Terence MacSwiney

político e escritor irlandés

Terence Joseph MacSwiney (Tordhealbhach Mac Suibhne en irlandés), nado en Cork o 20 de marzo de 1879 e finado na prisión de Brixton (Inglaterra) o 25 de outubro de 1920, foi un político e escritor irlandés. Foi elixido alcalde de Cork polo Sinn Féin en 1920, en plena Guerra da Independencia Irlandesa foi arrestado polas forzas británicas acusado de sedición e encarcerado na prisión de Brixton, en Inglaterra. A súa morte en outubro, tras 74 días de folga de fame, situou o conflito irlandés en primeira plana da actualidade internacional da época.

Terence MacSwiney
Nome completoTerence Joseph MacSwiney
Nacemento28 de marzo de 1879
Lugar de nacementoCork
Falecemento25 de outubro de 1920
Lugar de falecementoHM Prison Brixton
Causainanición
SoterradoSt. Finbarr's Cemetery
NacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Alma máterUniversity College Cork
Ocupaciónpolítico, escritor e poeta
PaiJohn MacSwiney
NaiMary Wilkinson
CónxuxeMuriel MacSwiney
FillosMárie MacSwiney
IrmánsSeán MacSwiney e Mary MacSwiney
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

MacSwiney era membro dunha familia de oito irmáns. Seu pai, John MacSwiney, natural de Cork loitara contra Garibaldi en 1868 como garda papal. Ao seu retorno traballou como profesor en Londres e fundou unha fábrica de tabaco en Cork, que finalmente fracasaría. Tralo peche da fábrica, emigrou a Australia (1885), deixando aos seus fillos ao coidado da súa dona e da súa filla máis vella.[1] A nai de Terence, Mary Wilkinson, era unha católica inglesa de arraigadas ideas nacionalistas. Terence MacSwiney asistiu á escola que os Irmáns Cristiáns tiñan en North Monastery (Cork), mais abandonou os seus estudos aos quince anos para axudar á súa familia.[2] Conseguiu traballo de contable, mais logo decidiu proseguir a súa educación, combinando o traballo cos estudos, e graduouse en Ciencia Mental e Moral na Royal University de Cork (actualmente University College Cork) en 1907.[3]

En 1901 participou na creación da Celtic Literary Society (Sociedade Literaria Céltica) e en 1908 fundou a Sociedad Dramática de Cork xunto a Daniel Corkery, para a que escribiu varias obras de teatro.[3]

Actividade política editar

Os escritos publicados por MacSwiney no Irish Freedom chamaron a atención da Irmandade Republicana Irlandesa.[4] Foi un dos fundadores da Brigada de Cork dos Voluntarios Irlandeses en 1913, e se converteu no presidente do Sinn Féin en Cork. Fundou un xornal en 1914 bautizado como Fianna Fáil, mais foi suprimido logo de once publicacións. En abril de 1916, estaba previsto que MacSwiney fora o segundo ao mando no Alzamento de Pascua en Cork e Kerry, mais retivo ás súas forzas seguindo ordes de Eoin MacNeill. Tralo Alzamento foi internado nos Campos de Concentración de Reading e Wakefield Gaols ata decembro de 1916. En febreiro de 1917 foi deportado e internado en Shrewsbury e Bromyard ata ser definitivamente liberado en xuño. Foi durante o seu exilio en Bromyard cando casou con Muriel Murphy, que pertencía á familia propietaria das famosas destilarías de Cork. En novembro dese mesmo ano, foi arrestado en Cork por vestir o uniforme do Exército Republicano Irlandés e, inspirado polo exemplo de Thomas Ashte iniciou unha folga de fame que duraría tres días, antes de ser liberado.[5]

Nas eleccións xerais de 1918, MacSwiney foi elixido sen oposición como representante polo Sinn Féin no Dáil Éireann, sucedendo no cargo a D. D. Sheehan, membro do Partido Parlamentario Irlandés. Tralo asasinato do seu amigo Tomás Mac Curtain, alcalde de Cork, foi elixido para a alcaldía o 20 de marzo de 1920. O 12 de agosto dese mesmo ano, MacSwiney foi arrestado en Dublín por posesión de artigos e documentos de carácter sedicioso, así como dunha chave de cifrado. Foi xulgado sumarialmente por unha Corte marcial o 16 de agosto e condenado a dous anos de prisión na Prisión de Brixton.[3]

 
Artigo de Antón Losada Diéguez sobre Terence MacSwiney, publicado en Nós en 1921.

