Silingos

pobo xermánico

Os silingos ou silingi (en latín: Silingae; en grego antigo: Σιλίγγαι -Silingai-) foron un pobo xermánico do grupo dos vándalos que se tería establecido na Silesia e, posteriormente, na Península Ibérica e na África setentrional.

Mapa da Xermania Magna a comezos do século II, incluíndo a localización dos silingos.

Os silingos na Xermania (ante c. 150-406) editar

Os silingos son mencionados por vez primeira na Geographia de Tolomeo (c. 150), quen os sitúa ao norte dos suevos semnones, na zona da actual Silesia:

Á baixo dos semnones aséntanse os silingæ, e á baixo dos burguntae os lugi omani, á baixo dos cales os lugi diduni até o monte Asciburgius; e á baixo dos silingæ os calucones e os camavi até o monte Melibocus, ó leste deles, preto do río Albis e á riba deles, baixo o monte Asciburgius, os coroconti e os lugi buri até a cabeceira do río Vistula; e á baixo deles en primeiro lugar os sidones, logo os cotini, despois os visburgii á riba do val Orcynius.[1]

Esta localización foi corroborada por numerosas evidencias toponímicas e arqueolóxicas. A abundancia de enterramentos ricos na Silesia dá conta dunha relativa prosperidade económica, que adoita atribuírse ao florecemento do comercio co Imperio Romano. Non obstante, esta actividade comercial deixou paso a unha política exterior agresiva con respecto a Roma. Sen esquecer a súa posible participación nas Guerras Marcomanas (165-189) xunto con outros pobos vándalos, o certo é que no ano 278, os silingos e os burgundios levaron a cabo unha expedición militar conxunta contra o emperador Probo, pero foron derrotados por este preto do río Libus (actualmente Lech). Iniciouse así un período de dependencia do Imperio Romano, no que silingos e burgundios foron obrigados a participar nas campañas de Britania como tropas auxiliares de Roma. Tras participar na invasión da Recia (401), dende o 405 os silingos preparábanse para invadir a Galia xunto con outros pobos xermánicos.[2]

Os silingos na Galia (406-409) editar

O 31 de decembro do 406, os vándalos enfrontáronse aos francos ripuarios, tropas auxiliares do Imperio encargadas de defender a fronteira do Rhin, na batalla de Maguncia, na que resultaron mortos o rei dos asdingos Godexisilio, xunto cuns 20.000 vándalos, aproximadamente. Inda así, coa axuda dos alanos, baixo o mando do rei Respendial, os exércitos invasores derrotaron ós francos ripuarios e conseguiron atravesar o Rhin, penetrando na Galia. Suevos, alanos, burgundios e vándalos asdingos e silingos adicáronse, nos seguintes dous anos e medio, a percorrer e devastar a Galia en expediciós de saqueo, obrigando ás forzas romanas mobilizadas na Britania a volver os seus pasos cara á Galia, para facerlles fronte. En palabras de Xerome de Estridón:

Innumerábeis e moi feroces naciós ocuparon tódalas Galias. Todo o que hai entre os Alpes e os Pireneos, todo o comprendido entre o Océano e o Rhin, decastárono o quado, o vándalo, o sármata, os alanos, xépidos, hérulos, saxós, borgoñós, alamás e, ouh infeliz república!, os inimigos panonios. "Assur veu con eles". Maguncia, cidade antano ilustre, foi capturada e destruída; na igrexa, moitos miles de persoas foron degolados. Worms foi arrasada tras un longo asedio; a moi poderosa cidade de Reims, Amiens, Arrás, "os morinos, últimos dos homes", Tournai, Nemetas, Estrasburgo, integradas na Xermania; as provincias de Aquitania, de Novempopulania, a Lugdunense e a Narbonense, coa excepción dalgunhas cidades, están todas asoladas; a esas mesmas cidades, arrodeadas pola guerra, no interior despoboas a fame. Non podo conter as miñas bágoas ó mencionar Tolosa, que debe o ter escapado até agora da ruína ós méritos do seu santo bispo Exuperio. As mesmas Hispanias, onde o perigo é inminente, tremen cada día ó lembrarse da invasión dos cimbrios e todo o que outros teñen padecido padéceno elas constantemente polo temor.[3]

As causas desta invasión radican na propia tendencia migratoria dos pobos xermánicos, unida á presión exercida sobre eles por outros pobos coma os godos ou os hunos. Tamén hai que ter en conta a súa oposición antirromana, nun momento de debilidade do Imperio que souberon aproveitar para minar a súa autoridade. Segundo algunhas correntes da historiografía marxista, as invasións xermánicas son unha manifestación da loita de clases, posto que os pobos sometidos e susceptibles de perder a súa liberdade baixo o modo de produción escravista vixente no Imperio Romano, tentarían destruír os mecanismos represivos deste.

Os silingos na Hispania (409-429) editar

Invasión da Hispania (409-411) editar

Entre o 28 de setembro e o 12 de outubro do 409, suevos, alanos e vándalos asdingos e silingos atravesaron os Pirineus, penetrando na Península Ibérica. O cronista Hidacio, se ben non coñece a data exacta, sinala que entraron en terza feira:

"Alani, et Wandali, et Suevi Hispanias ingressi aera CCCCXLVII, alii quarto kalendas, alii tertio idus Octobris memorant die, tertia feria, Honorio VIII et Theodosio Arcadii filio III consulibus."[4]

Segundo Hidacio, "os bárbaros que entraron na Hispania saqueárona como inimigos"[5], continuando a súa narración cunha apocalíptica descrición dos efectos da invasión, que identifica "coas catro pragas da espada, a fame, a peste e as feras".[6]

Aínda que as causas da invasión tradicionalmente se explican pola necesidade de conseguir novos recursos por parte dos bárbaros, ao teren escoitado estes que Hispania era unha rexión próspera e mui rica, resulta mui probábel que a principal motivación dos bárbaros para atravesar os Pirineus fose unha chamada ás armas do xeneral rebelde Xeroncio, que buscaba reforzos militares para facer fronte ó emperador Constantino III. Nos dous anos seguintes, os pobos invasores saquearon Hispania, ó tempo que mantiñan constantes enfrontamentos bélicos coas forzas leais a Constantino III.[7]

Asentamento na Bética e reinado de Fredebaldo (411-417) editar

Tras este período de saqueo parece seguir un certo proceso de pacificación, no que, segundo Hidacio, Deus inspirou ós bárbaros a que se decidiran a facela paz[7], e segundo Paulo Orosio, os bárbaros "cambiaron as espadas polos arados", respeitando ós romanos[7][8]. No 411, estes realizaron un repartimento das súas áreas de asentamento e influencia na Península Ibérica, de acordo cos rebeldes Xeroncio e Máximo, que controlaban a Tarraconense, dividíndose as restantes provincias do seguinte xeito: a Gallaecia para os suevos (conventos Lucense e Bracarense) e os vándalos asdingos (conventos Asturicense e Clunense), a Lusitania e a Cartaxinense para os alanos e a Bética para os vándalos silingos[7]. A partir da repartición do 411, os vándalos silingos, dirixidos polo seu rei Fredebaldo, asentáronse na Bética, a provincia máis fértil da península. Non é posíbel delimitar as súas áreas de asentamento dentro da Bética, debido á ausencia de achados arqueolóxicos e mencións en fontes escritas. No 417, o rei visigodo Walia penetrou coas súas tropas na Cartaxinense, como federado de Roma, e derrotou os vándalos silingos na Bética, capturando a Fredebaldo, a quen enviou á corte do emperador Honorio, en Rávena[2][9]. Non se coñece o destino posterior de Fredebaldo.

Unificación cos asdingos e cos alanos e reinado de Gunderico (417-428) editar

Tras a desaparición de Fredebaldo no 417, os silingos tomaron como líder ao rei dos asdingos Gunderico, unificándose así nun mesmo reino os dous pobos vándalos da Hispania. No 419, incorporáronse a este reino os alanos, cuxo rei, Átax, morrera en combate contra Walia ese mesmo ano.[10] Así, Gunderico converteuse en Rex Wandalorum et Alanorum e estableceuse na Bética. No 422, vándalos e alanos tiveron que facer fronte a un exército romano comandado polo magister militum Castino, ó que derrotaron, grazas ó apoio das tropas auxiliares godas, que desertaron das filas romanas. Uns 20.000 soldados romanos morreron na batalla e Castino tivo que retirarse a Tarraco. Segundo Courtois, entre os anos 423 e 424, os vándalos seguían a pugnar polo control da Bética central, pois a poderosa cidade de Córdoba chegou a converterse nun bastión independente importante até a época de Leovixildo[7]. No 425 os vándalos dirixíronse cara a Cartago Spartaria, as illas Baleares e Hispalis, ó tempo que facían unha primeira incursión na Mauritania. No 426 Gunderico conseguiu facerse co control de Hispalis, cidade na que morreu no 428, sendo sucedido polo seu medio irmau Xenserico.

Preparación do paso á África e reinado de Xenserico (428-429) editar

Dende o 425, momento da súa primeira incursión na Mauritania, os vándalos daban mostras dun certo desexo por establecerse na África setentrional. No 427, producírase nesa rexión unha revolta liderada polo comes Bonifacio, algo que os vándalos puideron aproveitar para preparar a súa invasión, tendo en conta a posibilidade de que foran chamados ás armas polo propio Bonifacio. No 429, Xenserico, que xa estaba preparando o paso á África, volveu os seus pasos cara á Lusitania e enfrontouse militarmente ás tropas do líder suevo Heremigario. En maio do 429, un continxente dunhas 80.000 persoas, segundo Víctor de Vita, cruzou o Estreito de Xibraltar e desembarcou na Mauritania Tinxitana. Este continxente estaba composto maioritariamente por vándalos asdingos, pero tamén por vándalos silingos e alanos e, en menor medida, por algúns godos e hispanorromanos[11]. Hai constancia da presenza dalgúns suevos no grupo, coma unha muller denominada "Ermengon suaba", que morreu en África no 474[7].

Os silingos na Mauritania (429-534) editar

Ver A formación e apoxeo do reino vándalo: o reinado de Xenserico e A decadencia do reino vándalo.

Notas editar

  1. Claudius Ptolemaeus. "Geographia, II, 10". Consultado o 5 de febreiro de 2015. 
  2. 2,0 2,1 Goffart, Walter André (2006). University of Pennsylvania Press, ed. Barbarian Tides. The Migration Age and the Later Roman Empire. ISBN 978-0-8122-3939-3. 
  3. Eusebius Sophronius Hieronymus. "Epistolae, 123, 15". Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2015. Consultado o 6 de febreiro de 2015. 
  4. Hydatius. "Chronicon, 34". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2011. Consultado o 6 de febreiro de 2015. 
  5. Hydatius. "Chronicon, 38". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2011. Consultado o 6 de febreiro de 2015. 
  6. Hydatius. "Chronicon, 40". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2011. Consultado o 6 de febreiro de 2015. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Díaz Martínez, Pablo de la Cruz (2011). Akal, ed. El reino suevo (411-585). ISBN 978-84-460-2850-5. 
  8. Pallares Méndez, María del Carmen (2005). Consello da Cultura Galega, ed. "Aportes externos a la población de Galicia durante la Edad Media", Xenética e historia no noroeste peninsular. Unha perspectiva interdisciplinar. ISBN 84-96530-04-3. 
  9. Jones, Arnold Hugh Martin (1980). Cambridge University Press, ed. The prosopography of the later Roman Empire, vol. 2, A. D. 395 - 527. ISBN 978-0-521-20159-9. 
  10. Isidorus Hispalensis. "Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum, 22". Consultado o 6 de febreiro de 2015. 
  11. Álvarez Jiménez, David (2008). Instituto de Historiografía Julio Caro Baroja, ed. "Vándalos y vandalismo". Revista de Historiografía (8): 112–122. Consultado o 10 de febreiro de 2015. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar