Ruda de xardín

Ruda de xardín
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Sapindales
Familia: Rutaceae
Subfamilia: Rutoideae
Xénero: 'Ruta'
Especie: R. graveolens
Nome binomial
'Ruta graveolens'
L.

A ruda de xardín[1] ou arruda[2] (Ruta graveolens), chamada simplemente ruda, é unha especie herbácea da familia Rutaceae, nativa do sur de Europa. Adóitase cultivar como planta ornamental e de xardín, en especial polas súas follas azuladas e pola súa tolerancia a solos secos e á calor. Tamén se cultiva coma herba medicinal e condimento.

En Galiza non aparece espontánea, si a súa semellante ruda brava ou de montaña (Ruta montana), porén ten sido cultivada dende hai séculos, coma planta de horta e xardín.

Características editar

 
Espécime de ruda de xardín.

Planta herbácea que chega a arbusto perenne de até setenta centímetros ou máis, de base leñosa e con pequenas flores amarelas en corimbo, que despide un cheiro forte e ten propiedades medicinais. O talo áchase moi ramificado, pode vivir varios anos, por mor a esta lonxevidade o talo pode tornarse lígneo.

As follas son semiperennes, de cor verde glauca, azulada, son alternas compostas por varios segmentos dos cales os laterais son alongados e o terminal ovalado ou abrancazado, de consistencia algo carnosa. As flores, forman franzas e teñen entre catro e cinco pétalos, sendo dunha cor amarela viva. O froito é unha especie de cápsula con cinco lóbulos. A planta enteira ten un recendo característico difícil de confundir con outros. O sabor das follas ten un lixeiro proído, mais este fica enmascarado polo intenso recendo que bota.

Historia editar

Na Biblia aparece mencionada (Lucas 11:42-43) esta planta como peganon (πηγανον) este nome se continúa a empregar no grego moderno coma apiganos (απήγανος). Na taxonomía botánica actual Peganum denota un xénero moi afastado da arruda, denominado Zygophyllaceae.

Usos editar

 
Flores da arruda.
 
Froitos e sementes

Culinario editar

A ruda emprégase na cociña polo seu lixeiro toque entre proído e agre, aínda que o seu aroma é empregado en diferentes mollos ou mesturas alcólicas (a grappa italiana por exemplo ou a augardente de herbas galega). Emprégase moito en Etiopía para dar sabor ao café e na mestura de especies denominada berbere. Emprégase tamén nalgúns lugares de Italia para elaborar un mollo de tomate especial feito de olivas e alcaparras (en conxunción coa maiorana, o levístico e o alfábega).

Existen certos riscos de cociñar con arruda por mor á súa forte toxicidade.

Medicinal editar

En calquera caso débense empregar desta planta as follas frescas (acabadas de cortar); as secas son un pobre substituto. A arruda é unha planta con gran contido de vitamina C e por esta razón se considera antiescorbútica, con todo non é tan apropiada como a do limoeiro. Acostúmanse empregar en infusións como emenagoga, é dicir para provocar ou para deter a menstruación.

Cómpre usar en pequenas cantidades por mor á súa toxicidade.

Contraindicacións

Embarazo, lactación.

Etnografía editar

A ruda adoita empregarse coma unha das Herbas de San Xoán por se considerar máxica e para afastar os maos espíritos.

Xoán Sobreira Salgado na súa obra de 1790 Vegetables de Galicia[3] achéganos un poema popular no que aparece a ruda:

Tende-la ruda,

tende-la sarja[4],

tende-la herva,

da frecha na casa.

Fitofototoxicidade editar

 
Bóchegas producidas polo efecto da ruda na pel e a exposición ao sol.

Aínda que serve para repeler insectos, cando se aplica a ruda sobre a pel pódese producir un efecto fotoirritante nalgúns casos. Contén varios aceites esenciais e alcaloides que poden causar extrema sensibilidade aos raios ultravioletas, coa aparición de bóchegas e lesións na pel.[5]

Taxonomía editar

Ruta graveolens foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum 1: 383, aló polo ano 1753.[6]

Sinonimia

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ruda.
  2. O termo arruda, coincidente co portugués non aparece no Dicionario da Real Academia Galega, porén está rexistrado en moitos outros dicionarios galegos - https://ilg.usc.gal/ddd/ddd_pescuda.php?lang=gl&pescuda=arruda&tipo_busca=lema
  3. Esta obra seguida dunhas " Retractaciones" e duns "Documentos justificativos de la nomenclatura botánica gallega", ed. de J. L. Pensado Tomé (Opúsculos lingüísticos del siglo XVIII, Galaxia, Vigo, 1974, pp. 241-267).
  4. Refírese á sarxa escrito en galego antigo
  5. Eickhorst K, DeLeo V, Csaposs J (2007). "Rue the herb: Ruta graveolens--associated phytophototoxicity". Dermatitis 18 (1): 52–5. PMID 17303046. doi:10.2310/6620.2007.06033. 
  6. Ruda en Trópicos
  7. Ruda en PlantList

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  1. Gleason, H. A. 1968. The Choripetalous Dicotyledoneae. vol. 2. 655 pp. In H. A. Gleason Ill. Fl. N. U.S. (ed. 3). New York Botanical Garden, Nova York.
  2. Gleason, H. A. & A. Cronquist. 1991. Man. Vasc. Pl. N.E. U.S. (ed. 2) i–lxxv, 1–910. New York Botanical Garden, Bronx.
  3. Hokche, O., P. E. Berry & O. Huber. 2008. Nuev. Cat. Fl. Vas. Venezuela 1–860. Fundación Instituto Botánico de Venezuela, Caracas, Venezuela.
  4. Jørgensen, P. M. & C. Ulloa Ulloa. 1994. Seed plants of the high Andes of Ecuador---A checklist. AAU Rep. 34: 1–443.
  5. Jørgensen, P. M. & S. León-Yánez. (eds.) 1999. Catalogue of the vascular plants of Ecuador. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 75: i–viii, 1–1181.
  6. Marticorena, C. & M. Quezada. 1985. Catálogo de la Flora Vascular de Chile. Gayana, Bot. 42: 1–157.
  7. Munz, P. A. & D. D. Keck. 1959. Cal. Fl. 1–1681. University of California Press, Berkeley.
  8. Radford, A. E., H. E. Ahles & C. R. Bell. 1968. Man. Vasc. Fl. Carolinas i–lxi, 1–1183. University of North Carolina Press, Chapel Hill.
  9. Rusby, H. H. 1893. On the collections of Mr. Miguel Bang in Bolivia. Mem. Torrey Bot. Club 3(3): 1–67.
  10. Scoggan, H. J. 1978. Dicotyledoneae (Saururaceae to Violaceae). 3: 547–1115. In Fl. Canada. National Museums of Canada, Ottawa.
  11. Small, J. K. 1933. Man. S.E. Fl. i–xxii, 1–1554. Publicado polo autor, Nova York.

Ligazóns externas editar