Terceira batalla do cabo Fisterra

A batalla do cabo Fisterra de 1805, ou terceira batalla do cabo Fisterra, foi un enfrontamento naval producido o 22 de xullo de 1805 preto do cabo Fisterra no marco das guerras napoleónicas. Nesta batalla enfrontáronse a Armada Real Británica comandada polo vicealmirante Robert Calder e unha frota franco-española dirixida polo almirante francés Pierre Charles Silvestre de Villeneuve.

Terceira batalla do cabo Fisterra

Representación da batalla do cabo Fisterra de 1805, cadro de William Anderson.
Data: 22 de xulio de 1805
Lugar: Cabo Fisterra (Galicia)
Conflito: Guerra anglo-española (1804-1809)
Guerras Napoleónicas
Resultado: Vitoria táctica británica
Combatentes
Francia Imperio francés
España España
Reino Unido Reino Unido
Comandantes
Francia Vicealmirante Villeneuve
España Capitán Gravina
Robert Calder
Forzas en combate
Frota Hispano-francesa
• 20 navíos
• 7 fragatas
• 2 bergantíns
Armada Real británica
• 15 navíos
• 2 fragatas
• 2 buques menores
Efectos
Mortes: 476 mortos ou feridos
2 navíos españois capturados
Mortes: 39 mortos
209 feridos

Contexto editar

A Paz de Amiens de 1802 (que puxera fin á guerra entre Gran Bretaña e a Primeira República Francesa) chegou ó seu fin cando Napoleón Bonaparte invadiu o Piemonte, provocando que Gran Bretaña declarase de novo a guerra con Francia o 18 de maio de 1803.

Napoleón quería invadir e conquistar Inglaterra para rematar co bloqueo naval británico. En 1805 había un exército de 150.000 homes destinado á invasión que agardaba acampado na cidade de Boulogne-sur-Mer. Se este exército cruzaba a canle da Mancha, había moitas posibilidades de vitoria fronte a unha forza inglesa mal adestrada e pouco equipada. O plan era que a frota francesa fuxira dos bloqueos navais británicos sobre o porto bretón de Brest e o porto provenzal de Toulon, para despois dirixirse cara ás Indias Occidentais. Alí o obxectivo sería atacar intereses británicos das colonias para atraer ós navios ingleses, e a continuación partir dende Martinica cara a Irlanda, promover a rebelión nesa illa, e despois atacar pola retagarda ás defensas costeiras da Canle, facendo posible que os exércitos franceses entrasen de xeito sinxelo en Gran Bretaña.

 
Sir Robert Calder.
 
Pierre Charles Silvestre de Villeneuve.

Villeneuve partiu de Toulon o 29 de marzo de 1805 con 11 navíos de liña, 6 fragatas e 2 bergantíns, evitando o 8 de abril ó almirante Horatio Nelson, que bloqueaba o estreito de Xibraltar. En Cádiz uníronselle outros 6 navíos de liña españois, e a frota conxunta navegou cara ao mar Caribe, chegando a Martinica o 12 de maio. En tanto, Nelson permaneceu no mar Mediterráneo atrapado polos ventos do oeste, e non puido cruzalo estreito de Xibraltar até o 7 de maio, chegando ó Caribe o 4 de xuño, concretamente á illa Antiga.

Villeneuve agardaba en Martinica a que chegase a frota de Ganteaume, que tiña que chegar dende o porto de Brest, pero esta quedara bloqueada polos ingleses, e non apareceu. O 7 de xuño Villeneuve soubo da chegada de Nelson a Antiga, e 4 días despois partiu cara a Europa. A frota franco-española chegou o 9 de xullo ó cabo Fisterra, atopando ventos de nordés que fixeron imposible a súa entrada no mar Cantábrico até o 22 de xullo.

A batalla editar

O vicealmirante Sir Robert Calder, que mantiña bloqueados o portos de Ferrol e Rochefort, recibiu o 19 de xullo a noticia da presenza de Villeneuve en Fisterra, e a orde de partir cara a aló para interceptalo. As dúas frotas atopáronse pola mañá do día 22 de xullo de 1805.

Calder tiña baixo as súas ordes 15 navíos de liña, 2 fragatas e 2 buques menores. Pola súa banda, Villeneuve contaba con 20 navíos de liña, 7 fragatas e 2 bergantíns. A acción bélica comezou sobre as 5 da tarde con pouca visibilidade, e tivo que ser interrompida sobre as 8 e media para seguir ó día seguinte. Á primeira hora do 23 de xullo, entre as dúas frotas había unha separación de 27 quilómetros. Calder consideraba que os franceses eran mais fortes, e tiña medo de que se reforzasen cos navíos desbloqueados dos portos de Ferrol e Rochefort, de xeito que decidiu non seguilo combate e coller rumbo cara ao norte. O 24 de xullo o vento cambiou e puxo ós franco-españois en disposición de atacar dende barlovento con superioridade, pero Villeneuve decidiu non facelo, e virar cara ao sur.

O 1 de agosto Villeneuve chegou á Coruña, e recibiu ordes de Napoleón de dirixirse ós portos de Brest e Boulogne-sur-Mer. Crendo algúns informes falsos sobre a superioridade da frota inglesa no golfo de Biscaia, Villeneuve virou cara a Cádiz chegando aló o 21 de agosto.

Consecuencias editar

A batalla considérase unha derrota das forzas combinadas, na que 15 navíos ingleses se enfrontaran con 20 navíos franco-españois capturando 2 deles. Polo bando británico morreron 39 homes e 159 foron feridos, mentres que polo bando combinado houbo 476 baixas entre mortos e feridos. Villeneuve fracasou na súa misión de desembarcar en Irlanda, mentres que o exército de Napoleón agardaba en Boulogne-sur-Mer inutilmente.

Non obstante Calder foi xulgado en consello de guerra por fuxir do combate nos días 23 e 24 de xullo, e nunca volveu a servir na frota británica.

Napoleón tivo que abandonar a súa idea de invadir Gran Bretaña, e o exército invasor pasou a colaborar na fronte austríaca e rusa.

Villeneuve e a súa frota combinada agardaron en Cádiz durante dous meses ata que partiron cara a unha nova batalla, a batalla de Trafalgar, producida o 21 de outubro de 1805, na que foron derrotados pola frota mediterránea de Horatio Nelson.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar