Reino de Essex

reino da Inglaterra, un dos sete da Heptarquía Anglosaxoa

O Reino de Essex (Ēst Seaxna, "saxóns orientais"), un do sete reinos tradicionais da chamada Heptarquía Anglosaxoa, foi fundado ao redor de 600 e cubría o territorio actualmente ocupado polos condados de Essex, Hertfordshire e Middlesex. O primeiro documento histórico sobre o reino remóntase á Historia Eclesiástica de Beda, que reflicte a chegada do bispo Melito a Londres en 604.

Modelo:Xeografía políticaReino de Essex
Ēastseaxna Rīce (ang)
Regnum Orientalium Saxonum (la) Editar o valor em Wikidata

Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 50°N 0°L / 50, 0Coordenadas: 50°N 0°L / 50, 0
CapitalLondres Editar o valor em Wikidata
Poboación
Lingua oficialinglés antigo Editar o valor em Wikidata
Relixiónpaganismo anglo-saxão (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Creaciónséculo VI Editar o valor em Wikidata
Disolución825 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata

Orixes do Reino de Essex editar

O Reino de Essex produce relativamente poucos "Diplomas" anglosaxóns en comparación cos seus veciños e non hai unha versión da Crónica anglosaxoa (ASC) sobre Essex. Como resultado, a historia do reino e da súa orixe permanece relativamente escura. A lenda (creada no século X), atribúe a fundación de Essex a Æscwine que aparece por primeira vez nunha xenealoxía orixinal de Wessex de finais do século IX que se conserva en Londres, Esta información é ampliada por escritores dos séculos XII e XIII como Henrique de Huntingdon (Historia Anglorum), Roger de Wendover (Flores Historiarum) e Mateu de París (Chronica Majora).[1][2] Wendover e París chámano Erkenwine e datan a fundación do reino no 527 e o seu reinado durou até o 587, cando morre e é sucedido polo seu fillo Sledd. A lonxitude do reinado (60 anos) e o propio nome, o único dos reis de Essex que non comeza por S, fan sospeitar que Æscwine é un personaxe lendario, analogamente aos Hengest e Horsa de Kent, Ælle e Cissa de Sussex ou Cerdic de Wessex.

As escavacións arqueolóxicas en diversos lugares de Essex (Mucking ou Prittlewell, por exemplo) demostran que xa había presenza saxoa a principios do século V e que a imaxe dunha invasión violenta de Britania está bastante afastada da realidade. Os saxóns primeiro como federados e máis tarde como colonos, chegaron a Essex desde finais do século IV, e foron asimilados facilmente pola poboación britanorromana. Os primeiros asentamentos producíronse na desembocadura de Támese, e nas zonas ao redor de Londinium. Os saxóns que foron asentándose cara ao leste, ao longo da vía romana entre Londinium e Camulodunum, foron coñecidos como estseaxni (saxóns orientais) e estaban formados por diversos grupos tribais cos seus propios líderes e estruturas políticas. Destes grupos énos coñecido algúns dos seus nomes, de cuxas denominacións sairían posteriormente as das provincias ou distritos do futuro reino:

  • Berecingas.- Situados nas marismas próximas a Berecing (Barking), no estuario do Támese.
  • Vangeringas.- Ao leste dos anteriores na zona do Vange, marisma en torno ao Mardyke.
  • Uppingas.- Establecidos no actual Bosque de Epping ao norte dos grupos anteriores.
  • Hæferingas.- Ao leste dos uppingas, sobre a vía romana ao redor de Hæferig (Havering).
  • Gegingas.- Ao norte da vía, preto de Ceneboltuna, a actual Chelmsford.
  • Hrothingas ou Rodingas.- Ao oeste dos anteriores, nas actuais aldeas que levan o seu nome, The Rodings.
  • Daenningas.- Ocupaban as penínsulas orientais, entre os estuarios do Blackwater e o Roach, dan o seu nome á península de Dengie.
  • Tundiringas.- Na actual península de Tendring, que toma ese nome porque os seus colonizadores proviñan de Tundirium, na Baixa Saxonia.

Na segunda metade do século VI, Kent, o veciño sur dos saxóns orientais levara a cabo a súa unificación, cambiando a tradicional estrutura política xermánica de clans rexidos por un xefe electivo en asemblea popular (folkmoot ou folkmote), á dunha monarquía semihereditaria aconsellada por unha asemblea de nobres ou homes ilustres (witenagemot ou witan). Aethelberht de Kent, en cuxo código de leis se preserva a primeira referencia escrita a un witan, dominaba como señor superior a maioría dos territorios dos saxóns orientais. Aethelberht sería o catalizador para a formación dun Essex unificado. É lóxico supor que non fose fortuíta a elección de Sledda, o seu cuñado e esposo da súa irmá Ricula, como primeiro rei dos saxóns orientais, cuxo reino estaría supeditado ao do propio Aethelberht en Kent.

Xeografía editar

O antigo reino de Essex estendíase polos condados históricos de Essex, Middlesex, Londres e o sur de Hertfordshire, na división actual abarcaría 22 dos 32 municipios do Gran Londres, ademais de todo Essex e parte de Hertfordshire. Ao leste limitábase co Mar do Norte e a fronteira norte, con Anglia Oriental, facíaa o río Stour tal como actualmente marca a fronteira entre Essex e Suffolk. Tamén a fronteira sur do reino permanece inalterada até hoxe, sendo o río Támese o que marca o límite entre Essex e os territorios de Surrey e Kent. A fronteira oeste foi a máis variábel ao longo do tempo, aínda que Essex nun principio controlaba Middlesex, parte de Surrey e mesmo chegou a controlar o sub-reino de Kent Occidental, cara ao 730 pérdese definitivamente o control sobre Londres e a súa rexión que pasa mans de Aethelbald de Mercia. Igualmente pérdense os territorios ao oeste do río Lea.

 
Mapa do Reino de Essex e Middlesex.

O relevo de Essex é suave cunha cadea de outeiros de non máis de 100 metros no norte e oeste que baixa en dirección do mar, a maior parte do territorio atópase no que hoxe coñecemos como conca sedimentaria de Londres. Na zona sur e elste atopábanse abundantes marismas nos estuarios dos ríos e na recortada costa do Mar do Norte. De norte a sur estaba o estuario do Stour e o Orwell, e entre leste e o estuario do Colne e o Blackwater atopábase a península de Tundiring (Tendring), nela o cabo de Nasse (The Naze) era o extremo máis oriental de Essex, e pechaba as marismas de Hamford Water. Tamén en Tendring atopábase o distrito de Eadulesvanessa (The Sokens), que no século X recibiron os seus habitantes uns privilexios outorgados polo rei Athlestan. No gran estuario de Colne-Blackwater esta a illa de Meresai (Mersea) que estaba habitada no período saxón. Ao sur a península de Daenenge (Dengie), partida polo estuario do río Crouch onde se atopaban as meirandes zonas húmidas coas illas de Foulganaessa (Foulness), Wallasea, Potton e Rushley que formaban un intricado conxunto de marismas, pantanos e zonas húmidas deshabitados. Ao sur finalmente abríase o gran estuario do Támese, e nas súas ribeiras establecéronse os primeiros e máis populosos asentamentos saxóns, desde Wacheling (Wakering) até Berecing (Barking), e tamén se atopaba a illa de Caningaege (Canvey), habitada polos saxóns e na que introduciron a gandaría ovina. Penetrando polo Támese cara ao interior de Britania, entre Canvey e as zonas húmidas do Mardyke atopábase a península de Vange, a terra dos Vangeringas e máis ao interior nas confluencias do Roding e o Lea co Támese, as marismas de Berecing que chegaban até Lundewic (Londres).

Os outeiros do Norte e o oeste son formacións de creta branca de baixa altura, as máis prominentes son as do oeste, coñecidas como The Chilterns ou Chiltern Hills. As zonas ao oeste da vía romana eran abundantes en bosques, da extensa masa boscosa de Essex está hoxe moi diminuída aínda se preservan zonas como o Bosque de Epping, o Bosque de Hainault e o Bosque de Hatfield. De oeste a leste os principais ríos eran os afluentes do Támese o Colne (que facía de fronteira occidental), o Lea (separaba Middlesex de Essex propiamente dito), e o Roding. E os que desembocaban no Mar do Norte, Cough, Chelmer, Blackwater, Colne e Rother.

Poboación e localidades editar

Os saxóns vivían, polo xeral, en pequenas aldeas diseminadas ao redor doutras un pouco máis grandes que facían de mercado situadas preto de ríos ou cruces de camiños, nin tan sequera habitaron con frecuencia as cidades romanas preexistentes, máis nada que para asentar nela algunha gornición militar aproveitando as súas murallas.[3]. Por iso en Essex as cidades son raras, a pesar de que no seu territorio estiveron dúas das cidades romanas máis populosas, Londinium (Londres) e Camulodunum (Colchester). Tampouco Essex foi un reino moi populoso, no Tribal Hidage[4] do reino de Mercia, atribúense a Essex só 7.000 hides, os mesmos que aos reinos de Sussex, Lindsey, Magonsaete ou Hwicce, e moi por baixo dos 15.000 de Kent, os 30.000 da Anglia Oriental ou Mercia, e os 100.000 de Wessex.

