Rodrigo García Vizoso

futbolista e adestrador galego

Rodrigo García Vizoso, nado na Coruña o 26 de febreiro de 1909 e finado na mesma cidade o 2 de xuño de 2009, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de gardameta.

Vizoso
Información persoal
Nome Rodrigo García Vizoso
Nacemento 26 de febreiro de 1909
Lugar de nacemento A Coruña
Falecemento 2 de xuño de 2009
Lugar de falecemento A Coruña
Posición Porteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1928–1934 Deportivo da Coruña 60 (0)
1934–1935 Real Madrid 0 (0)
1935–1936 Granada 12 (0)
Adestrador
1940–1954 Xuvenil
1955–1956 Deportivo da Coruña
1962–1963 Deportivo da Coruña
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Nado na coruñesa rúa de Fuente Luisa —agora chamada Agudín Bolivar— en 1909, foi un dos vinte e dous xogadores que estreou a Segunda división española de fútbol defendendo a portería do RC Deportivo da Coruña no ano da súa estrea, 1929, contra o Deportivo Alavés.[1]

Desde aquela teceu unha carreira que o levou ser considerado durante anos o máximo referente do club coruñés. A súa lenda foi cimentada en proezas como a que serviu para que, tres anos despois, o Deportivo, aínda na segunda categoría, eliminara da Copa do Rei ao Real Madrid CF en Chamartín unha tarde na que o conxunto branco tirara 76 veces á porta que gardaba Rodrigo.[1]

En 1934 o propio Real Madrid CF contrataría os servizos de Rodrigo, onde habería pasar a tempada como suplente de Ricardo Zamora. Posteriormente fichou polo Granada CF, cun salario de 500 pesetas ao mes.[1]

A guerra civil española levouno a pasar 34 meses no exército e após a contenda decidiu colgar as luvas para volver á Coruña, onde atopou traballo na Fábrica de Armas. Alí fundou un equipo de fútbol co nome da empresa e que anos máis tarde se deu en chamar Deportivo Xuvenil.[2] Adestrou este equipo durante case 15 anos, logrando o ascenso á Segunda División na tempada 1953/54, momento no que renunciou ao seu posto.[3] Rodrigo foi un dos descubridores do talento de Luis Suárez, veciño como el do barrio de Monte Alto.[1]

Volveu ao Deportivo como adestrador en 1955, establecendo novas marcas históricas, como ser o primeiro técnico deportivista en facer gañar ao seu equipo en Chamartín ou o primeiro tamén en erguer o Trofeo Teresa Herrera.[1] O club herculino recorreu moitas veces aos seus servizos xa que cando un técnico era despedido Rodrigo sempre estaba diposto para o substituír. Así adestrou xuvenís, Fabril e primeiro equipo, e baixo as súas ordes estiveron grandes nomes do fútbol galego e español como Arsenio Iglesias ou Amancio Amaro.[2]

Chegou acadar os cen anos de idade e, como homenaxe polo seu centenario, realizou o saque de honra en Riazor nun dos últimos partidos do Deportivo en competición oficial europea. Falecería poucos meses despois. Como tributo, o Concello da Coruña decidiu mudar o nome do Campo Municipal de Fútbol A Grela II polo de Rodrigo García Vizoso así como colocar un busto coa súa imaxe na Cidade Deportiva Municipal da Torre.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Juan L. Cudeiro. El País (3 de xuño de 2009). "Necrológica: Rodrigo García Vizoso, el último de la primera Liga". Consultado o 31-03-2016. 
  2. 2,0 2,1 Pepe Guillín. Revista RCD. "RODRIGO GARCÍA VIZOSO, un centenario ex jugador del Deportivo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01-01-2010. Consultado o 31-03-2016. 
  3. "Rodrigo renuncia a su cargo de entrenador". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 1954. p. 5. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar