Sémele

personaxe mitolóxico grego, nai de Dioniso

Sémele (en grego Σεμέλη) é un personaxe pertencente á mitoloxía grega. Filla de Cadmo, rei de Tebas e Harmonía; é a irmá de Agave, Autonoe, Ino e Polidoro, pero é coñecida por ser a nai de Baco ou Dioniso.

Xúpiter e Sémele (Gustave Moreau).

O mito de Dioniso editar

 
Xúpiter e Sémele. (Rubens).
 
Dionisos mosaico.

Cóntanos o mito que na cidade grega de Tebas, vivía a princesa Sémele, filla do rei Cadmo e da raíña Harmonía. Tan grande era a súa beleza que pronto foi obxecto da atención de Zeus. O deus acudía a visitala ao palacio do seu pai disfrazado de mortal, ata que un día a moza cedeu ante unha insinuación de Hera (a celosa esposa de Zeus) que, disfrazada da ama de leite da nova doncela, sementou onde había confianza a dúbida de se quen a visitaba era realmente Zeus ou se era un impostor que se aproveitou da súa inocencia.

De modo que, no seu seguinte encontro, a moza Sémele rogoulle ao deus que se lle mostrase na súa olímpica maxestade. Zeus tiña moitísimo pesar ante a obstinación da moza, consciente de que non podería soportar o seu divino resplandor, pero como lle deu a palabra de concederlle o que quixese, tivo que acceder á súa petición.

Foi así como a nova princesa pereceu consumida polas chamas que desprendía Zeus, o señor do raio. Dionisos, que estaba no seo da moza, perecería tamén se unha tupida hedra fresca e húmida con que o envolveu Xea, deusa da Terra, non se tivese enrolado milagrosamente nas columnas de palacio, interpoñendo a súa verde pantalla entre o pequeno deus e as chamas celestes.

Zeus recolleu a Dioniso neno, para o cal non chegara o momento de nacer, e encerrouno na súa coxa. Cando o prazo se cumpriu, extraeu a criatura. Este dobre nacemento valeulle a Dionisos o epíteto de "ditirambo" que quería dicir o dúas veces nado.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • BERMEJO BARRERA, J. C.; DÍEZ PLATAS, F.: Lecturas del mito griego, Madrid, 2002.
  • BERMEJO BARRERA, J. C.: El mito griego y sus interpretaciones, Torrejón de Ardoz, 1996.
  • DÍEZ PLATAS, F.: "Volviendo a Gombrich: motivo y significado de la cerámica griega", Quintana, Nº2 (2003), pp. 131–145.
  • Lexicon Iconographicum Mithologiae Classicae (LIMC). Zurich/Munich, 1981-1998. Vol.7 mais suplemento.
  • OVIDIO: Metamorfosis, Madrid 1999.
  • PÍNDARO: Obra completa, tradución Suárez de la Torre, E., Madrid, 1988.