Talladas

futbolista galego

José Tunel Cabaleiro, máis coñecido como Talladas, nado en Redondela o 3 de agosto de 1912 e finado no mesmo lugar o 8 de marzo de 1993, foi un futbolista galego que xogaba de porteiro.

Talladas
Información persoal
Nome José Tunel Cabaleiro
Nacemento 3 de agosto de 1912
Lugar de nacemento Redondela
Falecemento 8 de marzo de 1993
Posición Porteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
Redondela FC
–1935 Porriño FC
1935–1936 Unión Sporting 14 (0)
1936–1937 Galícia
1937–1938 Flamengo 19 (0)
1938–1941 Santos FC 67 (0)
1941–1946 Jabaquara
Partidos e goles só en liga doméstica.
editar datos en Wikidata ]

Tras comezar no Redondela e no Porriño, disputou co Unión Sporting de Vigo a histórica campaña 1935/36 na Segunda División. Ao remate desta marchou ao Brasil para xogar no Galícia de Salvador. Pouco despois converteuse no primeiro galego e o primeiro español en xogar no Flamengo, así como no seu primeiro gardameta estranxeiro. A continuación foi tamén o primeiro e único español en vestir a camiseta do Santos FC, equipo no que estivo de 1938 a 1941. Rematou a súa carreira no Jabaquara.

Traxectoria editar

Inicios editar

Naceu en Redondela, onde seu pai tiña unha pequena empresa de transporte de pasaxeiros con carruaxes de cabalos.[1] Xogou no Redondela e no Porriño,[2] ata que en agosto de 1935 foi fichado polo Unión Sporting de Vigo, para disputar a histórica campaña 1935/36 na Segunda División.[3] O equipo rematou na derradeira posición do grupo despois de sumar só tres vitorias (fronte a Sporting de Gijón, Valladolid e Deportivo da Coruña) e un empate (fronte ao Zaragoza).

Galícia EC editar

O 4 de marzo de 1936 embarcou para o Brasil no buque Antonio Delfino,[4] despois de recibir unha oferta do Galícia Esporte Clube, o equipo creado en Salvador de Baía por emigrantes galegos tres anos antes.[1] A oferta chegoulle despois de que o vise xogar Emilio Cal, un dos directivos do Galícia.[5] As súas primeiras actuacións no equipo baiano foron malas, debido a que estaba acostumado a xogar de día, mentres que os partidos do Galícia no Campo da Graça disputábanse de noite e con luz artificial, por mor da calor que facía polo día.[1]

Con todo, un gran partido contra o Vasco da Gama e unhas boas actuacións posteriores fixeron que gañase fama e contribuíron ao segundo posto do equipo no Campionato Baiano, por detrás do Bahia. Ademais foi convocado para unha xira por Pernambuco coa selección do Estado de Baía.[1]

Flamengo editar

O seu bo facer fixo que se interesara por el o Flamengo, que andaba na busca dun porteiro, e finalmente foi contratado despois de que un amigo do presidente do club lle dixese a este que Talladas era mellor que os porteiros da selección brasileira, Rei e Jurandir. Así, o 14 de febreiro de 1937 converteuse no primeiro futbolista español da historia do Flamengo, e un dos dous únicos en todo o século XX, xunto ao pontevedrés Ufarte.[6] Foi ademais o primeiro gardameta estranxeiro do equipo.

No club de Río de Xaneiro tivo como competidor polo mesmo posto ao brasileiro Dorival Knipel, alcumado Yustrich, e compartiu equipo entre outros con Leônidas e Fausto. Xogou 19 partidos co equipo vermello e negro, que acabou segundo no Campionato Carioca por detrás do seu máximo rival, o Fluminense.

Santos FC editar

A comezos de 1938 trasladouse a Santos, no estado de São Paulo onde fichou polo Santos FC.[7] Debutou o 9 de xaneiro nunha vitoria fronte ao Corinthians no Vila Belmiro e pronto destacou pola súa gran elasticidade e flexibilidade. Xogou catro anos no equipo, disputando 67 partidos.[8] Foi o único futbolista español en militar no club santista en toda a súa historia.

Jabaquara editar

A finais de 1941 fichou polo Hespanha FC, logo chamado Jabaquara, tamén vencellado á colonia española no país. Con este equipo xogou durante os seguintes anos o Campionato Paulista e sufriu tamén unha rotura de peroné despois dunha entrada do dianteiro Pardal.[5]

Regreso a Galicia e retirada editar

En 1946 volveu a Galicia, e aínda que probou co Espanyol e adestrou co Celta de Vigo, acabou deixando o fútbol.[9][10][11] Tras a súa retirada rexentou un matadoiro en Redondela.[5]

Familia editar

Tiña cinco irmáns e un deles, tamén alcumado Talladas, foi porteiro entre outros do Pontevedra, o Rápido de Bouzas e o Arousa.[12][13]

Á súa volta do Brasil coñeceu a Carmen Carrera Queimaliños, coa que casou en 1948. Tiveron tres fillos: Marcelina, Jose Luis e Manuel Ignacio.[5]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "‘Talladas’, o porteiro que deixou os campos de terra e pedras de Redondela para triunfar en Brasil co Galicia F.C.". 8 de febreiro de 2019. Consultado o 18 de marzo de 2021. 
  2. "La jornada del domingo". El Correo Gallego (en castelán). 8 de maio de 1934. p. 4. Consultado o 18 de marzo de 2021. 
  3. "Sigue la busca de jugadores por el Unión Sporting". El Pueblo Gallego (en castelán). 6 de agosto de 1935. p. 5. Consultado o 18 de marzo de 2021. 
  4. "Talladas embarcó ayer para Rio Janeiro". El Pueblo Gallego (en castelán). 5 de marzo de 1936. p. 9. Consultado o 18 de marzo de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "JOSÉ TÚNEL CABALEIRO “TALLADAS”:". Enciclopedia da Emigración Galega. Consultado o 20 de marzo de 2021. 
  6. "Pablo Marí, primeiro espanhol a ganhar uma Libertadores" (en portugués). 24 de novembro de 2019. Consultado o 16 de marzo de 2021. 
  7. odia.ig.com.br/ Além de Marí, Flamengo já teve outros dois espanhóis em sua história; conheça!
  8. "Talladas". acervosantosfc.com (en portugués). Consultado o 19 de marzo de 2021. 
  9. "Notas deportivas viguesas". La Noche (en castelán). 15 de febreiro de 1946. p. 5. Consultado o 20 de marzo de 2021. 
  10. "Talladas en Barcelona". El Pueblo Gallego (en castelán). 23 de febreiro de 1946. p. 4. Consultado o 20 de marzo de 2021. 
  11. "Entrenó Talladas con el Celta". El Pueblo Gallego (en castelán). 10 de abril de 1946. p. 4. Consultado o 20 de marzo de 2021. 
  12. "Deportes". El Correo Gallego (en castelán). 7 de febreiro de 1946. p. 2. Consultado o 18 de marzo de 2021. 
  13. "El Juvenil-Arosa empezará a las cuatro". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de setembro de 1950. p. 5. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar