The Postman Always Rings Twice (novela)

The Postman Always Rings Twice é unha novela criminal de James M. Cain publicada en 1934.

The Postman Always Rings Twice
Título orixinalThe Postman Always Rings Twice
Autor/aJames M. Cain
OrixeEstados Unidos
Linguainglés
Xénero(s)Novela criminal
EditorialAlfred A. Knopf
Data de pub.1934
editar datos en Wikidata ]

A novela acadou grande éxito e sona desde o momento da súa publicación, e está considerada unha das novelas criminais máis importantes do século XX. De acción rápida e de curta duración (entre 100 e 150 páxinas, dependendo da edición), a súa mestura de sexualidade e violencia foi sorprendente no seu tempo, e comportou a súa prohibición en Boston[1].

Foi incluída na lista da Modern Library das 100 mellores novelas[2]. Foi levada ao cine en cinco ocasións, sendo probablemente a versión de 1946 a máis coñecida.

Trama editar

A historia é narrada en primeira persoa por Frank Chambers, un mozo vagabundo que para nun restaurante da California rural para comer, e acaba traballando alí. A cociña é levada por Cora, unha muller nova e fermosa, e mailo seu home, Nick Papadakis, un grego máis vello ca ela.

Hai unha atracción inmediata entre Frank e Cora, e comezan unha relación apaixonada con facetas sadomasoquistas (ao se abrazaren, Cora pídelle a Frank que lle morda o beizo, e faino tan forte que lle fai sangue).

Cora, unha figura de femme fatale, está cansa da súa situación, casada cun home que non ama, e traballando nun restaurante que lle gustaría posuír e mellorar. Frank e Cora acordan asasinar o grego, coa intención de comezar unha nova vida xuntos sen que Cora perda o rastaurante.

Planean golpear a Nick na cabeza e simular que caeu e afogou no baño. Cora golpea a Nick cun golpe sólido, pero debido a que marcha a electricidade e á aparición dun axente de policía preto do restaurante, o plan non sae adiante. Nick recupérase, e por mor dunha amnesia con efectos retroactivos, non sospeita que escapou por pouco de morrer.

Aínda coa determinación de matar a Nick, Frank e Cora repiten o primeiro plano, desta volta nun coche. Nick colle unha chea con viño, e mátano e accidentan o vehículo por un barranco abaixo, resultando feridos Frank e Cora. O fiscal local sospeita o que realmente ocorreu, pero non ten probas suficientes para demostralo. Como unha táctica destinada a que Cora e Frank se acusen o un ao outro, intenta acusar só a Cora do crime. Aínda que eles se acusan o un ao outro, unha intelixente manobra do avogado de Cora impide que a súa confesión completa chegue a mans do procurador. Coa táctica de non ter posibilidade de acadar novas probas para a acusación, Cora finalmente acepta un acordo xudicial favorable ao abeiro do cal logra unha suspensión da pena e non ten que ir a prisión.

Finalmente Frank e Cora arranxan a súa difícil relación xuntos, planeando un futuro xuntos. Porén, Cora morre nun accidente de coche, pouco despois de dicirlle a Frank que está preñada del.

O libro remata cun resumo do que lle pasou despois a Frank, explicando que foi condenado polo asasinato de Cora e que o texto debe ser publicado despois da súa execución.

O título editar

O título é unha especie de non sequitur, pois on hai ningún personaxe ou alusión na novela a un carteiro, e o seu significado foi obxecto de especulación en diversas ocasións. William Marling suxeriu que Cain puido crear o título a partir do caso sensacionalista de 1927 de Ruth Snyder. Snyder era unha muller que, como a Cora, conspiraou co seu amante para asasinar o seu marido. Aínda recoñecendo que Cain utilizara o caso de Snyder como inspiración para a novela de Double Indemnity[3], Marling dixo que o caso tamén foi modelo e mesmo fonte do título. No caso da vida real, Snyder dixo que impedira que o seu home descubrise os cambios que fixera na súa póliza de seguro de vida, dicindo ao carteiro que lle entregase as cotas de pago a ela, dicíndolle que timbrase dúas veces como sinal de que tiña un envío para ela[4].

Non obstante, no prefacio de Double Indemnity Cain deu unha explicación específica e totalmente diferente á orixe do título de The Postman Always Rings twice, escribindo que se debera a unha discusión co guionista Vincent Lawrence. Segundo Cain, Lawrence faloulle da ansiedade que sentía cando agardaba que o carteiro lle entregase un novo manuscrito. Segundo Cain, Lawrence dixo que sabía cando chegaba o carteiro porque sempre timbraba dúas veces, e daquela Cain tomou a frase como título para a súa novela. Logo de seguir discutíndoo, concordaron en que a frase era unha boa metáfora adaptada para a situación de Frank ao final da novela.

Co "carteiro" sendo Deus ou o destino, a entrega significaba para Frank a súa propia morte só como retribución por asasinar a Nick. Frank deixara pasar a primeira "chamada" co asasinato, pero o carteiro tocou de novo, e desta vez a chamada foi oída, cando Frank foi condenado inxustamente por asasinar a Cora, e, a continuación, sentenciado a morte polo crime. O tema dun destino do que non se pode escapar é subliñado na novela pola morte do grego, que malia escapar da morte na primeira tentativa de asasinato dos amantes, non o logrou tralo segundo intento.

Na biografía de Cain escrita por Roy Hooper fálase tamén da conversa entre Cain e Lawrence que deu pé ao título da novela. A versión de Hooper é semellante á de Cain, e amais dá detalles sobre os comentarios de Lawrence. Segundo Hooper, Lawrence non dixo simplemente que o carteiro sempre toca dúas veces, senón que ás veces a situación lle provocaba tal ansiedade que marchaba ao xardín tentando evitar escoitar tocar o carteiro. Porén, continúa Lawrence, esta táctica fallou porque, inevitablemente, aínda que a primeira chamada do carteiro non era percibida, sempre tocaba dúas veces, e, mesmo no xardín, era inevitable oír a segunda chamada[5].

Na adaptación cinematográfica de 1946, Frank explica explicitamente o título segundo a versión que conta Hooper na bigrafía de Cain.

Notas editar

  1. "The Postman Always Rings Twice", artigo en www.randomhouse.com (en inglés).
  2. "100 Best Novels", en www.randomhouse.com (en inglés).
  3. MacKellar, L.: The "Double Indemnity" Murder: Ruth Snyder, Judd Gray & New York's Crime of the Century. Syracuse, 2006. Syracuse University Press. ISBN 0-8156-0824-1 (en inglés).
  4. Marling, W.: "Hard-Boiled Fiction"[Ligazón morta], Case Western Reserve University. 2 de agosto de 2001 (en inglés).
  5. Hoopes, R.: Cain: The Biography of James M. Cain, New York: Holt, Rinehart and Winston, 1982 ISBN 0-8093-1361-8 (en inglés).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar