Torre de Couso

pazo en Couso, A Estrada

A Torre de Couso, tamén chamada Casa Grande de Maíndo, é un pazo-fortaleza situado no lugar de Maíndo, na parroquia de Couso, no concello pontevedrés da Estrada. Atópase na beira do río Ulla, preto do Pazo de Ximonde e con xurisdición na beira sur do couto salmoneiro de Couso. Pertenceu ao patrimonio nobiliario dos Condes de Ximonde.[1]

Torre de Couso
ConcelloA Estrada
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°44′58″N 8°33′10″O / 42.749425746006, -8.5528847754821Coordenadas: 42°44′58″N 8°33′10″O / 42.749425746006, -8.5528847754821
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(século XVI)
Estilo actual(século XVI)
Estado actualEn bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Descrición do pazo editar

A Torre de Couso, ou Casa grande de Maíndo é unha pequena fortaleza construída dentro dun recinto amurallado que inclúe un hórreo. De planta rectangular, consta de planta terrea e sobrado. Ten dúas portas de acceso, unha delas con arco de volta perfecta e a outra con arco apuntado. As dúas están formadas por perpiaños cun pequeno escudo esculpido. Na fachada meridional hai vans rectangulares e un escudo datado en 1530 segundo consta nunha lápida á entrada.

Historia editar

A Torre de Couso pertenceu aos Condes de Ximonde. O primeiro titular do Condado de Ximonde foi Xoán Antonio Cisneros Castro de la Barrera (1721-1798), Rexedor Perpetuo da cidade de Santiago de Compostela e Señor do Couto de Ximonde, da Torre de Couso, do Pazo de Anzobre e do Castelo de Mirón, entre outras propiedades.

O seu fillo, segundo titular do condado de Ximonde, e en consecuencia tamén do Señorío sobre da Torre de Couso foi Pedro Cisneros de Castro Ulloa nado en Sarandón, Vedra (A Coruña) o 2 de decembro de 1770. Casou con Agustina de Puga Araújo, e tivo unha única filla, Jacoba Cisneros de Puga, IIIª Condesa de Ximonde, que faleceu en Santiago de Compostela en 1860, aos 53 anos de idade.

Por non ter descendencia a condesa, herdou o seu patrimonio o seu curmán Manuel María Puga Feijoo[2] que fixou a súa residencia no Pazo de Anzobre e cedeu a Torre de Couso á súa filla, Gumersinda Puga Blanco, casada co Catedrático da Universidade de Santiago, Xesús Novoa López, falecido en 1911.

Sucedeuna como herdeira do Pazo a súa filla Carme Novoa Puga, dona de Salvador Lissarrague Molezún.[3] E posteriormente, sucedeulles a filla de ambolos dous Carme Lissarrague Novoa, irmá do coñecido catedrático e escritor Salvador Lissarrague Novoa, que fixou no Pazo de Couso a súa residencia de verán.[1]

Procedencia da propiedade dos Condes editar

 
Igrexa parroquial de Couso.

O avó do primeiro conde, Bernardino Cisneros Figueroa xa era recoñecido nun documento de 1702 como lexítimo dono e posuidor da casa de Maíndo e sucesor lexítimo no vínculo e morgado que fundaron María Suárez de Reino e María Suárez de Aldao.[4]

En realidade o pazo do Outeiro de Maíndo (Couso) é, posibelmente, o vestixio máis antigo da historia medieval nas terras do Vea, e o que mellor pode testemuñar o esplendor das fortalezas e torres dos señores feudais. Algúns autores suxiren que a casa señorial podería existir a finais do século XIII ou principios do XIV, xunto a outras casas grandes semellantes achegadas ao río Ulla.

Mais a historia desta torre fortaleza é coñecida a partir do século XVI. O certo é que a data de construción que figura inscrita na porta é a de 1530. Inicialmente estivo relacionada coa liñaxe dos Bendaña, e despois cos Reino, Castro e Ximonde. Sábese que o bispo de Mondoñedo, Álvaro Núñez de Isorna e Bendaña pasou a controlar a torre por concesión do arcebispo de Santiago de Compostela, Lope de Mendoza. Tralo dominio dos Suárez de Reino, que constituíron o morgado, o control pasou á liñaxe dos Cisneros, xa no XVII, que son os titulares do Condado de Ximonde.

A mansión perdeu o seu carácter militar, para adquirir funcións de residencia de administradores que coidaban as pesqueiras do Ulla.[5]

Contornas editar

 
Ponte de Xirimbao, couto de Couso

O pazo áchase nun espazo de gran beleza. Por Couso pasa o Camiño Real que chegaba pola beira esquerda do río Ulla dende Pontecesures, formando parte do Camiño francés a Compostela e que atravesa o río Ulla pola ponte románica de Pontevea, de seis arcos.

O pazo domina o couto salmoneiro de Couso, máis coñecido como Xirimbao, descendendo dende a casa unha fermosa pradeira deica o río Ulla. O couto conta cunha pasarela peonil de arame, próxima ao pazo, recentemente restaurada, dende a que se pode ollar o río e o couto de couso

Notas editar

  1. 1,0 1,1 [1] Maíndo (A Estrada Pontevedra): Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do Condado de Ximonde
  2. Testamento
  3. [2] Torre da Candaira. Genealogía de la familia Lissarrague-Molezún
  4. [3] Maíndo (A Estrada Pontevedra): Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do Condado de Ximonde
  5. [4] Arquivado 10 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Quilos de historia en Maíndo. F. S. Cordón. La Voz de Galicia. 15 de abril de 2004. Con fotografía.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

  • [5] Quilos de historia en Maíndo, artigo en La Voz de Galicia.