Folga de fame editar

Inmediatamente despois do seu ingreso en prisión, MacSwiney iniciou unha folga de fame en protesta polo seu internamento e polo feito de ter sido xulgado por un tribunal militar.[5] Outros once prisioneiros republicanos da cadea de Cork iniciaron outra folga á vez.[5] O 26 de agosto, o gabinete declarou que "a liberación do Alcalde tería efectos desastrosos en Irlanda e provocaría probablemente unha rebelión do exército e a policía do Sur de Irlanda".[5] A folga de fame de MacSwiney atraeu a atención mundial. Os Estados Unidos ameazaron con boicotear os produtos británicos, mentres que varios países suramericanos solicitaron a mediación do Papa. Houbo protestas igualmente por parte de Francia e Alemaña.

Nos últimos días de folga tentaron forzalo a comer, mais sen éxito.[5] O 20 de outubro de 1920 entrou en coma, falecendo cinco días despois, tras 74 en folga de fame.

A capela ardente foi instalada na Catedral Southwark de Londres, ante a que desfilaron 30.000 persoas.[5] Ante o temor a grandes manifestacións en Dublín, as autoridades enviaron o ataúde directamente a Cork, onde tivo lugar un multitudinario funeral o 31 de outubro.[5] Terence MacSwiney está enterrado no Camposanto de Saint Finbarr de Cork. O político Arthur Griffith asistiu ao seu enterro e pronunciou unhas palabras durante a cerimonia.[5]

Importancia e legado editar

Unha colección das súas obras, titulada Principles of Freedom e baseada nas súas contribucións ao Irish Freedom foi publicada postumamente en 1921. Entre os seus lectores e admiradores encóntranse políticos como Jawaharlal Nehru[6] ou Bhagat Singh, independentista indio que tamén realizou varias folgas de fame como protesta ante o trato dispensado polas autoridades británicas na India.

A súa irmá Mary ocupou o asento deixado por Terence no Dáil, e interveu en xaniro de 1922 para oporse ao Tratado Angloirlandés. O seu irmán Seán foi elixido deputado nas eleccións de 1921, adheríndose igualmente á facción Anti-Tratado.

Obras editar

  • The music of freedom por 'Cuireadóir'. (Poems, The Risen Gaedheal Press, Cork, 1907)
  • Fianna Fáil : the Irish army : a journal for militant Ireland (Publicación semanal editada e escrita principalmente por MacSwiney; Cork, 11 números, setembro a decembro de 1914)
  • The revolutionist; a play in five acts (Dublín, Londres, Maunsel and Company, 1914).
  • The ethics of revolt : a discussion from a Catholic point of view as to when it becomes lawful to rise in revolt against the Civil Power por Toirdhealbhach Mac Suibhne. (Pamphlet, 1918)
  • Battle-cries (Poems, 1918)
  • Principles of freedom (Dublin, The Talbot Press, 1921)
  • Despite fools' laughter; poems by Terence MacSwiney. Editado por B. G. MacCarthy. (Dublín, M. H. Gill and Son, 1944)

Citas editar

  • "Non son aqueles que máis dano poden causar, senón aqueles que máis dano poden sufrir, os que prevalecerán."
  • "Estou seguro de que a miña morte causará máis dano ao Imperio Británico que a miña liberación." (Durante a súa folga de fame)
  • "Quero que deades testemuño de que morro como un Soldado da República Irlandesa." As súas últimas palabras a un sacerdote que lle visitaba.

Notas editar

  1. Sam Davies, ‘MacSwiney, Terence James (1879–1920)’, Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, 2004
  2. Máire MacSwiney Brugha (2006). History's Daughter: A Memoir from the Only Child of Terence MacSwiney. Dublin: The O'Brien Press. ISBN 9780862789862. 
  3. 3,0 3,1 3,2 http://www.ucd.ie/archives/html/collections/macswiney-ter.htm
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2008. Consultado o 01 de decembro de 2011. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2008. Consultado o 20 de maio de 2008. 
  6. copia dixitalizada en Internet Archive (en inglés)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Francis J Costello, Enduring the Most: The Biography of Terence McSwiney. Dingle: Brandon Books, 1996.
  • Robert Welch (ed), The Oxford Companion to Irish Literature. Oxford: The Clarendon Press, 1996.
  • Máire MacSwiney Brugha History's Daughter: A Memoir from the Only Child of Terence MacSwiney. Dublin: The O'Brien Press, 2006.
  • Antón Losada Diéguez, "Terencio Mac Swiney", publicado no n.º 8 de Nós o 5/12/1921.

Os escritos privados de Terence MacSwiney gárdanse nos arquivos da Universidade de Dublin (IE UCDA P48b, P48c). Na Biblioteca Nacional de Irlanda consérvanse manuscritos e copias dos seus escritos publicados (MSS 35029–35035).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar