A Salve Regina (en galego: Salve Raíña!) é unha das máis populares e coñecidas oracións católicas a María, nai de Xesús, escrita orixinalmente en latín. Inicialmente era unha antífona maior e himno. É unha das catro antífonas do Breviario dedicadas á Virxe (as outras tres son Alma Redemptoris Mater, Ave Regina Caelorum e Regina Caeli).

Versión gregoriana da "Salve".

Características editar

Trátase orixinalmente dunha secuencia con rima en "e", aínda que a disposición dos versos pode variar segundo os compiladores. Durante algún tempo foi atribuída a Bernaldo de Claraval; agora sábese que este só engadiu a invocación final:[Cómpre referencia] O clemens, o pia / o dulcis, Virgo Maria (que introduce unha parella de versos con rima en "ia"). Tamén se atribuíu ao bispo de Iria, Pedro de Mezonzo; ao de Le Puy-en-Velay, Ademaro de Monteil; ao monxe alemán Hermann von Reichenau; e ata ao bispo lendario de Segovia, Hieroteo.

Domenico Scarlatti musicou esta oración no século XVII na súa composición para alto e orquestra "Salve Regina". A melodía sinxela que se usa habitualmente para cantala parece ser elaborada polo P. F. Bourgoing.

Os cistercienses, os dominicos e os franciscanos promoveron o seu uso en diversas circunstancias (en especial na liturxia das horas). En 1250 Gregorio IX aprobouna e prescribiu que se cantase ao final do rezo das Completas, tal como se segue facendo hoxe en día. Os monxes cantábana antes de durmir e os monxes da orde de Predicadores cantábana en procesión con candeas acesas.

Diversos autores cristiáns elaboraron comentarios para esta oración; entre eles destaca: Bernaldo de Claraval, Anselmo de Lucca, Pedro Canisio, Francisco Coster e Afonso María de Ligorio.

A gran variedade de representacións da Virxe e a devoción existente en cada lugar onde se venera xerou a creación dunha "Salve" particular segundo a advocación do lugar.

Texto en latín:
Salve, Regina, mater misericordiae
Vita, dulcedo, et spes nostra, salve.
Ad te clamamus, exsules, filii evae.
Ad te suspiramus, gementes et flentes
in hac lacrimarum valle.
Eia ergo, Advocata nostra,
illos tuos misericordes oculos
ad nos converte.
Et Iesum, benedictum fructum ventris tui,
nobis post hoc exsilium ostende.
O clemens, O pia, O dulcis Virgo Maria.
Ora pro nobis sancta Dei Genetrix.
Ut digni efficiamur promissionibus Christi. Amen.
Texto en galego:
Salve, Raíña, nai de misericordia
Vida, dozura, e esperanza nosa, salve!
A ti chamamos os desterrados fillos de Eva.
A ti suspiramos, xemendo e chorando
neste val de bágoas.
Oh, por iso, Avogada nosa,
volve a nós eses teus ollos
misericordiosos.
E despois deste desterro, amósanos a Xesús,
froito bendito do teu seo.
Oh clemente, oh pía, oh doce Virxe María.
Prega por nós, Santa Nai de Deus,
para que sexamos dignos das promesas de Cristo. Amén.

A Salve en galego editar

Non existe unha tradución sancionada pola Igrexa, de xeito que se teñen feito distintas adaptacións particulares.

Versión de Xermán Moure e Manuel Feixoo[1][2] Versión de Antón Fernández León[3]
Salve, Raíña, Nai garimosa

Vida, dozura, esperanza nosa.

A ti chamámo-los desterrados

fillos de Eva.

A ti suspiramos, xemendo e chorando

en lonxana terra.

Avogada nosa,

míranos con ollos de misericordia

e despois deste desterro,

lévanos a Xesús, froito do teu Seo.

Oh, clemente, oh, pía

oh, doce Nai María.

Salve, Raíña, Nai de misericordia,

vida, dozura, e esperanza nosa. Salve!

Por ti chamamos os desterrados,

fillos de Eva.

Por ti salaiamos, sufrindo e chorando

neste val de bágoas.

Por isto, Señora e avogada nosa

volve cara a nós eses teus ollos misericordiosos.

E despois deste desterro,

móstranos a Xesús, froito bendito do teu seo.

Clementísima, piadosa,

doce Virxe María.

Roga por nós, Santa Nai de Deus,

para que sexamos merecentes

das promesas de Xesucristo, noso Señor. Amén

Autoría editar

Segundo a tradición, o bispo galego san Pedro de Mezonzo compuxo este himno á Virxe inspirado nunha imaxe de Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa de Lugo[4], durante a fuxida do pobo compostelán tralo saqueo da sé por Almanzor.[5][6]

Notas editar

  1. Franciscanos de Santiago
  2. "SALVE, RAÍÑA :: Nosanaicinhadoceo". nosanaicinhadoceo.webnode.es. Consultado o 2019-12-20. 
  3. "SALVE, RAÍÑA 1 :: Nosanaicinhadoceo". nosanaicinhadoceo.webnode.es. Consultado o 2019-12-20. 
  4. Voz, por A. Nosa (2018-08-13). "Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa de Lugo". A Nosa Voz. Consultado o 2019-12-20. 
  5. S.A, Galaxia, Editorial (1988-07). Grial. Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-614-2. 
  6. "San Pedro de Mezonzo | Real Academia de la Historia". dbe.rah.es. Consultado o 2019-12-20. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Edición crítica: Analysis hymnorum de G. M. Dreves, Lipsia 1907.

Ligazóns externas editar