O Roman de la Rose é un poema en lingua francesa de preto de 22.000 versos octosílabos que adopta a forma de soño alegórico. Aínda que consta de dúas partes, que se escribiron en distintos intres, a obra non foi concibida de xeito conxunto. Elaborouse entre 1225 e 1240: a primeira parte do poema foi escrita por Guillaume de Lorris, e consta de 4.058 versos octosílabos. A obra, interrompida pola prematura morte de Guillaume de Lorris, foi continuada por Jean de Meung con 17.722 versos entre 1275 e 1280.

Guillaume de Loris.
Roman de la Rose.
Roman de la Rose.

A primeira parte editar

A primeira parte do poema é o relato dun soño. O amante, Guillaume, entra nun xardín marabilloso de Pracer da man de Dama Ociosa. Alí participa na danza do tempo, un baile guiado por Alegría e animado por Amor, Riqueza, Xenerosidade e outros personaxes de carácter alegórico. Visita o xardín e namórase da Rosa, alcanzado polas frechas de Amor. Ao longo do poema Guillaume vai aprendendo as regras do amor cortés: educación, discreción, cortesía, paciencia, devoción e xenerosidade. Para alcanzar a Rosa, recibirá a axuda de Esperanza, Pensamento Agradable, Dozura na Mirada e Verbo Doce. O fillo de Cortesía, Acollida Amable lévao ao bosque, pero alí vese rexeitado por Perigo. Aínda que Razón tenta desanimar a Guillaume, este insiste, aplaca a Perigo e consegue mesmo bicar á Rosa. A escena é vista por Malaboca, que pide auxilio aos inimigos do cabaleiro: Perigo, Vergoña e Medo, que pechan o bosque e encarceran a Amable Acollida nunha torre. Guillaume déixase levar pola dor.

A segunda parte editar

Razón fala sobre a Fortuna e as paixóns a Guillaume. Ao non estar demasiado convencido, visita ao seu Amigo, que lle aconsella seguir normas contrarias ao amor cortés, e filosofa acerca da orixe das sociedades. Amor arenga a todos os seus seguidores antes de tentar asaltar a torre na que Amable Acollida está preso. Os asaltantes acceden á praza, pero os inimigos deféndense con afán. Con todo, na súa retirada, Natureza oponse á forza destrutora de Morte. Confésase a Xenio, e envíao para que se unha ás tropas de Amor, apoiadas por Venus. Perigo, Vergoña e Medo foxen. Amable Acollida permite ao amante tomar a Rosa e entón o poeta esperta.

Diferenzas entre ambas as partes editar

A primeira parte do poema ten claras influencias de Ovidio, e constrúese adoptando a forma narrativa dunha arte de amar inspirado pola doutrina do amor cortés. Utiliza un recurso habitual tanto na literatura antiga como na medieval: o Soño que describe outro mundo, neste caso alegórico, que representa ideas abstractas e calidades morais.

A segunda parte presenta unha discusión máis filosófica do amor, chegando mesmo a rirse dalgunhas das ideas e sentimentos expresados por Guillaume de Lorris. Esta segunda parte provocou polémicas relacionadas coa visión que da muller ten Jean de Meung, en especial a resposta de Cristina de Pizán ás súas posicións e que desembocaron nunha das primeiras querelas feministas.

Esta segunda parte non só trata do amor. Fálase tamén de:

  • os animais domésticos, dos que o ser humano non se podería servir como o fai se tivesen entendemento;
  • a intelixencia da natureza que, ao resultar insuficiente o instinto de procreación dos humanos para asegurar en por si a perpetuación da especie, engadiu ao acto amoroso un pequeno suplemento de pracer para motivalo un pouco;
  • os señores que non teñen ningún motivo para glorificar aos seus antepasados cando non teñen as calidades destes.

O libro preséntase como unha conversación pracenteira e instructiva con varios interlocutores sucesivos (entre os que está o abominable personaxe de A vella, que conta en detalle como unha muller sempre debe conseguir sempre tantas vantaxes materiais como poida dos seus namorados e sucesivos amantes, que é o que sempre fixo, e que actuar doutro xeito é unha tolemia).

Repercusión da obra editar

 
Roman de la Rose (ed. 1914)

O Roman de la Rose foi o que hoxe[cando?] chamariamos un best-séller. De feito, atopáronse uns cen exemplares en Francia. Para valorar na súa xusta medida esta cifra, hai que lembrar que Johannes Gutenberg inventa a imprenta con caracteres móbiles cara a 1450. Así pois, todos os exemplares dos que estamos a falar son pergamiños escritos pacientemente a man letra a letra. Tendo en conta o tempo necesario dos expertos da época (era necesario saber ler e escribir) para dedicarse a esa tarefa, o custo dunha obra deste calibre podía oscilar entre o que hoxe en día custa un automóbil e un apartamento.

Unha parte da novela traduciuna ao inglés co título de The Romaunt of Rose Geoffrey Chaucer, o que tivo unha importante repercusión sobre a literatura inglesa.

Tamén en Holanda houbo unha versión realizada por Hein van Aken.

En Francia o seu éxito foi enorme: a concepción amorosa de Meung provocou o primeiro gran debate literario en Francia, a Querelle du Roman de la Rose, iniciada pola poetisa Cristina de Pizán; tamén inspirou boa parte dos Dits de Guillaume de Machaut. Posteriormente, case no século XVI, a obra foi prosificada por Jean Molinet.

Tamén se sinalaron notables paralelismos coa obra Arbre de filosofia d'amor de Ramon Llull, aínda que neste caso, máis que de influencia directa, haxa que falar de similitudes froito dunha mesma tradición cultural.