Si vis pacem, para bellum

Si vis pacem, para bellum é unha locución latina que significa literalmente "Se queres a paz, prepara a guerra". Se queres evitar que te ataquen, o mellor é que te poñas en garda. Erroneamente atribuída a Xulio César, seguramente pola súa fama de gran estratego; con todo, a máxima procede do tratado Sobre as institucións militares de Flavio Vexecio, aínda que a idea que transmite tamén está presente en traballos anteriores, como na obra de Platón As Leis (en grego Νόμοι).

Inscrición no Centro Cultural do Exército en Madrid (España).

Orixe editar

Vexecio é un autor tardío, do século IV. Deriva da súa frase «Igitur qui desiderat pacem, praeparet bellum». O dito é un dos moitos baseados no prefacio do libro III da súa obra Epitoma rei militaris, posiblemente escrita ao redor do ano 390[1]. Hai unha sutil diferenza na gramática das dúas secuencias. A coñecida máxima é enfática, viva. Trátase dunha oración subordinada condicional seguida da oración principal co verbo en imperativo: se realmente desexas a paz, prepárate para a guerra. A frase orixinal de Vexecio é unha hipótese. É unha construción condicional menos vívida, construída como suposto, cunha oración subordinada adxectiva e con ambos verbos en subxuntivo: quen desexase a paz, (polo tanto,) deberíase preparar para a guerra. Converteuse nunha locución moi usada en ambientes militares e frase favorita de grandes xenerais, Napoleón entre outros, e tamén en divisa de calquera política militar preventiva, orixe, entre outras cousas, de períodos tan funestos para occidente como a chamada guerra fría.

 
Luger modelo P08 Parabellum (1908).

A segunda parte da locución transformouse nunha soa palabra, Parabellum, que designa o tipo de munición de gran calibre 9 x 19 mm Parabellum empregada polas tropas alemás durante a primeira guerra mundial. Este calibre tivo tanto éxito que chegou a ser un dos cartuchos de pistola máis comúns do mundo, converténdose nun estándar que aínda se mantén.[2]

Esta palabra dá nome tamén á pistola Parabellum, rexistrada con ese nome pola fábrica de armas Deutsche Waffen und Munitionsfabriken (DWM) en 1898[3]

Si vis pacem para bellum na cultura popular editar

Cine editar

  • The Punisher (2004). Frank Castle lembra esta frase como a que todos os días repetía no seu adestramento.
  • Layer-Cake (Crime organizado) 2004. Dirixida por Matthew Vaughn. Menciona este aforismo para xustificar a toma de certas precaucións no seu negocio (o tráfico ilegal de drogas).
  • Claymore (manga). Claymore (クレイモア Kureimoa?) é un manga de fantasía escura escrito e ilustrado dende o ano 2001 por Norihiro Yagi[4] orixinalmente para a hoxe desaparecida Gekkan Shonen Jump, e que hoxe segue publicándose cada mes en Jump Square. Un dos personaxes chamado Teresa usa esta oración no seu emblema identificador.
  • Astérix & Obélix: Mission Cléopâtre (2002). Dirixida por Alain Chabat. O propio Alain Chabat, no seu papel de Xulio César, menciona estas mesmas palabras cando o seu xeneral en xefe, Cayus Ceplus, lle informa de que Numerobis, o arquitecto do palacio que mandou construír para el, conta coa axuda dos galos Astérix, Obélix e Panorámix.

Televisión editar

  • Na serie The Simpsons, Se queres paz, prepárate para a guerra é citada por un personaxe no capítulo da primeira tempada Bart the Genius.

Música editar

  • O grupo vasco Hertzainak ten unha canción titulada Si vis pacem, para bellum referíndose ás cargas policiais desproporcionadas da Ertzaintza contra manifestantes.
  • Children of Bodom é un grupo de death metal melódico finlandés. No seu álbum Are You Dead Yet? aparece esta frase dando nome a unha das súas cancións: If you want peace, Prepare for war.
  • Metallica, na súa canción Don't Tread On Me do seu álbum Metallica, durante o retrouso di To secure peace is, to prepare for war (para asegurar a paz, hai que prepararse para a guerra).
  • O grupo Oi! Oi! se arma ten un disco titulado Si vis pacem para bellum.
  • O grupo arxentino Patricio Rey y sus Redonditos de Ricota no seu disco ¡Bang! ¡Bang!... Estás liquidado posúe un tema chamado La Parabellum del Buen Psicópata.
  • Keyo, cantante de Hip Hop de Málaga, España, titula un dos seus discos con esta frase.

Notas editar

  1. Flavio Vegecio Renato (2006). Editorial Cátedra, Madrid, ed. Compendio de técnica militar (en castelán). ISBN 978-84-376-2313-9. 
  2. World Guns Website. "Luger Parabellum" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2012. Consultado o 20 de setembro de 2012. 
  3. Tavella Madariaga, Santiago (1969). Armas y Tiro Nº 33, ed. "La pistola Parabellum" (en castelán). 
  4. Yagi, Norihiro. AnyManga.com, ed. "Claymore". Claymore (en inglés). Consultado o 13 de abril de 2013. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar