Superman

personaxe de ficción de banda deseñada e superheroe da editorial DC Comics

Superman é un personaxe ficticio, un superheroe de banda deseñada que apareceu nas publicacións de DC Cómics, aínda que se lle considera unha icona cultural de Estados Unidos.[1][2][3][4] Creado polo escritor estadounidense Jerry Siegel e o artista canadense Joe Shuster en 1932, cando ambos se atopaban vivindo en Cleveland, Ohio; vendérono a Detective Cómics, Inc. en 1938 por 130 dólares[5] e a primeira aventura do personaxe foi publicada en Action Cómics 1 (xuño de 1938) para logo aparecer en varios seriais de radio, programas de televisión, películas, tiras periódicas e videoxogos. Co éxito das súas aventuras, Superman axudou a crear o xénero do superheroe e estableceu a súa primacía dentro do cómic estadounidense.[1] A aparencia do personaxe é distintiva e icónica: un traxe azul, vermello e amarelo, cunha capa e un escudo de "S" estilizado no seu peito,[6][7] escudo que se converteu nun símbolo do personaxe en todo tipo de medios de comunicación.[8]

Símbolo de Superman.

A historia orixinal de Superman relata que naceu co nome de Kal-El no planeta Krypton; o seu pai, o científico Jor-El, e a súa nai Lara Lor-Van, enviárono nunha nave espacial con destino á Terra cando era un neno, momentos antes da destrución do seu planeta. Foi descuberto e adoptado por Jonathan Kent e Martha Kent, unha parella de granxeiros de Smallville, Kansas, que o criaron co nome de Clark Kent e inculcáronlle un estrito código moral. O mozo Kent comezou a mostrar habilidades superhumanas, as mesmas que ó chegar á súa madurez decidiría usar para o beneficio da humanidade.

Aínda que denominado, algunhas veces, de maneira pouco afagadora, como «o gran Boy Scout azul» por outros superheroes, Superman tamén é coñecido como «O Home de Aceiro», «O Home do Mañá» e «O Último Fillo de Krypton» polo público xeral dos cómics. Baixo a identidade de Clark Kent, Superman vive no medio dos humanos como un «tímido reporteiro» do diario Daily Planet de Metrópolis. Aí traballa xunto á reporteira Lois Lane, coa cal foi vinculado románticamente. Esta relación consumouse co seu matrimonio en varias ocasións a través de distintos medios e a unión atópase firmemente establecida dentro da continuidade actual dos cómics.

Christopher Reeve en 1985.

DC Cómics/Warner Bros. expandiu lentamente a repartición de personaxes secundarios, poderes e símbolos de Superman a través dos anos. Modificouse o seu pasado para permitir as súas aventuras como Superboy e creáronse outros sobreviventes de Krypton, incluíndo a Supergirl e Krypto, o Supercan. Ademais, Superman foi licenciado e adaptado a unha gran variedade de medios, desde a radio á televisión e o cinema. Neste último deuse a que quizais sexa a súa interpretación máis notable: Christopher Reeve tanto en Superman (1978) como na súa secuela Superman II (1981), películas de Richard Donner que recibiron a aclamación unánime da crítica e volvéronse as películas máis exitosas de Warner Bros. no seu momento. No entanto, as dúas seguintes secuelas, Superman III e Superman IV: The Quest for Peace non tiveron tanto éxito a nivel de recadación. A película Superman Returns, que foi estreada en 2006, foi pouco exitosa dentro dos Estados Unidos pero no resto do mundo excedeu as expectativas iniciais dos seus creadores.[9]

Desde o debut de Superman transcorreron sete décadas, durante as cales o personaxe foi recreado e renovado en múltiples ocasións. Unha modificación maior e significativa ocorreu en 1986, cando o autor John Byrne modernizou e realizou un masivo retcon ó personaxe, reducindo os poderes de Superman e eliminando varios personaxes do canon, nunha estratexia que atraeu moita atención dos medios. Volveu aparecer na prensa na década de 1990, cando DC Cómics publicou A Morte de Superman, unha historia na que o personaxe faleceu e logo reviviu.

Superman resultou fascinante para os académicos e tanto estudosos culturais como comentaristas e críticos exploraron o impacto do personaxe e o seu rol nos Estados Unidos e no resto do mundo. Umberto Eco discutiu as calidades mitolóxicas do personaxe a inicios dos anos 1960 e Larry Niven escribiu sobre as características dunha hipotética relación sexual entre o personaxe e Lois Lane.[10]

A propiedade do personaxe foi frecuentemente un obxecto de disputa; Siegel e Shuster estableceron demandas en dúas ocasións para recuperar a súa posesión legal. Os dereitos do personaxe atópanse de novo en discusión, debido a que os cambios á lei de dereitos de reprodución permitíronlles á esposa e á filla de Siegel alegar por unha parte dos dereitos, algo que a compañía dona de DC, Warner Bros., disputa.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 (Daniels 1998, p. 11)
  2. Holt, Douglas B. (2004). How Brands Become Icons: The Principles of Cultural Branding (en inglés). Boston: Harvard Business School Press. p. 1. ISBN 1578517745. 
  3. Koehler, Derek J.; Harvey, Nigel., ed. (2004). Blackwell Handbook of Judgment and Decision Making (en inglés). p. 519. ISBN 1405107464. 
  4. Dinerstein, Joel (2003). Swinging the machine: Modernity, technology, and African American culture between the wars (en inglés). University of Massachusetts Press. p. 81. ISBN 1558493832. 
  5. A subasta el cheque con el que se compró a Superman (en castelán).
  6. Wallace, Daniel; Singer, Bryan (2006). The Art of Superman Returns (en inglés). Chronicle Books. p. 22. ISBN 0811853446. 
  7. "Designing Man of Steel's costume" (en inglés). Manila Standard Today. 21 de xullo de 2006. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2011. Consultado o 14 de decembro de 2009. 
  8. Gormly, Kellie B. (28 de xuño de 2006). "Briefs: Superman returns... to the North Shore-It's a bird, it's a plane, it's an... S-Shield.". Pittsburgh Tribune-Review (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2008. Consultado o 14 de decembro de 2009. 
  9. Epstein, Daniel Robert (30 de xaneiro de 2007). "4:11 with Bryan Singer" (en inglés). Newsarama. Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2006. Consultado o 30 de xullo de 2006. 
  10. Niven. Larry (1971). "Man of Steel, Woman of Kleenex". All the Myriad Ways (en inglés). Larry Niven. Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2009. Consultado o 14 de decembro de 2009. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar