A teoría celular é unha rama fundamental da bioloxía que explica a constitución da materia viva a partir de células e o papel que estas desempeñan na constitución da vida.

Historia editar

 
Deseño da estrutura do súber,
visto no microscopio por Robert Hooke e descrito no seu libro Micrographia, o cal deu orixe á palabra "célula", usada para describir a menor unidade dun organismo vivo.
 
M. J. Schleiden.
 
T. Schwann.
 
R. Virchow.
 
L. Pasteur.

O científico experimental británico Robert Hooke (1635-1702) observara xa no século XVII que a cortiza e outras materias vexetais aparecían constituídas por diminutas células (literalmente, pequenas celas).[1][2]

Dous séculos e medio máis tarde, ao final da década de 1830, dous científicos alemáns cofundaron a teoría celular. Foron Matthias Jakob Schleiden (1804-1881), un ex-avogado que abandonou a súa profesión para estudar a estrutura e a fisioloxía das plantas, determinando tamén que todas as plantas presentaban organización celular, e Theodor Schwann (1810-1882), médico dedicado ao estudo da anatomía e a fisioloxía dos animais, que estendeu a teoría de Schleiden aos animais, formulando a hipótese de que todos os seres vivos están constituídos por células, e afirmando que todas as células estaban dotadas de núcleo, estrutura que o botánico británico Robert Brown (1773-1858) describira recentemente (1827), construíndo así a base da teoría celular.[3][4]

Os dous publicaron xuntos a obra "Investigacións microscópicas sobre a concordancia da estrutura e o crecemento das plantas e os animais" (Mikroskopische Untersuchungen über die Übereinstimmung in der Struktur und dem Wachstum der Tiere und Pflanzen, Berlín, 1839). Nela asentan o primeiro principio da teoría celular histórica: todos os seres vivos están formados por células ou produtos secretados polas células.

Outro alemán, o médico Rudolf Virchow (1821-1902, interesado na especificidade celular da patoloxía (só algunhas clases de células parecen implicadas en cada enfermidade) explicou o que se considera o segundo principio: toda célula se orixinou a partir doutra célula, por división desta.[5]

Este principio popularizouno Virchow na forma dun aforismo creado por François-Vincent Raspail, omnis cellula ex cellula (toda célula procede dunha célula). Virchow acabou coas especulacións que facían descender a célula dun hipotético blastema.

O seu postulado, que implica a continuidade das estirpes celulares, está na orixe da observación por August Weismann da existencia dunha liña xerminal, a través da cal se establecen nos animais (incluído o home) a continuidade entre pais e fillos e, por tanto, do concepto moderno de herdanza biolóxica.

A teoría celular foi debatida ao longo do século XIX, pero foi Louis Pasteur o que, cos seus experimentos sobre a multiplicación dos microorganismos unicelulares descartou definitivamente que estes se orixinaran por xeración espontánea e deu lugar á aceptación rotunda e definitiva da teoría celular.

Podemos resumir o concepto moderno de teoría celular nos seguintes principios:

  1. Todos os seres vivos están formados por células ou polos seus produtos de secreción. A célula é a unidade anatómica da materia viva, e unha célula pode ser suficiente para constituír un organismo.
  2. Todas as células proceden de células preexistentes, por división destas (Omnis cellula ex cellula).
  3. As funcións vitais dos organismos ocorren dentro das células, ou no seu contorno inmediato, controladas por substancias que elas segregan. Cada célula é un sistema aberto, que intercambia materia e enerxía co seu medio. Nunha célula caben todas as funcións vitais, de maneira que basta unha célula para ter un ser vivo (que será un ser vivo unicelular). Así pois, a célula é a unidade fisiolóxica da vida.
  4. Cada célula contén toda a información hereditaria necesaria para o control do seu propio ciclo e do desenvolvemento e o funcionamento dun organismo da súa especie, así como para a transmisión desta información á seguinte xeración celular. Así que a célula tamén é a unidade xenética.

Organismos acelulares? editar

Artigo principal: Virus.
Véxase tamén: Prión.

Non todos os seres vivos posúen organización celular: os virus (e outras estruturas, como os viroides e os prións) non teñen tal organización, ou sexa, son acelulares. Por iso, algúns científicos non os consideran seres vivos. Porén, todos concordan que os virus son estruturas biolóxicas, pois precisan necesariamente invadir células vivas para reproducirse. Son parasitos intracelulares obrigatorios e, se non encontran células vivas dentro das cales poidan producir novos virus, permanecen inertes, sen realizar ningunha actividade viral, pois están formados por unha cápsula de proteína e material xenético (ARN ou ADN).

Notas editar

  1. Pola súa semellanza coas celas ou favos dos panais das abellas.
  2. Inwood, Stephen (2003). The man who knew too much: the strange and inventive life of Robert Hooke, 1635-1703. Pan (London). p. 72. ISBN 0-330-48829-5. 
  3. Karling JS (1939). "Schleiden's Contribution to the Cell heory". The American Naturalist 73 (749): 517–37. doi:10.1086/280862. Consultada o 8-11-2011 (en inglés)
  4. Schwann, Theodor (1839). Microscopic Investigations on the Accordance in the Structure and Growth of Plants and Animals. Berlin.  (tradución inglesa pola Sydenham Society, 1847) Consultada o 8-11-2011 (en inglés)
  5. Virchow, Rudolf (1858): Die Cellularpathologie in ihrer Begründung auf physiologische und pathologische Gewebelehre. Berlin: August Hirschwald.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar