A sinérese é, en métrica, un recurso que permite ligar as vogais dun hiato desfacéndoo. Para isto, debilítase o timbre da vogal máis feble a fin de crear un ditongo artificial, co propósito de diminuír nunha unidade o cómputo total de sílabas do verso. É o contrario da diérese, pero, de forma distinta a esta, non se sinala con ningún signo gráfico especial.

En lingüística, a sinérese prodúcese con frecuencia nalgunhas linguas en que existe unha tendencia antihiática pronunciada, por exemplo o galego. Así, por exemplo, é bastante frecuente, nunha pronunciación relaxada, oír *rialmente no canto de realmente. O proceso non se detén aí, senón que continúa debilitando a vogal máis feble do antigo ditongo ata a súa desaparición total (aférese, síncope ou apócope) ou a modificación do seu timbre: *Uropa no canto de "Europa"; induropeo ou *indouropeo, no canto de "indoeuropeo", *donme en vez de dóenme etc.