Unha tarxeta de Nadal é unha tarxeta de felicitación que se envía a familiares, amigos ou clientes para desexarlles un bo Nadal, tradicionalmente envíabase polo correo, dentro dun sobre ou franqueada como postal, xa unhas semanas antes do día de Nadal, coa chegada de Internet tamén se utiliza este medio para mandalas. Normalmente utilízase unha frase feita, en galego Bo Nadal e Feliz Aninovo.

A primeira tarxeta de Nadal imprimiuse en 1843 por iniciativa de Henry Cole, axudante de Rowland Hill, o deseño é do pintor John Callcott Horsley.

Historia editar

O establecemento dun sistema de correos económico, simbolizado na aparición do selo postal en 1840 e no envío de cartas en sobres, e o desenvolvemento por George Baxter dun sistema de impresión a cor que permitía a elaboración de ilustracións baratas[1] están na orixe da aparición e desenvolvemento da tarxeta de Nadal no Reino Unido. A primeira tarxeta comercial de Nadal débese a Henry Cole, colaborador de Rowland Hill, e a ilustración é do pintor John Callcott Horsley, o debuxo amosa unha familia, incluíndo un cativo, bebendo viño e unha cadeira baldeira, nas beiras aparecen agasallos, de roupa e comida, entregados aos pobres, desa primeira tarxeta vendéronse uns 1 000 exemplares [2] ao prezo dun xilin cada unha, relativamente cara para a época. Houbo que esperar ata 1848 para que se imprimise a segunda tarxeta de Nadal debida a Maw Egley[3]. A partir da década de 1860[4] o envío de tarxetas de Nadal fíxose moi popular no Reino Unido primeiro entre a clase media e alta e a partir de 1878-1890[5] entre as clases populares, calcúlase que só en Inglaterra imprimíranse máis de 200.000 deseños diferentes só ata 1894[6], os principais editores de tarxetas de Nadal foron De La Rue, Raphael Tuck & Sons, Marcus Ward e Goodall[7], desde mediados da década de 1850 comezou a facerse tamén popular en moitos países de Europa[8].

 
Tarxeta de Nadal de Louis Prang

Nos Estados Unidos foi Louis Prang quen introduciu o costume, despois de asistir a unha Exposición en Viena en 1873, imprimiu tarxetas de Nadal para o mercado británico e ao ano seguinte comercializounas nos Estados Unidos[9], con todo debido á alta calidade das tarxetas que implicaba uns prezos altos o costume de intercambialas quedou reducido ás clases máis altas, despois de 1890 cando se deixaron de emitir as tarxetas de Prang, o costume esmoreceu, en beneficio do intercambio de regalos de valor ínfimo, comercializándose tan só tarxetas importadas de moi baixa calidade que non resultaban atractivas. A produción nacional de tarxetas de Nadal recuperouse en 1906, facéndose popular a partir de 1911[10].

En países como Francia aínda que existe o costume de enviar tarxetas de Nadal, está máis arraigado o envío de tarxetas de ano novo que se envían durante o mes de xaneiro para desexar un bo ano[11], e aínda hai outros países como o Xapón no que a tradición é enviar tarxetas de aninovo, coñecidas como nengajō, que han de chegar o 1 de xaneiro[12].

Autores editar

 
Frances Ridley Harvegal foi unha das máis soadas autoras de textos para tarxetas de Nadal

A maioría dos textos que aparecen nas tarxetas postais teñen carácter bíblico ou son de escritores coñecidos[13], pero tamén apareceron escritores especializados en escribir mensaxes de Nadal, Helen Burnside escribiu entre 1874 e 1900 arredor de 6000 versos para tarxetas de Nadal[14], Samuel Cowen só en 1884 escribiu máis de mil versos[15] e Frances Ridley Havergal, falecida en 1879 foi a autora máis coñecida da primeira época[16].

Deseños editar

As primeiras tarxetas inglesas non amosaban escenas relixiosas ou de inverno, pola contra seguindo a tradición das tarxetas de San Valentín, moi populares, tiñan deseños de flores, fadas, animais e nenos, deseños en xeral alegres. A partir de 1860[17] comezaron a aparecer os deseños que hoxe son arquetípicos, as festas do Nadal, anxos, estrela de Nadal, nenos xogando cos paxaros, a árbore de Nadal, paisaxes nevadas.

Tipos editar

Oficiais editar

  • Nalgúns países emítense tarxetas de Nadal oficiais, normalmente para o uso do Xefe de Estado. No Reino Unido a tradición data da raíña Vitoria[18] e nos Estados Unidos de 1953 durante a presidencia de Dwight D. Eisenhower, aínda que Franklin D. Roosevelt con anterioridade enviara as súas propias tarxetas de Nadal, que eran persoais e polo tanto sen carácter oficial[19]. As tarxetas oficiais envíanse a outros xefes de estado, membros do goberno, xefes de organismos públicos e parlamentarios.

Benéficas editar

  • Son moitas as organizacións que producen tarxetas de Nadal como un vehículo para recadaren fondos, a primeira tarxeta de Nadal benéfica emitiuna UNICEF[20] en 1949, e segue a facelo, reproducindo obras de arte recoñecidas internacionalmente. No Reino Unido o programa Cards for Good Causes, que agrupa a 300 institucións filantrópicas, vende tarxetas de Nadal en igrexas, bibliotecas, museos, centros comunitarios e de información turística desde 1959[21]

Comerciais editar

  • Moitas empresas e comercios envían tarxetas de Nadal aos seus clientes para felicitaren as festas, normalmente a única publicidade que levan é o nome do negocio, a súa orixe está nas tarxetas comerciais do século XVIII.

Notas editar

  1. György Buday The History of the Christmas Card. Rockliff, 1954, pp 37-38
  2. Michelle Higgs Christmas Cards: From the 1840s to the 1940s. Osprey Publishing, 1999, páxina 6
  3. Susan Evarts The Art and Craft of Greeting Cards. North Light, 1982, páxina 10
  4. J. John A Christmas Compendium. Continuum International Publishing Group, 2005, páxina 21
  5. Ronald Hutton The Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain. Oxford University Press, 1996, páxina 115
  6. Gleeson White Christmas Cards and Their Chief Designers. Studio, 1894, páxina 3
  7. György Buday, ob. cit., páxina 67-69
  8. Ace Collins Stories Behind the Great Traditions of Christmas. Zondervan, 2003, páxina 56
  9. Ace Collins, Ob. cit., páxina 58
  10. William B. Waits The Modern Christmas in America: A Cultural History of Gift Giving. NYU Press, 1994, pp. 70-72
  11. Ross Steele The French Way: Aspects of Behavior, Attitudes, and Customs of the French. McGraw-Hill Professional, 1995, páxina 14
  12. Roger J. Davies, Osamu Ikeno The Japanese Mind: Understanding Contemporary Japanese Culture. Tuttle Publishing, 2002, páxina 98
  13. Maurice Rickards e Michael Twyman The Encyclopedia of Ephemera: A Guide to the Fragmentary Documents of Everyday Life for the collector, Curator, and Historian. Routledge, 2000, páxina 91
  14. http://www.worldcollectorsnet.com/magazine/issue13/iss13p3.html Arquivado 05 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine. Victorian Chrismas Cards en World Collector Net Magazine 13
  15. Laura Seddon A Gallery of Greetings: A Guide to the Seddon Collection of Greeting Cards in Manchester Polytechnic Library. Manchester Polytechnic Library, 1992, p. XIX
  16. György Buday, Ob. cit, páxina 200
  17. Margaret Baker Discovering Christmas Customs and Folklore: A Guide to Seasonal Rites. Osprey Publishing, 1992, páxina 57
  18. Michelle Higgs, Ob. cit., páxina 13
  19. Albert J. Menéndez Christmas in the White House. Westminster John Knox Press, 1983, páxina 102
  20. J. John A Christmas Compendium. Continuum International Publishing Group, 2005, páxina 26
  21. "Cards for Good Causes". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2009. Consultado o 06 de novembro de 2009. 

Galería de imaxes editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar