O sepia é unha cor marrón escura e de saturación débil, que corresponde á coloración do pigmento obtido da tinta da sepia, xiba ou choco, un cefalópodo mariño.[1] No recadro grande dáse unha mostra da coloración específica deste pigmento.

Sepia
Coordenadas de cor
Triplete hexadecimal663B2A
sRGBB  (rgb)(102, 59, 42)
CMYKH   (c, m, y, k)(0, 54, 60, 70)
HSV       (h, s, v)(17°, 59 %, 40 %)
OrixeSen fonte
B: Normalized to [0–255] (byte)
H: Normalized to [0–100] (hundred)
Bufo voando contra un ceo iluminado pola lúa, obra en sepia e lapis de Caspar David Friedrich, c. 1836–37

Historicamente, para a obtención do pigmento sepia preferiuse a sepia común (Sepia officinalis), que se pescaba no mar Adriático[2] e cuxa tinta utilizouse desde polo menos a antiga Roma.[3] A «tinta» da sepia é unha secreción negra castaña que o animal retén nun órgano especial en forma de bulsa. Expúlsaa en caso de ameaza co fin de escurecer a auga e confundir os seus depredadores. Contén eumelanina pura,[4] moi pouco soluble en auga, aínda que si en alcol, de cheiro intenso a peixe.[2]

Obtención e usos editar

 
Espaguetes elaborados con tinta de sepia

Para uso pictórico editar

Para obter o pigmento, tras pescar a sepia —que tamén é comestible— os sacos de tinta póñense a secar ao sol colgados dunha corda (maneira na que logo é comercializada). Para pintar con este produto é posible desfacer as bulsas de tinta secas e mesturar o po pigmentado resultante co medio pictórico que se desexe empregar.[2] Mais conséguese unha cor de mellor calidade con outro procedemento tradicional, que consiste en ferver os sacos de tinta secos con amoníaco ou álcali, cos que o pigmento se disolve, separándose do receptáculo da tinta. Logo cóase para eliminar todo fragmento de tecido animal e precipítase con ácido clorhídrico nun filtro, tras o cal lávase e sécase.[2][4]

O pigmento de tinta de sepia é bastante resistente á luz e úsase en acuarelas, para veladuras e como tinta. A partir do Renacemento,[3] o seu uso como tinta de debuxo foi particularmente popular, logo desde finais do século XVIII e principios do século XIX desprazou en parte o bistre e a tinta chinesa como medio para realizar traballos á augada.[2][4][3]

Para uso culinario editar

A tinta de sepia úsase tamén —sen ningún tratamento previo á cocción— na cociña mediterránea, xa sexa a modo de prebe ou para corar a pasta.

Pigmentos substitutos editar

Actualmente, a cor sepia para pintura artística acostuma elaborarse con mesturas diversas de pigmentos orgánicos e inorgánicos que imitan a coloración do pigmento de tinta de sepia.[2] As pinturas comercializadas como «sepia» son rubias ou roxas, de negrexidas a semiescuras e de saturación semineutra a débil.[5] Debaixo pode verse o aspecto dalgunhas coloracións sepia pictóricas, puras e aclaradas con branco. O «marrón sepia» úsase especialmente para pintar á acuarela.

Marrón sepia Sepia Sepia aclarado
HTML #5C5343 #524B3B #706340
CMYK (75, 70, 75, 0) (80, 75, 80, 0) (65, 60, 80, 0)
RGB (92, 83, 67) (82, 75, 59) (112, 99, 64)
HSV (38°, 27 %, 36 %) (42°, 28 %, 32 %) (44°, 43 %, 44 %)
Referencia [1] [1] [1]

En xeral, a cor sepia emprégase en acuarela, tinta, xiz e minas para o debuxo e a augada.

 
Nesta fotografía dunha familia da cultura norteamericana nativa sauk, realizada por Frank Rhinehart en 1899, o virado a sepia puido ter tido a finalidade de preservar a imaxe, xa que a temática é altamente testimonial

Sepia fotográfico editar

O virado a sepia é un procedemento fotográfico que consiste en substituír os grises dunha fotografía en branco e negro por unha tonalidade sepia. Esta técnica usouse desde os primeiros anos da fotografía para mellorar a calidade estética das fotos e tamén para estabilizar as imaxes, retardando a súa degradación.[6]

Unha fotografía revelada sobre papel fotográfico debe ser en branco e negro para poder virarse a sepia, xa que o procedemento depende da transformación dos gránulos de prata ennegrecidos que forman a imaxe. Para producir o cambio de cor, sométese a fotografía a un baño que transforma a prata negra en sulfuro de prata.[6]

En particular, o virado a sepia foi moi utilizado polo movemento pictorialista, que buscaba outorgar ás fotografías un aspecto pictórico, é dicir, similar ao de dunha obra de arte plástica realizada mediante técnicas tradicionais de pintura.

As cámaras fotográficas dixitais actuais adoitan ter a capacidade de virar as fotos a sepia automaticamente, aínda que tamén se poden virar as imaxes despois de capturadas mediante programas de edición dixital.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Gallego, Rosa; Sanz, Juan Carlos (2005). Guía de coloraciones. Madrid: H. Blume. ISBN 84-89840-31-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Doerner, Max; Hoppe, Thomas (2000). Los materiales de pintura y su empleo en el arte. Reverté. p. 79. ISBN 978-8429114232. 
  3. 3,0 3,1 3,2 «sepia (ink)», Art & Architecture Thesaurus® Online, J. Paul Getty Trust, 2004, consultado o 17 de xuño de 2012.
  4. 4,0 4,1 4,2 Eastaugh, N.; Walsh, V.; Chaplin, T.; Siddall, R. (2004). Pigment Compendium: A Dictionary of Historical Pigments (en inglés). Oxford; Burlington: Elsevier / Butterworth Heinemann. ISBN 0-7506-57499. Consultado o 17 de xuño de 2012. 
  5. Gallego, Rosa; Sanz, Juan Carlos (2001). Diccionario Akal del color. Akal. ISBN 84-460-1083-6. 
  6. 6,0 6,1 Freeman, Michael (1996). Guía completa de fotografía: Técnicas y materiales. Madrid: Tursen / H. Blume. p. 178. ISBN 84-87756-77-8. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar