Coordenadas: 40°25′27″N 3°43′04″O / 40.424052777778, -3.7177777777778

O Templo de Debod é un edificio do antigo Exipto localizado actualmente en Madrid. Está situado ao oeste da praza de España, xunto ao Paseo do Pintor Rosales (Parque do Oeste), nun alto onde se atopaba o Cuartel da Montaña (no que se produciu un sanguento episodio da guerra civil española). Ao ser trasladado a España, situouse de maneira que conservase aproximadamente a mesma orientación que no seu lugar de orixe, de leste a oeste.

Templo de Debod

Historia e características editar

Ten unha antigüidade duns 2.200 anos. O seu núcleo máis antigo foi quizais erixido baixo o faraón Tolomeo IV e decorado posteriormente polo rei nubio Adikhalamani de Meroe cara a 200-180 a. C.. Foi dedicado a Amón de Debod e Isis, aínda que a maioría dos investigadores pensa que a súa erección foi obra de Adikhalamani, cunha intervención posterior de Tolomeo IV. Posúe importantes engadidos de época tolemaica e romano-imperial do século I a.C. ao II d.C..

Foi un agasallo de Exipto a España en 1968 en compensación pola axuda española tras o chamamento internacional realizado pola Unesco para salvar os templos de Nubia, principalmente o de Abu Simbel, en perigo de desaparecer debido á construción da presa de Asuán. Exipto doou catro dos templos salvados a distintas nacións colaboradoras: Dendur aos Estados Unidos (Metropolitan Museum de Nova York), Ellesiya a Italia (Museo Exipcio de Turín), Taffa aos Países Baixos (Rijksmuseum van Oudheden de Leiden) e Debod a España.

Localización orixinal en Exipto editar

 
O templo de Debod cara 1862, coa fachada principal derrubada

O templo de Debod atopábase na pequena localidade que levaba este nome (Debod), na beira do río Nilo, próximo á primeira fervenza, na Baixa Nubia, «país do ouro», ao sur de Exipto, moi preto do lugar onde o Nilo corta o Trópico de Cáncer. Un pouco máis ao norte, na illa de Filae, atopábase o gran santuario da deusa Isis. O templo de Debod formaba indirectamente parte dese santuario, aínda que o seu culto estaba adicado ao deus Amón de Debod. Teolóxicamente ligado a Filae dende o século I a.C., tamén tivo unha especial vinculación con outros templos da zona. Esta rexión, fronteiriza co reino de Meroe, foi obxecto de disputa entre os gobernantes exipcios e meroitas até o século I a.C., cando o emperador romano Octavio Augusto estabeleceu definitivamente a fronteira.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar