Tirso de Molina

escritor español

Frei Gabriel José López y Téllez, nado en Madrid o 24 de marzo de 1579 e finado en Almazán contra o 20 de febreiro de 1648, foi un relixioso mercedario español coñecido como Tirso de Molina, que destacou como dramaturgo, poeta e narrador.

Tirso de Molina
Nome completoGabriel José López y Telléz
AlcumeTirso de Molina
Nacemento24 de marzo de 1579, 24 de marzo de 1583, 1583 e 1570
Lugar de nacementoMadrid
Falecementoc. 20 de febreiro de 1649, 12 de marzo de 1647 e 1648
Lugar de falecementoAlmazán
SoterradoAlmazán
NacionalidadeEspaña
Relixióncatolicismo
Alma máterUniversidade de Alcalá
Ocupacióndramaturgo, poeta, escritor e historiador
Na rede
IMDB: nm0210385 Allocine: 627333
Galiciana: 40188 Musicbrainz: 1986d80b-c1fe-4617-b0f3-20de89c7e1ec Discogs: 855770 Find a Grave: 24932593 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Tirso de Molina destacou sobre todo como autor dramático. A súa dramaturxia abrangue principalmente a comedia de enredo, como Don Gil de las calzas verdes, e obras haxiográficas como a triloxía de La Santa Juana ou La dama del olivar. Atribúeselle a creación do mito de Don Juan en El burlador de Sevilla, cuxa primeira versión puido ser de 1617, xunto coa obra Tan largo me lo fiais, editada no século XVII a nome de Calderón e que parte da crítica atribúe a Andrés de Claramonte (outro sector da crítica considérana unha versión emparentada cun arquetipo común escrito por Tirso entre 1612 e 1625).[1] Tirso foi o primeiro autor que deu fondura psicolóxica ás personaxes femininas, que chegaron a ser protagonistas das súas obras literarias.

Traxectoria editar

 
Cigarral del Santo Ángel Custodio en Toledo, onde se reuniu Tirso de Molina con outros literarios baixo os auspicios do Cardeal Sandoval y Rojas

Gabriel Téllez naceu en Madrid, fillo de Andrés López e Juana Téllez, humildes serventes de Pedro Mesía de Tovar, señor e despois conde de Molina de Herrera.[2] Sábese que foi bautizado o 29 de marzo de 1579, na parroquia de San Sebastián de Madrid grazas ao investigador Luis Vázquez Fernández, que o documentou en «Gabriel Téllez nació en 1579. Nuevos hallazgos documentales».[3] Tirso de Molina foi un discípulo fervoroso de Lope de Vega, a quen coñeceu como estudante en Alcalá de Henares; toda a súa vida defendeu a concepción lopista do teatro. O 4 de novembro de 1600 ingresou na Orde da Mercé e tras pasar favorablemente o novizado tomou os hábitos o 21 de xaneiro de 1601 no mosteiro de Santo Antoíño de Guadalaxara. Foi ordenado sacerdote en 1606 en Toledo, onde estudou artes e teoloxía e comezou a escribir;[4] Tirso chegou con vinte e sete anos ao convento de Santa Catarina da Mercé, e aquí pasou gran parte da súa vida, entre os hábitos relixiosos e a súa dedicación ao teatro. Na súa obra Los cigarrales de Toledo mostra a súa predilección pola súa "patria adoptiva". Nesta cidade escribiu varias das súas obras (La villana de la Sagra, El vergonzoso en palacio e posiblemente tamén El burlador de Sevilla y convidado de piedra), e tivo os seus primeiros contratos teatrais. O 23 de outubro de 1615 estreouse no Mesón de la Fruta Don Gil de las calzas verdes, que provocou a envexa de Lope, xa que se ben non gustou en Madrid, foi moi aplaudida en Toledo. Nesta época tamén fixo viaxes a Galicia (en 1610 ou 1611), a Salamanca (en 1619) e a Lisboa.

En 1612 vendu un lote de tres comedias, e crese que xa escribira antes unha primeira versión de El vergonzoso en Palacio; de 1611 é La villana de La Sagra; contra 1613, El castigo del penseque e a triloxía de La santa Juana, e de 1615 data Don Gil de las calzas verdes; tamén ese ano estreou no Corpus toledano o auto Los hermanos parecidos. Xa por entón, se ben cultivaba tamén temas relixiosos, as súas sátiras e comedias provocáranlle problemas coas autoridades relixiosas, o que o levou a retirarse entre 1614 e 1615 no mosteiro de Estercuel en Aragón. Quizais por iso apenas figura no Viaje del Parnaso de Cervantes.

Entre 1616 e 1618 estivo en Santo Domingo, e foi profesor de teoloxía na universidade desa cidade durante tres anos e onde interveu ademais en asuntos da súa orde. Isto permitiulle coñecer numerosas historias da conquista que empregou máis tarde nas súa obras. De volta a España xa en 1618, instalouse en Madrid, onde entre 1624 e 1633 apareceron as cinco Partes das súas comedias; estas «profanas comedias» causaron un grande escándalo, de xeito que o 6 de marzo de 1625 se reuniu unha das xuntas con que o Conde-Duque de Olivares pretendía reformar os costumes. Tomouse entón a resolución de desterralo a Sevilla, onde residiu no Convento da Mercé, actualmente Museo de Belas Artes.

En 1622 participou no certame poético con motivo da canonización de Santo Isidro, mais en 1625 a Xunta de Reformación creada a instancias do Conde-Duque castigouno coa reclusión no mosteiro de Cuenca por escribir comedias profanas «e de maos incentivos e exemplos», e pediu o seu desterro e excomuñón maior se reincidise.

A pesar de todo, Tirso de Molina continuou a escribir e non se tomaron medidas maiores contra el ao minguaren as disposicións moralizadoras do Conde-Duque. De feito, en 1626 pasou a residir en Madrid e foi nomeado comendador de Trujillo, polo que viviu nesa cidade estremeña ata 1629, en que volveu a Toledo e posiblemente a Madrid.

Entre 1632 e 1639 estivo en Cataluña, onde foi nomeado definidor xeral e cronista da súa orde e compuxo Historia general de la Orden de la Merced. En 1639 o pontífice Urbano VIII concedeulle o grao de mestre. Porén, os enfrontamentos con membros da súa propia orde levárono outra vez ao desterro en Cuenca en 1640.

Os seus últimos anos pasounos no convento da Nosa Señora da Mercé en Soria, do que foi nomeado comendador en 1645. Faleceu en Almazán en 1648.

Notas editar

  1. Robert Lauer, «Tirso de Molina» Arquivado 07 de outubro de 2008 en Wayback Machine.. Véxase tamén Blanca Oteiza, «¿Conocemos los textos verdaderos de Tirso de Molina?» Arquivado 11 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., en Ignacio Arellano e Blanca Oteiza, Varia lección de Tirso de Molina (Actas do VIII Seminario do Centro para a Edición de Clásicos Españoles), Madrid, Pamplona, Instituto de Estudios Tirsianos, 2000, pp. 99–128 (Publicacións do Instituto de Estudios Tirsianos, 6). Alacant, edición dixital da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2006.
  2. Gabriel Téllez na Real Academia da Historia
  3. Homenaje a Tirso, L. Vázquez, ed., Madrid: Revista Estudios, 1981, pp. 19–36
  4. Calvo, Mariano (1992). «Tirso de Molina. Ruta del siglo de Oro», en Rutas literarias de Toledo. Toledo: Cuarto Centenario, pp. 159-161. ISBN 978-84-940811-2-5. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar