Sen novas de Gurb

novela de Eduardo Mendoza

Sen novas de Gurb é unha novela en lingua castelá de Eduardo Mendoza, co título orixinal de Sin noticias de Gurb. Apareceu por entregas no xornal El País, e foi publicada en 1991 por Seix Barral. Foi traducida ao galego por Antón Lado e publicada en 2010 por 2.0 editora. Amais, traduciuse ao inglés, francés, alemán, italiano, dinamarqués, romanés, polonés, búlgaro e esperanto.

Sen novas de Gurb
Título orixinalSin noticias de Gurb
Autor/aEduardo Mendoza
CubertaFrancis Closas
OrixeCataluña
Linguacastelán
ColecciónBiblioteca Breve
Xénero(s)Novela
EditorialEspaña Seix Barral
Galicia 2.0 editora
Data de pub.España 1990
Galicia 2010
FormatoTapa branda con lapelas
PáxinasEspaña 142
Galicia 134
ISBNEspaña 978-84-322-0640-5
Galicia 978-84-937579-1-5
Precedido porLa isla inaudita
Seguido porEl año del diluvio
TraduciónAntón Lado
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

Dous alieníxenas son enviados ao planeta Terra, e aterran preto de Barcelona. Un deles, Gurb, toma a aparencia da cantante galega Marta Sánchez e dedícase a investigar a vida humana. Porén, pérdese e non lle dá novas ao seu xefe (o narrador), que marcha explorar a cidade pola súa conta. Nun principio toma a imaxe do Conde-Duque de Olivares, e vai mudando a aparencia segundo as circunstancias, modificando de forma improvisada os obxectivos da misión.

Así, mentres anda na procura de Gurb, vai coñecendo a vida da cidade e dos seus habitantes. Nese momento a vila prepárase para os Xogos Olímpicos de 1992, a pesar do cal a cidade está organizada de forma caótica, facendo críticas veladas ás institucións como o Concello, a Generalitat de Cataluña e o Goberno de España. O alieníxena vaise integrando nas incomprensibles e absurdas actividades da vida cotiá. Analiza por exemplo as diferenzas sociais entre xente rica e xente pobre, diferenciando os barrios de San Cosme e Pedralbes. No seu proceso de socialización faise amigo dunha parella maior que rexenta un bar, e faille as beiras a unha veciña.

Atopa a Gurb e pensan en asentarse en Barcelona, pero os seus xefes encoméndanlles a misión de ir a un planeta en Alfa Centauro. Finalmente envían a nave cara a esa galaxia e quedan na cidade, mais Gurb volve desaparecer, rematando cun final aberto.

Narración editar

A obra está narrada en primeira persoa, en forma de diario. Está escrita cun punto de vista satírico. O escenario é a cidade e a súa vida cotiá, cos seus paradoxos.

Personaxes editar

  • Narrador: ten vergoña e non lle gusta chamar a atención, o que lle causa problemas cando toma a aparencia de xente famosa co propósito de integrarse na vida social.
  • Gurb: é moi diferente ao seu compañeiro, moito máis independente.
  • A veciña: unha nai divorciada. O narrador intenta ligar con ela, pero non é correspondido.
  • Señor Joaquín e Señora Mercedes: propietarios do bar onde o narrador adoita almorzar. Amigábeis e traballadores.