Suffragette

militante a prol do voto feminino, termo referido a integrantes da Women's Social and Political Union (WSPU)

O termo suffragette designaba, a comezos do século XX, a unha muller que reinvindicaba o dereito a voto das mulleres, e que mesmo estaba disposta a infrinxir a lei para conseguilo, nun contexto no cal as mulleres non tiñan máis opción.[1] De acordo co Oxford English Dictionary, foi cuñado polo Daily Mail en 1906, como forma despectiva de distinguir entre as suffragettes e as sufraxistas máis moderadas, unha forma de dividir o movemento.

Suffragettes participando nun piquete de folga ás portas da Casa Branca, en xaneiro de 1917.

Neste sentido refírese máis especificamente a unha militante da Unión Social e Política das Mulleres (WSPU), unha organización fundada no Reino Unido en 1903 por Emmeline Pankhurst, partidaria da acción directa —reunións públicas e marchas de protesta— que nace como escisión de, e en contraposición ó, sector sufraxista británico moderado —formado tanto por mulleres como por homes—, agrupado sobre todo na Unión Nacional de Sociedades de Sufraxio Feminino (NUWSS), creada en 1897 e liderada por Millicent Fawcett, dedicada á convocatoria de campañas e mitins dentro da máis estrita legalidade.[2]

Logo de máis de 50 anos tentando conseguir o voto para a muller, sen éxito, ante as institucións —por exemplo, o intento do deputado John Stuart Mill de introducir unha lei a prol do voto da muller en 1866 só conseguira 88 votos a favor—, a falta de resultados reais levou ó activismo das suffragettes, baseado na provocación e a rebeldía, baixo a lema de Deeds, not Words![3] —«Feitos, non Palabras!»—, rompendo así coa delicadeza e a etiqueta que até entón dominaba no movemento sufraxista británico, e xeneralizáronse os encarceramentos —entre 1905 e 1913 encarceráronse a unhas 1100 suffragettes e creceron tanto a represión como as reaccións políticas a esta represión.[4][5] A partir de 1909, implantouse unha estratexia de folgas de fame entre as suffragettes encarceradas, «obrigando» así ó Goberno británico a impor a moi controvertida práctica da alimentación forzada até aprobar en 1913 a Prisoners (Temporary Discharge for Ill Health) Act.[6]

Argumentouse que a extrema militancia das suffragettes atrasou en varios anos o dereito do voto da muller no Reino Unido, sobre todo entre os deputados máis a favor do voto para as mulleres, como foron os do Partido Liberal e o Partido Laborista, xa que en 1911 a votación que na Cámara dos Comúns deu como resultado 255-88 a favor do sufraxio converteuse nunha votación en contra de 222-208 en 1912.[7]

En 1918, a Representation of the People Act concedeu o dereito a voto a todos os homes maiores de 21 anos de idade e as mulleres maiores de 30 anos que reunisen certas condicións, como ter propiedades por enriba de certo valor ou ser licenciadas univesitarias. A igualdade neste tema chegou dez anos máis tarde, en 1928, cando as mulleres puideron votar dende os 21 anos de idade como pago ós servizos que prestaran durante a contenda da primeira guerra mundial.

Notas editar

  1. (En inglés.)«Suffrage glossary.» Arquivado 30 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine. British Library. Consultado o 2 de abril de 2016.
  2. Françoise Barret-Ducrocq, Le mouvement féministe anglais d’hier à aujourd’hui, éditions Ellipses, París, 2000, ISBN 2729859500 y 9782729859503, páx. 88.
  3. Jorge Alonso, Ana. Mujeres en los medios, mujeres de los medios: imagen y presencia femenina en las televisiones públicas: Canal Sur TV, páx. 48. Icaria Editorial, 2004. En Google Books. Consultado o 28 de abril de 2016.
  4. Mugglestone, Lynda (en inglés). OxfordWords Blog: «Woman – or Suffragette?» Arquivado 11 de marzo de 2017 en Wayback Machine. Oxford Dictionaries. Consultado o 28 de abril de 2016.
  5. Ni tontas ni locas. Las intelectuales en el Madrid del primer tercio del siglo XX (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología ed.). ISBN 978-84-691-8464-6. 
  6. (En inglés.) Women and the vote: «'Deeds not words'.» Web oficial do UK Parliament. Consultado o 28 de abril de 2016.
  7. Pugh, Martin (en inglés). State and Society: A Social and Political History of Britain Since 1870, páx. 152. A&C Black, 2012. En Google Books. Consultado o 28 de abril de 2016.