Títulos e cargos do Imperio Bizantino

O Imperio bizantino contaba cun desenvolvido e complexo sistema de burocracia e aristocracia. Moitos dos cargos e títulos eran simplemente honoríficos, pois teoricamente o único gobernante era o emperador. Durante os máis de mil anos de existencia do Imperio, utilizáronse e deixaron de usar numerosos títulos, segundo gañaban ou perdían prestixio. Ao principio os títulos usados no Imperio eran practicamente os mesmos que no Baixo Imperio Romano, pois Bizancio mantivo a continuidade romana. Na época de Heraclio, no século VII, moitos dos títulos romanos estaban xa anticuados; en tempos de Aleixo I Comneno, moitos dos cargos eran novos ou cambiaran radicalmente de sentido e función, pero se mantiveron case sen cambios desde o reinado de Aleixo ata a caída de Constantinopla en 1453.

Títulos imperiais editar

  • Basileus: termo grego para "rei," que en principio facía referencia a calquera rei do mundo greco-parlante do Imperio Romano, como Herodes en Xudea. Tamén se usaba para referirse ao emperador (xa) de Persia. Heraclio adoptou este título en substitución do antigo título latino de Augusto (Augustos) en 629, e converteuse así no termo grego para designar ao "emperador." Heraclio tamén utilizou os títulos de autokrator ("autócrata") e kyrios ("señor"). Os bizantinos reservaban o termo "basileus" entre os gobernantes cristiáns exclusivamente para o emperador en Constantinopla, e referíanse en cambio aos reis europeos occidentais como "rigas", forma helenizada da palabra latina "rex" (=rei). Os emperadores que desexaban salientar a lexitimidade da súa ascendencia ao trono, engadían aos seus nomes o título de porphyrogenitos (galeguizado como "porfiroxeneta" ou "porfiroxénito", “nacido na púrpura”), co sentido de que viñeran ao mundo na sala de nacementos do palacio imperial (chamada "Porphyra" porque estaba recuberta de lousas de mármore púrpura), eran fillos dun emperador reinante e, xa que logo, lexítimos. A forma feminina basilissa usábase para se referir á emperatriz. As emperatrices eran denominadas "Eusebestati Augusta" (=A máis Pía Augusta), e tamén se chamaban Kyria (=Señora) ou Despoina (forma feminina de "despotes", véxase máis abaixo). Basileopator era un título honorífico reservado para o "pai" dun emperador, aínda que un basileopator non tiña por que ser necesariamente o pai do emperador que estivese entón no trono. O primeiro en usar o título de basileopator foi Zautzes, un nobre de época de León VI, e Romano I Lecapeno tamén usou este título cando foi rexente de Constantino VII. Non debe esquecerse que a primoxenitura, ou ata a transmisión hereditaria do trono, nunca chegou a estar firme e legalmente establecida na sucesión imperial bizantina, xa que en principio o emperador romano era elixido polo Senado, o pobo e o exército. Este feito asentábase firmemente na tradición "republicana" romana, segundo a cal se rexeitaba calquera forma de herdanza do poder e o título imperial consistía teoricamente na coincidencia de varios cargos da República nunha mesma persoa. Moitos emperadores, desexosos de salvagardar o dereito ao trono para os seus primoxénitos, coroábanos como coemperadores cando aínda eran nenos, asegurándose así que trala súa morte o trono imperial non quedaría vacante nin un instante. En tales casos, non se suscitaba o caso dunha elección imperial. Noutros casos, o novo emperador ascendía ao trono, por exemplo, tras casar coa viúva do emperador anterior ou mesmo tras obrigar ao emperador anterior a abdicar e retirarse a un mosteiro como monxe. Algúns emperadores tamén foron depostos por incapacidade manifesta, por exemplo tras unha grave derrota militar, e outros foron asasinados. Todo isto explica por que un basileopator (é dicir, o pai do emperador ou o seu pai político) non fora emperador el mesmo.
  • Autocrator: "Emperador", este título foi nun principio equivalente a Imperator, e estaba reservado aos emperadores.
  • Sebastos: "Maxestade", este título era a tradución literal grega da palabra latina Augustus ou Augustos, e estaba tamén reservado aos emperadores. En tempos de Aleixo I Comneno pasou a ser menos importante trala creación do título de Protosebastos. A súa forma feminina era sebasta.
  • Despotes: O título de "déspota" foi creado por Manuel I Comneno no século XII, como o máximo título despois do emperador. Un déspota podía ser o titular dun despotado, por exemplo do despotado de Morea, con capital en Mistra. O devandito título sería usado polo herdeiro do trono bizantino desde 1261. A forma feminina, despoina, usábase para se referir tanto a unha muller co cargo de déspota como á esposa dun déspota.
  • Sebastokrator: "Venerábel gobernante", título creado por Aleixo I combinando os de autokrator e sebastos. O primeiro sebastokrator foi o irmán de Aleixo, Isaac; en esencia era un título sen contido, que indicaba simplemente unha relación moi próxima co emperador. A súa forma feminina era sebastokratorissa.
  • Kaisar: César, nun principio, como no Baixo Imperio Romano, este título era usado por un coemperador subordinado ou polo suposto herdeiro. Cando Aleixo I creou o título de sebastokrator, kaisar pasou a ser o terceiro en importancia, e sería o cuarto despois de que Manuel I crease o título de despotes. A forma feminina era kaisarissa.
  • Panhypersebastos e Protosebastos: foron creados a partir de sebastos ("maxestade"). Aleixo I e os emperadores posteriores crearían numerosos títulos polo procedemento de engadir pan- ("todo"), hyper- ("superior"), proto- ("primeiro") e outros prefixos a títulos básicos como sebastos.

Despotes, sebastokrator, kaisar, panhypersebastos e protosebastos eran títulos normalmente reservados aos membros da familia imperial e distinguíanse polo uso de roupas determinadas e de distintas coroas. Con todo, tamén podían aplicarse a estranxeiros: de feito, o primeiro despotes foi un estranxeiro, Bela III de Hungría, dando a entender así que Hungría era un estado tributario de Bizancio. O primeiro estranxeiro ao que se concedeu o título de sebastokrator foi Stefan Nemanja de Serbia en 1191. Kaloyan de Bulgaria tamén usou este título. Xustiniano II concedeu o título de kaisar a Tervel, khan dos búlgaros, en 705; o título logo converteuse no termo eslavo tsar (pasando así do latín ao ruso). Andrónico II Paleólogo tamén conferiu o título de kaisar a Roger de Flor, xefe da Gran Compañía Catalá dos almogávares, en 1304. Protosebastos foi concedido a Enrico Dandolo, dux de Venecia, antes da súa implicación na Cuarta Cruzada.

Nos últimos séculos do imperio, aos emperadores bizantinos tamén se lles aplicaron os títulos de khronokrator e kosmokrator - literalmente, "gobernante do tempo" e "gobernante do mundo".

Títulos cortesáns editar

  • Pansebastohypertatos, panoikeiotatos e protoproedros son exemplos dos longos títulos que se podían crear engadindo prefixos. Trátase de títulos reservados a membros da familia imperial desde a época de Aleixo I, que indicaban unha relación de proximidade co emperador, pero que carecían dun poder real.
  • Protovestiarios era normalmente un parente menor do emperador, que se facía cargo do vestiario persoal do emperador, sobre todo durante as campañas militares. Ás veces encargábase tamén doutros membros da casa imperial e das finanzas persoais do emperador . O termo antigo, anterior ata á época de Xustiniano I, era curopalata (ou kuropalates en grego), que se derivaba de kurator (curador), un antigo funcionario encargado de asuntos financeiros. O vestiarios era un funcionario subordinado a este. Os protovestiaria e vestiaria cumprían as mesmas funcións para a emperatriz.

Os bizantinos tamén contaban con títulos aristocráticos para os membros inferiores da familia imperial e para a nobreza de menor rango. Estes títulos adoitaban estar adaptados de termos latinos e en certo modo eran equivalentes a títulos similares presentes en Europa occidental (que á súa vez tamén se derivaban de termos latinos). Entre estes contábanse os títulos de prinkeps (príncipe), dux (duque) e komes (conde). Tamén dispoñían de títulos como kleisurarka, apokomes e akrita, máis ou menos equivalentes aos de marqués, vizconde ou barón.

Outros nobres ostentaban títulos relacionados coa casa imperial, como parakoimomenos (garda persoal), pankernes (copeiro) e megas konostaulos ("gran condestábel," a cargo das cortes imperiais).

Títulos militares editar

Exército editar

  • Exarca - Os exarcas eran os gobernadores das rexións máis remotas do Imperio, como Italia ou África, e gozaban dun grao de independencia maior que o doutros gobernadores provinciais.
  • Domestikos: os domestikoi eran en orixe gardas imperiais, e chegarían a ser xerais nos themas. Entre estes contábanse:
    • Megas domestikos (Gran Doméstico): Comandante en xefe do exército.
    • Domestikos ton Scholon (Doméstico das Scholae): o xeneral das Scholae, que en orixe eran unha prestixiosa división do exército e que posteriormente pasou a ser o thema que provía de tropas á devandita división. Tratábase dun título de gran prestixio, que ademais tiña moito poder, a diferenza doutros títulos.
    • Domestikos tu thematos (Doméstico dos themas): xefe e organizador dos themas militares; había un para os themas europeos e outro para os asiáticos.
  • Strategos: xefe militar dun thema, que adoitaba ostentar tamén o título de doux. O termo resulta equivalente ao de "xeneral" ou "almirante", e usábase tanto no exército como na armada.
  • Protospatharios: xefe da garda imperial. O spatharios dependía deste.
  • Protostrator: denominación tardía para o xefe do exército.
  • Stratopedarchos: xefe do exército no campo de batalla, que seguramente tamén tiña poderes legais.
  • Protokentarchos e kentarchos: xefes de seccións menores dun exército no campo de batalla. O nome derívase do termo latino centurión.
  • Merarches: xefe dunha división de cabalaría no exército.

