Saneamento é a actividade relacionada co abastecemento de auga potable, a xestión de augas pluviais, a recollida e tratamento da rede de sumidoiros, a limpeza urbana, a xestión de residuos sólidos e o control de pragas e calquera tipo de axente biolóxico patóxeno, dirixido á saúde das comunidades. É o conxunto de procedementos adoptados nunha determinada rexión co fin de proporcionar unha boa situación hixiénica sa aos habitantes.

Rúa sen recollida de sumidoiros en Distrito Federal
Estación de bombeo , parte do sistema de saneamento e drenaxe da cidade de Nova Orleáns.

O saneamento do medio das grandes cidades, é dicir, o do medio urbano onde reside o home contemporáneo, é motivo do estudo das instalacións sanitarias, posto que dito medio ten unha influencia decisiva sobre o benestar e a saúde da poboación. As estatísticas rexistradas en diversos países amosan un notábel descenso da taxa de mortalidade coa habilitación dos servizos de augas correntes e os desaugadoiros cloacales, que vén sendo a implantación dunha rede de saneamento urbano, que ten por finalidade resolver a subministración de auga potábel á poboación, atender a evacuación das augas negras, as de chuvias e a eliminación dos lixos. Afronta tamén a protección do medio:

  • do aire polas emanacións de gases tóxicos, olores, pos e fumes;
  • dos cursos de auga e outras fontes de aprovisionamento, por descargas de líquidos domiciliarios e industriais de natureza contaminante.

Así mesmo tamén ten grande importancia a evacuación dos residuos domiciliarios. A eliminación destes residuos determina, co tempo, a necesidade de tomar medidas para evitar a contaminación das canles onde se verquen os líquidos cloacais.