Suctores

Suctoria atacando a un Colpidium
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Chromalveolata
Superfilo: Alveolata
Filo: Ciliophora
Clase: Phyllopharyngea
Subclase: Suctoria
Claparède & Lachmann 1858
Ordes típicos

Exogenida
Endogenida
Evaginogenida

Os suctores (Suctoria) son un grupo de protozoos peculiares clasificados entre os Ciliophora. Son sésiles (unidos ao substrato), aliméntanse por dixestión extracelular e carecen de cilios na fase de adulto [1]. Viven en ambientes de auga doce e mariños, algúns sobre a superficie de animais acuáticos. A maioría dos Suctoria ten un tamaño de arredor de 15-30 microns, cun talo non contráctil e xeralmente cunha cuncha ou lorica. Aliméntanse doutros cilióforos, capturando ás súas presas por medio de varios tentáculos especializados sostidos por microtúbulos e filas (phyllae). Os tentáculos presentan no seu extremo extrusomas tóxicos denominados haptocistos que se proxectan sobre a presa. Despois, o seu citoplasma aspira directamente o alimento, que pasa ao interior dun vacúolo, onde será dixerido e absorbido. O seu nome procede deste feito, xa que se pensa que se alimentan por succión.[2] Porén, algún estudo discutiu que o mecanismo de absorción sexa propiamente unha succión.[2]

Os Suctoria reprodúcense sobre todo por xemación, producindo células nadadoras con cilios, que carecen de tentáculos e talos. Poden tamén reproducirse por conxugación, que é peculiar pola participación de células de diferentes tamaños e implica a miúdo unha fusión total. Na xemación, a maneira en que se forman as xemas nacentes é o criterio primario de clasificación para os diferentes ordes de suctoria. Nos Exogenida, entre os que hai xéneros comúns como Podophrya e Sphaerophrya, aparecen directamente na superficie da célula. Nos Endogenida, por exemplo, Tokophrya e Acineta, fórmanse nunha bolsa interna e saen por unha abertura, e nos Evaginogenida fórmanse nunha bolsa que se reverte antes de que se desprendan.

Unha vez que as células nadadoras encontran un lugar para se fixar, desenvolven rapidamente talos e tentáculos. Perden os cilios, pero o sistema infraciliar subxacente persiste ao longo do ciclo vital completo. Esta ten unha estrutura que, xunto con outras semellanzas ultraestructurais, coloca a Suctoria dentro da clase Phyllopharyngea.

Notas editar

  1. Juneja, Kavita; Bhamrah. An Introduction to Protozoa. Anmol Publications Pvt Ltd+. pp. 204–207. ISBN 81-261-0679-4. 
  2. 2,0 2,1 Rudzinska, M. A. (1973). "Do Suctoria Really Feed by Suction?". BioScience 23 (2): 87–94. doi:10.2307/1296568. JSTOR 1296568. [1]

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar