Salmón real / Salmón chinook
Oncorhynchus tshawytscha

Macho durante a época de reprodución
Estado de conservación
Non ameazado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Protacanthopterygii
Orde: Salmoniformes
Familia: Salmonidae
Subfamilia: Salmoninae
Xénero: Oncorhynchus
Especie: O. tshawytscha
Nome binomial
Oncorhynchus tshawytscha
Walbaum, 1792

O salmón real,[1] ou salmón chinook, Oncorhynchus tshawytscha,[2] é un peixe osteíctio da familia dos salmónidos, subfamilia dos salmoninos, que se atopa nas áreas costeiras do océano Pacífico, entre California e o Xapón.

Animal eurihalino, vive no mar e migra remontando os ríos para reproducirse (anádromo).

É moi valorado pola súa relativa escaseza.

Descrición editar

 
Cardume de salmón real.

O adulto mide entre 84 e 147 cm de lonxitude e pesa entre 25 e 60 kg.

A marca de captura en pesca deportiva é de 44,1 kg, rexistrada polo pescador Les Anderson no río Kenai, Alasca, en 1985. Na pesca comercial o récord é de 57 kg, rexistrado preto de Petersburg, Alasca nunha captura en 1949.[3]

É de cor azul verdosa sobre o lombo e a cabeza, prateada nos flancos e branca no ventre. Presenta puntos negros na cola e na parte superior do corpo; a súa boca é gris escura.

Reprodución editar

Pode pasar entre tres e cinco anos no océano antes de retornar polos ríos para procrear e desovar nas augas doces onde naceron. Prefire correntes máis grandes e profundas que outras especies de salmón; a desova ocorre entre setembro e decembro.

Unha vez nas partes altas da corrente de auga doce, a femia elixe o macho co cal se reproducirá. A súa selección baséase nas dimensións físicas do macho. A femia elixe unha zona da cama do río na cal haxa grava en abundancia e alí cava un burato pouco profundo coa cola, mentres que o macho danza fronte ela e fai vibrar o seu corpo. O número de ovos de oscilan entre os 3 mil e 14 mil segundo o tamaño da femia, e o macho fertilízaos subitamente cando ela os deposita.

Ambos os pais morren tras reproducírense. De acordo coa temperatura da auga, os ovos incúbanse entre 90 e 150 días antes de nacer as crías. Despois de 12 a 18 meses os exemplares xuvenís comezan a súa migración cara ao mar.

Cambios no corpo editar

Durante o período da reprodución sofre algunhas transformacións morfolóxicas. Ambos os dous sexos adquiren durante este tempo unha tonalidade avermellada rechamante sobre os flancos, máis intensa nos machos, que sofren mesmo a modificación nas costas, que se elevan, e da mandíbula inferior, que curva cara a arriba e impide que a boca se peche. Este crecemento da mandíbula volve practicamente imposible que os adultos poidan alimentarse durante a fase da reprodución, de xeito que dende que empezan a súa migración estacional cara ás fontes dos ríos para reproducírense manteñen un xaxún absoluto.

Distribución editar

 
Pesca deportiva de salmón.

Distribúese dende a baía de San Francisco en California cara ao norte seguindo a costa pacífica dos Estados Unidos, Canadá e Alasca, o estreito de Bering e o mar de Chukchi, o nororiente de Siberia, Rusia, a península de Kamchatka, as Illas Kuriles e as illas do Xapón.

En 1967 o Departamento de Recursos Naturais de Míchigan soltou salmóns reais no lago Michigan e no lago Huron para controlar a Alosa pseudoharengus unha especie invasora procedente do océano Atlántico. Despois de culminar con éxito esta implantación os salmóns reais foron levados a outros dos Grandes Lagos,[4] onde son apreciados para a pesca deportiva.

A especie introduciuse nas costas da Patagonia chilena e a Arxentina, onde colonizou ríos e estableceu lugares estables de desova. Tamén foi levada con éxito a Nova Zelandia.[5]

O río Yukón rexistra a máis longa ruta de migración do salmón, de máis de 3.000 km, dende o mar de Bering até as fontes preto de Whitehorse. Construíuse unha canle na presa hidroeléctrica do lago Schwatka para garantir o paso e a reprodución do salmón real en Whitehorse.

Ecoloxía editar

O salmón real necesita para sobrevivir:

  1. alimento,
  2. hábitat de desova,
  3. hábitat oceánico,
  4. augas frías, limpas e con osíxeno suficiente, e
  5. outros salmóns

Toma do plancto para a súa alimentación diatomeas, copépodos, laminariais e macroalgas; ademais consome medusas, estrelas de mar, insectos, anfipódos, e outros crustáceos; e cando é adulto aliméntase tamén doutros peixes.

As augas limpas son esenciais para a desova. A vexetación ribeirega axuda a manter as condicións das augas para a reprodución e a vida xuvenil do salmón real.

Algunhas poboacións de salmón dos Estados Unidos están na lista de especies ameazadas, por exemplo a do Val Central de California. En abril de 2008 tanto en Oregón como en California debeu cancelarse a tempada de pesca debido á baixa poboación rexistrada. No río Sacramento a poboación da especie está ao bordo do colapso.[6]

Na cultura editar

O salmón real é espiritual e culturalmente moi prezado polos pobos indíxenas amerindios das rexións onde habita orixinalmente, que celebran «cerimonias do salmón» na primavera. Foi descrito e ademais consumido con entusiasmo pola expedición de Lewis e Clark (1804-06). A importancia económica para as comunidades indíxenas e para outras poboacións é moi grande. É apreciado pola súa cor, sabor, textura e alto contido de aceites Omega-3.[7]

Notas editar

  1. Lahuerta F. e Vázquez, F. X. (2000), p. 60.
  2. O nome específico, tshawytscha, deriva do seu nome en ruso чавыча, chavicha
  3. Scott and Crossman (1985): Freshwater Fishes of Canada. Fisheries Research Board of Canada, p. 175. ISBN 0-660-10239-0.
  4. Spring, Barbara (2001): The Dynamic Great Lakes. Independence Books. ISBN 1-58851-731-4, p. 48.
  5. McDowall, R. M. (1994): "The origins of New Zealand's Chinook Salmon, Oncorhynchus tshawytscha". Marine Fisheries Review, 1/1/1994.
  6. Blankship, Donna. Salmon Fishing Banned Along Ou.S. West Coast. National Geographic. April, 2008.
  7. "Seattlest: Foodies...FREAK! Copper River Salmon Arrive". Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2010. Consultado o 09 de maio de 2010. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Cameron, Mindy. Salmon Return; A Public Conversation About the Future of a Northwest Icon. The Seattle Times. [Seattle, WA]. 18 de agosto de 2002.
  • Christie, Patrick. Lecture. 22 de abril de 2005. Vashon-Maury Islands Case Study: Incompatible Desires? Growth and Maintaining Salmon Populations in Puget Sound. University of Washington; Seattle, WA.
  • Klinger, Terrie. Lecture. 15 de abril de 2005. What Defines the Pacific Northwest Marine Realm Ecologically and Geographically? University of Washington; Seattle, WA.
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Montgomery, David. King of Fish: The Thousand-Year Run of Salmon. Boulder, CO: Westview Press, 2003.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar