Tántalo (mitoloxía)

personaxe mitolóxico, fillo de Zeus

Na mitoloxía grega, Tántalo foi un fillo de Zeus [1] e da oceánide Pluto (filla de Cronos e Rea ou de Atlas ou de Océano). Foi un rei de Frixia ou do monte Sípilo, en Lidia (Asia Menor). É un dos eternos castigados no Tártaro, a parte máis profunda do Inframundo, xunto a Ixión, Sísifo e Ticio [2].

O suplicio de Tántalo (Joseph Heinz o Vello, 1535)

Foi padre de Pélope e Níobe [3], e algunhas fontes engaden a Bróteas, coa pléiade Dione [4]. Por vía de Pélope, forman parte da súa descendencia personaxes como Agamenón e Menelao.

Zeus castigouno enterrándoo no monte Sípilo por perxurio, pois negoulle a Hermes haber recibido o can de Zeus que lle confiara Pandáreo. Pandáreo roubara o mastín de ouro que Rea deixara para coidar de Zeus meniño e deullo a Tántalo para que este o ocultara no monte Sípilo. Pero cando Pandáreo lle pediu que llelo devolvera unha vez que se calmou o escándalo polo roubo, Tántalo xuroulle por Zeus que nunca o vira nin escoitara falar do can. Aínda que Hermes recuperou o can, Zeus non deixou de castigar o perxurio cometido [5].

Posteriormente, Ilo, fundador da cidade de Ilión, a futura Troia, expulsouno de Asia Menor logo de que Apolo e Artemisa mataran a tódolos fillos de Níobe, que afirmara que merecía ser adorada en lugar de Leto, que só tivo dous fillos cando ela, Níobe, tiña catorce. Ilo acusouno de raptar ó seu irmán Ganimedes, un príncipe frixio de quen a lenda conta que era tan fermoso que Zeus se namorou del e, convertido en aguia, raptouno e levouno consigo ó monte Olimpo.

Pecado de orgullo editar

 
Suplicio de Tántalo (1650-1655)

Pero o episodio máis característico da súa vida foi o que mereceu o castigo eterno de Zeus. Os diferentes mitógrafos discordan sobre a causa da cólera de Zeus, se ben coinciden no pecado de hybris de Tántalo.

Para uns, Tántalo asistía como invitado ós banquetes dos deuses, e este privilexio fíxolle envaecerse, e logo revelaba ós homes os secretos dos que aqueles falaban na súa presenza. Outros afirman que Tántalo [6] roubaba o néctar e a ambrosía dos deuses para compartilo cos seus amigos mortais [7].

Unha terceira hipótese consiste en que Tántalo quixo poñer a proba ós deuses olímpicos e invitounos a un banquete [8], para o que mandou cociñar ó seu propio fillo Pélope, a quen matou, cortou en cachos e serviuno [9]. Tódolos deuses recoñeceron a orixe da carne que lles ofreceu e rexeitaron comer, menos Deméter, que comeu a paleta esquerda antes de darse de conta, sexa por fame, sexa por estar pensando na súa filla, Perséfone, raptada por Hades. Zeus resucitou a Pélope, e resucitouno tan fermoso que Poseidón se namorou del e nomeouno o seu copeiro no Olimpo.

"Contan que os seus membros [de Pélope], cortados polas mans do seu pai, foron unidos polos deuses. Atoparon o resto, pero faltaba o sitio entre a gorxa e a parte superior do brazo, e púxose marfil alí para substituír a parte que non aparecía e con isto quedou Pélope enteiro".
(Ovidio: Metamorfosis VI, 404-411)

Tampouco existe unanimidade na forma en que foi castigado. Zeus levou á ruína ó seu reino e acabou con el. Uns din que foi condenado no Tártaro a estar baixo unha rocha en equilibrio precario, sempre ameazando con caer sobre el. Pero o castigo adoita describirse como unha fame e sede eternas: Tántalo estaría mergullado nun lago asomando tan só a cabeza [10], pero non podía beber porque, cando baixaba a boca, baixaba o nivel da auga ata non quedar máis auga que a da lama nos seus pés; sobre a súa cabeza estendíase unha rama cargada de diversas e suculentas froitas, pero tampouco podía comer porque, cando intentaba coller algunha, o vento levantaba a rama fóra do seu alcance. Sobre esta árbore, unha enorme pedra do monte Sípilo parece estar a piques de caer e esmagalo.

 
Tántalo, gravado de Goya
"Por isto, dise que está nos infernos coa auga ata a metade do corpo e sempre sedento, e que cando quere tomar un grolo de auga, a auga retírase. Tamén colgan froitas sobre a súa cabeza, pero cando intenta collelas, as ramas retroceden movidas polo vento. Ademais pende sobre a súa cabeza unha enorme rocha e sempre teme que vaia caer sobre el".
(Hixino: Fábulas 82)

Na Arte moderna, o mito de Tántalo utilizouse para simbolizar a imposibilidade de alcanzar un desexo longamente anhelado [11]. Goya titulou un dos seus gravados da serie Os caprichos co nome de Tántalo, representando a un mozo abrazando unha muller morta (1797); no manuscrito que se conserva na Biblioteca Nacional desenvolvendo o significado das láminas consta a seguinte explicación: "Unha boa femia xunto a un vello que non a satisfai, ten esmorecementos, e é como o que ten sede, está xunto á auga, e non pode saboreala".

Notas editar

  1. Ou de Tmolo, esposo de Ónfale.
  2. "Para ti, Tántalo, non se colle auga ningunha e fuxe a árbore que asoma á túa cabeza" (Ovidio: Metamorfosis IV, 458-459).
  3. Por veces, Tántalo aparece representado acompañando a Níobe ante a tumba dos seus fillos, en vasos do século IV a.C.
  4. Outras fontes citan distintas mulleres como nais dos seus fillos.
  5. Outros din que fora Tántalo quen roubara o can e Pandáreo quen o ocultou e logo negou saber nada del.
  6. Directamente ou utilizando ó seu fillo Pélope.
  7. "A razón de que estea castigado así din algúns que é a divulgación entre os homes dos ritos secretos dos deuses e o facer partícipes da ambrosía ás súas amizades" (Pseudo-Apolodoro: Epítomes II, 1).
  8. Tamén se di que os deuses andaban de viaxe por Asia Menor e pedíronlle hospedarse no seu palacio.
  9. Algunhas tradicións explican este acto na extrema pobreza de Tántalo, que non tiña outra cousa que ofrecer ós deuses; ou ben que o fixo cando viu que as súas reservas de comida non eran suficientes.
  10. Ou ben mergullado ata a cintura.
  11. Elvira Barba, px. 155.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar