Swan Song Records

selo discográfico creado por Led Zeppelin

Swan Song foi un selo discográfico creado polo grupo de rock británico Led Zeppelin en 1974. O nome do selo fai referencia ao belo canto do cisne xusto antes de morrer. Recalca a diferenza que existe entre o ruído desagradable dun cisne durante toda a súa vida e o canto emitido momentos antes da súa morte. Provén do nome dunha canción inédita composta por Jimmy Page.

O grupo creu que para traballar con menos presión debían eliminar aqueles elementos que a exercesen (discos obrigatorios, propiedade das cancións...) e decidiron crear o selo Swan Song. Este selo foi creado principalmente para as súas propias gravacións, e para dar cabida a outros artistas que, ou ben mantiñan unha boa relación profesional con Led Zeppelin –como o caso de Bad Company–, ou ben dificilmente tivesen cabida noutras discográficas internacionais (caso de Mirabai). De todos os xeitos, seguían a súa relación con Atlantic Records, que se ocupaba da distribución dos traballos.

O primeiro lanzamento de Swan Song Records foi o álbum homónimo de Bad Company en maio de 1974, mentres que o primeiro disco editado por Led Zeppelin baixo o seu propio selo foi Physical Grafiti, álbum dobre que incluía temas sobrantes de antigas sesións de gravación doutros álbums, e que é considerado unha obra mestra.

Entre os artistas de relevo cuxas obras foron publicadas por Swan Song Records atópanse, ademais The Pretty Things, Detective e Dave Edmunds.

Swan Song Records cesou finalmente na súa actividade en outubro de 1983, quedando operativa unicamente para xestionar as reedicións dos discos de Led Zeppelin e os dereitos derivados deles.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar