Scyphate é un termo utilizado adoito no ámbito numismático para se referir ás moedas do Imperio Bizantino de forma cóncava, de cunca ou escudela, cuñadas entre os séculos XI e XIV, en cobre, en prata, en ouro e nas súas aliaxes, como o billón e o electro.[1]

Scyphate de Aleixo III (1195-1203). Moeda bizantina dun aspron trachy de electro, cuñada en Constantinopla. Peso: 4,97 gr.

As razóns deste tipo de emisións non están claras, xa que dificultaban notablemente o proceso de fabricación ao esixir unha dobre cuñaxe, aínda que se apunta que podería deberse a facilitar o seu empillamento e, xa que logo, o seu transporte a diversos lugares do Imperio.[2] [3][4][5][6]

Scyphate do emperador Isaac I Comneno (1057-1059). Histamenon nomisma de ouro, cuñado en Constantinopla

O uso desta denominación xeneralizouse ao longo do século XIX, aínda que xa se documenta en documentos do sur de Italiados séculos XI e XII, como unha bula de Inocencio II (1130-1143). Canto á súa etimoloxía, debátese se a súa orixe está no grego σκύφος (skyphos "escudela", "cunca") ou no vocábulo árabe shafah ("canto, bordo"), que faría referencia ao característico e sobresaínte bordo dos primeiros exemplares de histamenon de ouro.[7][8]

Unha denominación alternativa, tamén amplamente utilizada para este tipo de moedas do Imperio Bizantino, é trachy (plural τραχέα, trachea), co significado de "áspero" ou "desigual" e con orixe na expresión grega νόμισμα τραχύ (nómisma trachý), e que adoita aparecer asociada ao nome dalgunha destas moedas, como é o caso do hyperpyron trachy, o aspron trachy, etc.[9][10][11]

Notas editar

  1. "Scyphate". En Forum Ancient Coins.
  2. Bendall, S.; Sellwood, D. "The Method of Striking Scyphate Coins Using Two Obverse Dies: In the Light of an Early Thirteenth Century Hoard". En The Numismatic Chronicle. Serie 7ª. Vol 18 (138). 1978. Páxinas 93-104.
  3. Vicente, J. R. "Las monedas copa bizantinas". En Curiosidades Numismaticas. 2014
  4. Trivero Rivera, Alberto. "Ipotesi circa la tecnica di coniazione dei trachy". En Monete Antiche. Nº 43. 2009
  5. Bendall, Simon. “The double striking of late Byzantine concave coins”. En The Celator. Nº 6. Xuño de 1998. Páxinas 20-26.
  6. Markowitz, Mike. "Why did Byzantine Coinage Become Cup-shaped in the XIth Century?".
  7. Grierson (1999). Páxina 59.
  8. Kazhdan (1991). Páxina 1.857.
  9. "Trachy". En Forum Ancient Coins.
  10. "Trachy". En Tipos de monedas bizantinas. www.tesorillo.com
  11. Kazhdan (1991). Páxina 1.857, 2.101

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar