Nos estudos de xénero, denomínase teito de vidro[1] ou teito de cristal á limitación velada do ascenso laboral das mulleres no interior das organizacións. Trátase dun teito que limita as súas carreiras profesionais, difícil de traspasar e que lles impide seguir avanzando. É invisíbel porque non existen leis ou dispositivos sociais estabelecidos e oficiais que impoñan unha limitación explícita na carreira laboral ás mulleres.[2]

Historia e características editar

O termo «teito de vidro» (o orixinal en inglés é «glass ceiling barriers») apareceu por primeira vez nun artigo do Wall Street Journal en 1986 nos Estados Unidos. O artigo describía as barreiras invisíbeis ás que están expostas as mulleres traballadoras altamente cualificadas que lles impedían alcanzar os niveis xerárquicos máis altos no mundo dos negocios, independentemente dos seus logros e méritos.

A partir de entón, varios estudosos da socioloxía describiron este concepto como referido ao traballo feminino dado que as mulleres representan a metade da poboación mundial, mais ocupan unha porcentaxe desproporcionadamente baixa dos cargos directivos. Está presente en autores como Carr-Ruffino (1991), Lynn Martin (1991), Davidson e Cooper (1992), Morrison (1992), Holloway (2002), entre outros.

O teito de vidro está construído sobre a base de trazos que son difíciles de detectar, por iso non se ve e chámase de vidro. Esta barreira invisíbel aparece cando as mulleres se achegan á parte superior da xerarquía corporativa e bloquéalles a posibilidade de avanzar na súa carreira profesional cara a cargos de nivel xerencial e executivo.

 
Media das ganancias de homes e mulleres co mesmo nivel de educación

Aínda que o concepto foi orixinariamente utilizado para analizar a carreira laboral das mulleres que tiveran altas cualificacións nos seus traballos grazas á súa formación educativa superior e non podían ascender porque se topaban con esa superficie superior invisíbel ou teito de vidro, a metáfora rapidamente se estendeu para referirse aos obstáculos que impiden o avance das minorías en xeral: sexan minorías raciais, relixiosas, por orientación sexual, por nacionalidade, etc.

As investigacións realizadas pola «Federal Glass Ceiling Commission» do Departamento de Traballo dos Estados Unidos indican que onde hai mulleres e minorías nas altas esferas, a súa compensación económica salarial sempre é menor.

Segundo o Instituto Alemán de Investigación Económica, en 2010, só o 2% dos membros de consellos de dirección de todas as empresas alemás eran mulleres.[3][4]

Algunhas investigadoras, como Holloway, sosteñen que estas diferenzas se deben tanto ao sexismo como a antigas tradicións que vinculan as expectativas dos docentes segundo o xénero.[5]

Diversas investigacións desde entón dedicáronse a pescudar por que tan poucas mulleres chegan aos cargos xerenciais ou de poder[6] e por que é tan escasa a cantidade de mulleres no campo das ciencias.[7]

Algúns estudos realizados suxiren que ás mulleres non lles gusta competir tanto como aos varóns e quizais por iso teñen menos posibilidades de promoción. Nese sentido as políticas de acción positiva axudarían a motivar a mulleres tan capaces e talentosas como os seus pares masculinos a ascender sen ter que colocarse nunha posición incómoda de competir[8]. Estas políticas son criticadas co argumento de que favorecerían inxustamente as mulleres baseándose en cuestións que son alleas aos seus méritos e habilidades.

En moitas situacións a sutil barreira que frea o acceso das mulleres a altos postos e á súa promoción profesional, explícase polo seu duplo papel de mulleres e nais.[9] Un estudo comparativo realizado entre profesionais coa mesma traxectoria e distinto xénero mostra como a maternidade -sen estar prohibida ou desaconsellada por ningún organismo ou empresa "oficialmente"- termina sendo unha barreira. Ao ser as nais as principais responsables da crianza e as mulleres as encargadas das tarefas domésticas -no Estado Español o 70% dos labores domésticos son realizados por mulleres- isto é un freo á súa promoción; e varóns con igual percorrido (formación universitaria, posgraos, desenvolvemento profesional) ao non dedicar o mesmo tempo, dedicación e responsabilidade á tarefa da crianza, terminan ascendendo con máis facilidade. Así, entre moitas mulleres a decisión entre promoción e/ou maternidade termina por ser un dilema.[10]

Notas editar

  1. Visión de xénero na crítica literaria galega feita na Galiza, Madrygal, 2015, 18, Núm. Especial 57-59. Autora: Verónica Martínez Delgado.
  2. Burin, Mabel (1996). "Una hipótesis de género: el techo de cristal en la carrera laboral". Género, psicoanálisis y subjetividad. Paidos. ISBN 950-12-4192-0.  (en castelán)
  3. Clark, Nicola (sábado 19 de novembro de 2011). "El empuje de las mujeres alemanas no basta". The New York Times, versión castellana Clarín, sección El Mundo. 
  4. O CEO René Obermann, da empresa Deutsche Telecom, anunciou en marzo de 2010 o proxecto da empresa de chegar a ocupar o 30% dos seus cargos directivos por mulleres. Segundo expresou Avivah Wittenberg-Cox, responsábel executiva de 20-First (unha consultora de París), ao redor do 28% dos cargos de Deutsche Telecom, en cincuenta países fóra de Alemaña, son ocupados por mulleres, «o cal amosa que se poden atopar líderes altamente cualificadas para ocupar cargos executivos directivos». Porén, en Alemaña aínda se atopan con moitas resistencias por parte dos executivos masculinos para aceptar mulleres nos seus directorios.«El empuje de las mujeres alemanas no basta». The New York Times,(en castelán)
  5. Holloway, M.D (novembro de 1993). "A lab of her own". Scientific American. Vol. 269 (nº 5): 68–74. ISSN 0036-8733. 
  6. Brosio, Guitart y D'Alessandro (6 de xuño de 2016). "La igualdad de género. El techo de cristal.". Bae. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2017. Consultado o 6 de xuño de 2017. 
  7. Andrea Grant (1995). "Women in Science: An Exploration of Barriers" (en inglés). Consultado o 2 de xuño de 2012. 
  8. Alicia Rivera. "Un experimento prueba la eficacia de la discriminación positiva". 
  9. "Mujeres ante el techo de cristal" El País. https://politica.elpais.com/politica/2018/03/02/actualidad/1520003849_107383.html
  10. "Objetivo: que sin mujeres se pare el mundo" El País https://politica.elpais.com/politica/2018/03/03/actualidad/1520113918_328467.html

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Chan pegañento

Ligazóns externas editar