel, que produciron numerosos temas con diferentes alcumes. As produtoras como Eye Q, Harthouse, Superstition, Rising High ou MFS Records estaban en Frankfurt. Discútese se se trata dunha fusión do techno e a música house. O antigo trance parecíase bastante ó techno no que se refire ó tempo e ás estruturas de ritmo, pero engadía melodías harmónicas que eran tomadas do estilo do house pop europeo daquel tempo. Porén, as melodías do trance diferéncianse do house europeo en que, se ben ambas tenden a ser emocionais é elevadas, non "rebotaban" da mesma maneira que o facían no house. Esta temperá música tendía a caracterizarse por calidades hipnóticas e melódicas e era típico repetir patróns rítmicos engadidos de duración determinada mentres a track transcorría.

A década dos 90 editar

Foi a mediados dos 90 cando o trance, en especial o progressivo, se levantou comercialmente coma un dos xéneros dominantes da música dance. O progressivo encontrou o seu lugar na fórmula básica do trance moderno, comezando a centrarse nos retrousos eufóricos e apartándose dos patróns hipnóticos e repetitivos do sintetizador analóxico. Ampliáronse Os elementos pop e os fragmentos tipo himno (eufóricos). As composicións apoiábanse en cambios de incremento (coma as estruturas progresivas), ás veces compostas en terzos (como adoita facer BT). Namentres outro tipo diferente de trance, normalmente chamado uplifting trance comezou a ser popular. O uplifting trance ten crescendos e colapsos que son máis longos e máis esaxerados, sendo máis directo e menos sutil que o progressivo, con melodías e estrebillos máis identificables. Moitas destas cancións seguían un guión, cunha introdución, un crescendo constante, un colapso e o estrebillo. As partes cantadas, normalmente por voces femininas comezaron a estar cada vez máis presentes, engadíndose á atracción natural do trance pop.

O trance evolucionou sendo máis definido có house, máis sosegado có drum'n'bass, e máis melódico có techno, todo o cal fíxoo accesible a unha audiencia mais ampla. Artistas como Tiësto, Armin van Buuren, Paul van Dyk, Robert Miles, Above & Beyond, Darren Tate, Ferry Corsten, Johan Gielen, ATB ou Paul Oakenfold chegaron á primeira fila como produtores e como remezcladores, traendo con eles o estilo emocional e épico do trance actual. Moitos destes produtores tamén pinchaban como djs en clubs as súas propias producións así como tamén as doutros djs do trance. A finais dos anos 90 o trance converteuse nun filón comercial, a pesar de que se fragmentara en subxéneros moi diferentes entre eles. Algúns dos artistas que axudaron a crear o son do trance nos principios e a mediados dos 90, ó final da década deixaron o trance para buscar uns sons máis underground, como Pascal, F.E.O.S. ou Oliver Lieb.

Ó mesmo tempo que a industria do trance comezou a ser máis grande, as empresas de gravación, moitos produtores afincados en Eivisa, clubs (en especial "Ministry of Sound") e os djs mesmos comezaron a alterar o son cara a un máis tipo pop, para así facelo accesible a unha audiencia aínda maior.

Finais dos 90 e evolución actual editar

Un dos pioneiros da música trance actual é Paul Van Dyk. A súa canción "Forbidden Frut" (1997) é unha das producións consideradas coma o punto de inflexión do xénero. Neste tema pódese atopar a forma básica do trance actual.

Unha evolución alternativa fusionou o trance con outros xéneros coma o drum'n'bass. Varios artistas intentaron esa fusión pero aínda tiveron que esperar que fora aceptada na cultura underground. Frustrados ante esta falta de aceptación, sacaron xéneros moi minoritarios con versións extremas de trance: o hard trance, o terrorcore ou o drillcore.

Hoxe o trance evolucionou e os seus sons acadaron un alto grado de percepción sonora e polifonía.

Así tanto o trance comercial como o trance progressivo teñen agora unha presenza máis global, sendo tocado en grandes escenarios, con gran maquinaria de iluminación robotizada e sobre todo cos artistas máis famosos nas listas internacionais, como por exemplo Tiësto ou Armin van Buuren. Tamén se dan a coñecer entre o público os novos produtores e djs en boa medida grazas a Internet, a través das páxinas persoais dos propios artistas ou páxinas especializadas no xénero, así como mediante os diferentes medios de descargas de música na rede.

Artistas editar

Ademais dos arriba sinalados, entre os artistas máis coñecidos actualmente están Markus Schulz, Dj Adrianho, Enigma, Schiller, Solarstone, Christopher Lawrence, George Acosta, Darude, Ronski Speed, Aly & Fila, Stoneface & Terminal, Menno de Jong, Giuseppe Ottaviani, M.I.K.E., Crash & Tiny ou Sean Tyas.

Festivais editar

Países Baixos editar

Organizados polas compañías ID&T, UDC e Q-Dance:

Gran Bretaña editar

  • Global Gathering
  • Cream's annual Creamfields festival
  • Gatecrasher
  • South West Four
  • PlanetLove

Alemaña editar

  • Full Moon Trance Festival
  • Loveparade (Berlín)

Portugal editar

  • Boom Festival

Fóra de Europa editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Argentum. "Trance music. A definition of genre.". Moodbook.com.
  • Wier, Dennis R. (1996). "Trance Inducing Music". Trance.ch (The Trance Institute).

Ligazóns externas editar