Talento (unidade)

O talento (en latín: talentum, do grego: τάλαντο, "escala", "equilibrio", "suma") era unha unidade antiga de masa, un padrón de peso comercial, así como a unidade de valor equivalente ao peso dun metal precioso, polo que se utilizou tamén como moeda de conta.[1][2][3][4][5]

O talento grego equivalía aproximadamente á masa de auga precisa para encher unha ánfora coma esta.

Historia editar

O talento de ouro xa foi citado por Homero, quen describiu como Aquiles lle deu a metade dun destes talentos a Antíloco como premio.[6] Un talento grego (coñecido tamén como talento ático) equivalía a 57 libras (26 quilogramos), o que se correspondía aproximadamente coa masa de auga requirida para encher unha ánfora.[7][8] No antigo Israel e noutros territorios do Oriente Próximo adoptouse o talento babilonio, aínda que co tempo se foi revisando a súa equivalencia en masa. O talento bíblico, utilizado en tempos do Novo Testamento, era de 130 libras (58,9 quilogramos).[9]

Talento homérico editar

Suponse que o talento homérico orixinal debía ser equivalente ao valor dun boi ou dunha vaca. Con base na afirmación de que o talento de Homero era igual en cantidade ao posterior dárico (ou dous dracmas áticos), e co apoio de análises de achados dun cemiterio micénico, pódese establecer unha equivalencia de aproximadamente 8,5 gramos (0,30 onzas) para este talento orixinal.[10][11]

Talento ático editar

 
Dracma ateniense de prata cuñada ca. 454-404 a. de C., cun peso de 4,3 gramos. Un talento equivalía a 6.000 destas moedas e ao seu peso en prata.
Artigo principal: Talento ático.

O posterior talento ático sería dun peso moi diferente ao Homérico, aínda que representando o mesmo valor en cobre que este tiña en ouro, cunha proporción de valor entre o ouro e o cobre de 1:3000, que rexía na Grecia da Idade de Bronce.[12]

O valor dun talento de ático establecíase en 60 minas ou 6.000 dracmas áticos.[13] A súa equivalencia en peso sitúase en 57 libras (26 quilogramos), aínda que Friedrich Hultsch estimou un peso de 26,196 kg e Dewald, en 1998, ofreceu a hipótese de 25,992 kg.[14][15]

Talento exineta editar

O talento de Exina era de arredor dos 37 quilogramos no sistema decimal. O historiador alemán Friedrich Hultsch fíxoo oscilar nunha gama de 36,15 a 37,2 kg, baseándose en estimacións, e concluíu finalmente que representaba o peso en auga dun ephah babilonio (unha medida do gran de orixe hebrea): 36,29 kg.[16] Percy Gardner estimou un peso de 37,32 kg, baseándose na relación con outras unidades de masa e de moeda existentes na época.[17]

Da mesma maneira que ocorría no caso do áticio, un talento exineta tiña o valor de 60 minas ou 6.000 dracmas de Exina.

Outros talentos editar

 
Peso de diorita de 1/12 de talento (5 minas) co nome gravado do rei Shu-Shin, de Sumeria e de Acad, datado ca. 2030 av. J.-C. Peso: 2,52 kg.

Os babilonios, os sumerios e os hebreos dividiron tamén o talento en 60 minas, cada unha das cales se compuña, pola súa vez, de 60 siclos (ou shekels).[18] O grego tamén utilizou a equivalencia de 60 minas, cada unha delas de aproximadamente 434 gramos. Un talento romano era de 100 libras. Tendo en conta que unha libra romana equivalía ás tres cuartas partes dunha mina grega, o talento romano era igual que 1,25 talentos gregos. Pola súa banda, o talento dos exipcios era de 80 libras.[19]

O talento nos textos bíblicos editar

Artigo principal: Parábola dos talentos.

O talento como unidade de valor é mencionado por Mateu no Novo Testamento, na parábola dos talentos.[20] Nesta parábola está a orixe do uso do termo "talento" co significado de "habilidade" ou "destreza", tanto en galego como noutras linguas.[21] Lucas engade unha nova parábola na que se meciona tamén a mina.[22] O talento atópase tamén noutra parábola de Xesús na que un servente ao que se lle perdoa unha débeda de dez mil talentos rexeita perdoar outro servente que lle debe a el só cen denarios de prata.[23] No Éxodo aparece tamén unha mención ao talento, cando se describe o material investido na Arca da Alianza, onde se di que Salomón recibiu 666 talentos de ouro nun ano.[24][25][26]

Notas editar

  1. "Talento Arquivado 22 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Digalego. Dicionario de Galego.
  2. Girod (1827). "Talentum". Páxina 54.
  3. "Talent". En Schulzki, Heinz-Joachim. Brill’s New Pauly.
  4. "Talento". En Algunos tipos de monedas antiguas. www.tesorillo.com
  5. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Talento".
  6. Homero. Ilíada. Hom. II. 23.784 (texto en inglés)
  7. Humphrey, John William et al. Greek and Roman technology: A Sourcebook: Annotated Translations of Greek and Latin Texts and Documents (Routledge Sourcebooks for the Ancient World). Routledge, 1997. Páxina 487. ISBN 978-0415061377
  8. "Talent (Biblical Hebrew), unit of mesure". En unitconversion.org
  9. "III. Measures of Weight". En JewishEncyclopedia.com
  10. Seltman, Charles Theodore. Athens, Its History and Coinage Before the Persian Invasion. 1924. Páxinas 112-114.
  11. Ridgeway, W. "The Homeric Talent, its Origin, Value, and Affinities". En The Journal of Hellenic Studies. Novembro de 1887. Páxinas 133-158.
  12. Seltman (1924). Páxinas 112-114.
  13. Renfrew; Wagstaff. 1982. An Island Polity. The archeology of exploitation in Melos. Cambridge University Press. 1982. Páxina 49. ISBN 0521237858. "One Attic talent was the equivalent of 60 minae or 6,000 drachmae..."
  14. Hultsch, Friedrich. Griechische und Römische Metrologie. Weidmannsche Buchhandlung, 1882. 2ª ed. Páxina 135.
  15. Waterfield, R. (trad). e Dewald, C. (introd.). Herodotus. The Histories. A new translation bay Waterfield. Oxford University Press. 2008. Appendix II. ISBN 978-0199535668
  16. Hultsch, Friedrich (1882). Páxina 502.
  17. Gardner, Percy. A History of Ancient Coinage. Oxford at the Clarendon Press. 1918.
  18. "Talent, unit of weight". En Encyclopaedia Britannica. "[...] The Hebrew talent, or kikkār, probably of Babylonian origin, was the basic unit of weight among the ancient Hebrews. In the sacred system of weights, the Talmudic talent was equal to 60 Talmudic minas [...]."
  19. Humphrey, John William et al. (1997). Páxina 487.
  20. Mateu 25:14-30 (tradución ao inglés)
  21. Voz "talento" no DRAG e no Portal das palabras.
  22. Lucas 19:12-27 (tradución ao inglés)
  23. Mateu 18:23-35 (tradución ao inglés)
  24. Éxodo 38 (tradución ao inglés)
  25. 2 Crónicas 9:13 (tradución ao inglés)
  26. 1 Reis 10:14 (tradución ao inglés)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar

  • "Talent". En Encyclopaedia Americana. 1920.
  • "Talent". En The New Student's Reference Work. 1914.