Torre de San Sadurniño

construción en Cambados

A Torre de San Sadurniño atópase na Illa de Figueira, unha pequena illa con forma de triángulo irregular (San Tomé do Mar) fronte á actual zona urbana de Cambados na provincia de Pontevedra.

Torre de San Sadurniño
ben de interese cultural
ConcelloCambados
ProvinciaPontevedra
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°30′25″N 8°49′16″O / 42.50694444, -8.82111111Coordenadas: 42°30′25″N 8°49′16″O / 42.50694444, -8.82111111
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalrománico (século X)
Estado actualEn ruínas
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

 

O lugar no que se encontra foi probablemente o núcleo de poboación máis antigo de Cambados[1], e coñecido antigamente como Vila Vella[2] e que despois adoptaría a actual denominación de San Tomé do Mar.

Caamaño Bournacell sinala que a fortificación foi construída na época do bispo compostelán Sisnando, na segunda metade do século X. Con posterioridade a vila e a fortificación foron mercadas polo arcebispo de Santiago Diego Xelmírez no século XII, que ordenou restaurar a fortificación. No século seguinte pasou por aforamento a ser feudo de Pai Gómez Chariño, que reconstruíu a torre e a fortificación.

Finalmente a fortificación foi destruída entre 1466 a 1470 durante as revoltas irmandiñas.

A torre serviu de hospedaxe a ilustres personaxes, como Urraca de León e Castela, nai de Afonso VII. Tamén agardou nela a Infanta de Hungría María Gómez (que fora traída a Galiza por Paio desde a corte de Tamerlán) ó seu amante, Paio Gómez de Soutomaior, que fuxira a Francia. Outras desgraciadas amantes ilustres que moraron nesta torre foron Xoana de Castro, raíña e esposa por un día de Pedro I O Cruel, e María Ulloa, amante do arcebispo Alonso II de Fonseca.

A fortificación estivo vinculada ata o século XVIII á familia Chariño - Soutomaior, ata que o IV Conde de Castronovo, Martín Domingo de Guzmán y Niño, vendeu o señorío e as posesións ó primeiro marqués de Montesacro, Diego de Zárate y Muga, que o conservou ata a desaparición dos señoríos no século XIX.

Características editar

 
 
Detalle da cheminea.
 
Vista desde o exterior.

Na pequena illa que ocupaba a antiga fortificación só se conservan uns poucos restos: unha esquina dos muros rexos de cantaría de granito cunha xanela. Ademais atópanse restos dunha lareira no encontro dos muros, que consta dunha cambota de granito sostida por canzorros e unha cheminea formada por un cano tamén de granito.

Ademais da súa función defensiva tamén serviu de torre de vixilancia e de faro. Durante os ataques dos piratas normandos e berberescos formaba parte dun sistema de comunicación polo que, por medio de fogueiras, alertaban á xente da comarca para impedir o asalto á cidade de Compostela. O aviso chegaba desde a fortaleza da Lanzada, e o lume da fortificación de San Sadurniño era visible ata Vilanova de Arousa, e a fogueira desta alertaba ás Torres de Oeste en Catoira, lugar estratéxico fundamental para a defensa de Compostela.

A principios do século XX aínda eran visibles os alicerces da antiga capela do complexo.

Notas editar

  1. Memorias do arcebispo Jerónimo del Hoyo, que visitou Cambados en 1607.
  2. Segundo Caamaño Bournacell polo menos ata o século XII.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Boga Moscoso, Ramón: Guía dos castelos medievais de Galicia (2003), páxs. 44-45.
  • IES Francisco Asorey: Cambados. Cen anos de historia a traves da fotografía (2005), páxs. 83 e 89.
  • Caamaño Bournacell, José: Cambados a la luz de la historia (1933)