Armada editar

  • Megas dux: ou megaduque, arquiduque ou gran duque, era en esencia o equivalente do moderno almirante en xefe da Armada e ocupábase da organización dos themas navais bizantinos. Seguramente era un dos poucos que coñecían o segredo da composición do lume grego. A finais da dinastía Paleólogo o megaduque converteuse no xefe do goberno e da administración, e non só da armada.
    • Megas drungarios: subordinado ao megas dux, encargábase dos oficiais navais.
    • Drungarios: oficial naval de menor graduación. O drungarokomes era unha especie de drungarios de rango superior.
  • Katepano: gobernador dun thema naval, como o catapán de Italia, título creado no século IX.

Outros títulos militares editar

  • Konostaulos: forma grega de "condestábel," o xefe dos mercenarios francos.
  • 'Hetairiarchos': o xefe dos mercenarios bárbaros.
  • Akoluthos - "acólito", o xefe da garda varega.
  • Spatharokandidatos: outro título varego.
  • Manglavites: outro título varego.

Títulos da administración editar

A vasta administración bizantina dispoñía de moitos títulos e máis variados que os simplemente aristocráticos ou militares. En Constantinopla contábanse centos, se non miles, de burócratas nun momento dado. Aquí figuran os máis comúns, incluídos aqueles que non eran nobres, pero que estaban ao servizo directo do emperador.

  • Prefecto de pretorio: o Prefecto de pretorio era en orixe un cargo romano que usaba o xefe do exército nas metades oriental e occidental do Imperio. Foi abolido no século VII cando deixou de ser útil (ao non haber metade occidental do Imperio). O título converteuse no de domestikos. Logo das reformas de Diocleciano, as funcións do prefecto abarcaban un amplo abano, desde aspectos administrativos e fiscais ata xudiciais e ata lexislativos. Os gobernadores provinciais nomeábanse a partir da súa proposta, e del dependía tamén a súa substitución, suxeito á aprobación imperial. O prefecto recibía informes regulares sobre a administración enviados polos gobernadores provinciais, contaba coa súa propia tesourería, e o pago das subministracións de comida do exército facíase ao seu cargo. Tamén era xuíz supremo de apelación, pois nos casos que atendía procedentes de tribunais inferiores non había posibilidade de apelación ao emperador. Podía emitir, por propia autoridade, edictos pretorianos, pero só con respecto a certas cuestións precisas.
  • Protoasecretes: título antigo do xefe da chancelaría, responsábel do rexistro oficial. O asecretes era o seu subordinado. Outro cargos inferiores eran o chartularios (a cargo dos documentos imperiais), o kastrinsios (chambelán de palacio), o mystikos (secretario privado) e o eidikos (funcionario do tesouro).
  • Logothetes: secretario da extensa burocracia, que realizaba diversos traballos segundo a posición que ocupase. Os logotetas eran algúns dos principais burócratas, entre eles contábanse:
    • Megas logothetes (Gran logoteta): xefe dos logotetas, responsable persoal de sistema legal e da tesourería, en certo xeito equivalente ao chanceler en Europa occidental..
    • Logothetes tu dromu (Logoteta postal): xefe da diplomacia e do servizo postal.
    • Logothetes ton oikeiakon (Logoteta doméstico): xefe dos asuntos internos, como a seguridade en Constantinopla e a economía local.
    • Logothetes tu geniku (Logoteta xeral): responsábel dos impostos.
    • Logothetes tu stratiotiku (Logoteta militar): civil a cargo da distribución dos pagos no exército.

Os logotetas tiñan en principio un certo grao de influencia na política imperial, pero co tempo convertéronse en cargos honorarios. Na época final do Imperio, o Gran logoteta converteuse no mesazon ("manager" ou, literalmente, "home-medio").

Outros cargos administrativos eran:

  • Prefecto: funcionario de rango menor en Constantinopla encargado do goberno local.
  • Quaestor (cuestor): en orixe tratábase dun funcionario con atribucións xurídicas e fiscais, pero perdeu poder trala imposición dos logotetas.
  • Tribunos: equivalente ao tribuno romano; responsábel do mantemento de rúas, monumentos e edificios de Constantinopla.
  • Magister (magister officiorum ou magister militum, en grego "maistor"): antigo termo romano, xefe dos oficios ou xefe do exército; en tempos de Heraclio convertéronse en cargos honoríficos e terminarían por desaparecer.
  • Sacellarios: en época de Heraclio, supervisor honorario doutros funcionarios e logotetas de palacio.
  • Praetor (pretor): en orixe, administrador de Constantinopla, encargado dos impostos; logo de Aleixo I, gobernador civil dun thema.
  • Kephale - "cabeza", gobernador civil dunha cidade bizantina.
  • Dragoman: título turco para referirse a intérpretes e embaixadores.
  • Horeiarios: funcionario a cargo da distribución de comida procedente dos celeiros estatais.

O protoasecretes, logotheta, prefecto, pretor, cuestor, magister e sacellarios, entre outros, eran membros do Senado bizantino, ata que, a partir de Heraclio, o Senado pasou a ser unha institución cada vez menos presente no Imperio.