Londinium, que na época imperial chegou a ter preto de trinta mil habitantes, fora declinando no baixo imperio e coa chegada dos saxóns no século V gran parte da cidade estaba deshabitada e os seus edificios maioritariamente en ruínas[5]. A cidade romana, situada no que hoxe é a City de Londres, non foi utilizada polos saxóns, nas que só mantiveron unha fortaleza militar coñecida como Lundenburh, da palabra saxoa burh, castelo, fortificación[6]. Con todo fixeron un novo asentamento 2 km ao oeste, no que hoxe é o Strand e Covent Garden que chamaron Lundenwic, da palabra saxoa wic, mercado, posto mercantil[7]. Non parece con todo que Lundenburh fose totalmente abandonada, xa que cando se establece o Bispado de Londres no 604, toma a súa sede na igrexa de San Paulo situada dentro da muralla. Co dominio merciano de Middlesex, a cidade recuperou aos poucos a súa actividade da época romana xa que se converteu no principal porto do Reino de Mercia.

Algo parecido ocorre con Camulodunum, considerada a cidade máis antiga de Inglaterra, a capital tribal dos trinovantes e máis tarde a próspera Colonia Claudia Victricensis, foi abandonada ao longo do século V, os saxóns usaron as súas murallas para establecer o posto militar de Colnecaestre (do que deriva o seu actual nome de Colchester) e posibelmente o centro comercial do val do Colne. Máis escura é a historia de Chelmsford, a Caesaromagus romana, segundo algúns autores foi o errado intento dunha cidade planificada para ser capital de Britania en substitución de Londinium como parece indicar o seu prefixo Cesar-, os edificios que se chegaron a construír foron a base para un posto militar saxón no paso do río Chelmer, de onde provén o seu nome de Chelmerboltun (vila do paso do Chelmer) ou tamén de Ceolmaer's ford (o forte dalgún caudillo chamado Ceolmaer). Wæclingacaester, a romana Verulamium e a actual St Albans, con todo si tivo unha ocupación continua no tempo, situada nun estratéxico cruzamento de vías romanas, xa a finais do século V era sede dun mosteiro, pero o seu verdadeiro crecemento dáse durante o dominio de Mercia, cando Offa funda a abadía de St. Albans no 793. Tamén de fundación romana é Ythanceaster (Othona, Brandwell-on-Sea), unha fortificación pertencente ao litus saxonicum, dentro das súas murallas foi fundado un mosteiro no 654. Outros lugares de certa importancia foron os portos de Herewic (Harwich), no estuario do Rother e de situación privilexiada para o comercio con Anglia Oriental, Maeldun (Maldon), porto no estuario do Blackwater e principal saída ao mar do territorio dos Daenningas.

As escavacións arqueolóxicas iniciadas no século XX na zona sur do reino, como a aldea de Mucingae (Mucking), a cabana de Chadwell-St-Mary, ou a tumba real de Pritevelae (Prittlewell), dannos unha idea da vida e costumes de Essex durante o período anglosaxón, na zona que perece ser, constituía o corazón do reino[8][9][10]. As penínsulas costeiras, cos seus bos prados e pasteiros, para a gandaría e a agricultura; e os bosques do oeste coas súas aldeas dedicadas á silvicultura e a caza.

Historia editar

Século VI. Dominio de Kent editar

A colonozación saxoa de Essex deuse pacificamente ao longo de todo o século VI, o territorio despoboado ao longo dos séculos IV e V era un bo lugar, cos seus bosques e marismas, para o tipo de asentamento ao que estaban afeitos os clans saxóns e non supuxo loitas nin anfrentamientos cos poucos habitantes britanos que puidesen quedar na zona. É probábel que Eormenric de Kent, fose quen comezará a forxar o Reino de Essex, e algunhas teorías apuntan a que Æscwine (nome de orixe xuta) podería ser nomeado por el como rexente dos territorios ao norte do Támese. O fillo de Eormerico, Aethelberht de Kent, continuou coa hexemonia do reino xuto sobre os seus veciños, a relación con Essex aumentou cando a súa irmá Ricula (ou Ricola) casou con Sledd, supostamente fillo de Æscwine, que sobe ao trono cara ao 587. Aínda que os coñecementos sobre o reinado do saxón son escasos, a supremacia do bretwalda xuto sobre todo o sueste da illa está comprobado por diversas fontes. De Sledd téñense poucas referencias históricas, só a súa mención en varias xenealoxías, pero a maioría dos autores apuntan a que seguramente foi el o primeiro rei de Essex. O sucesor de Sledd, Saeberht de Essex, é coñecido pola crónica da Misión gregoriana que levou a Agostiño de Canterbury a evanxelizar aos pagáns británicos enviados polo Papa Gregorio I Magno no 597. A conversión do rei de Kent estendeu a misión aos territorios nos que exercía o seu dominio, entre eles o Reino de Essex, ao que neses momentos pertencía a rexión de Middlesex e Londres onde estaba a capital do reino. Deste xeito Agostiño no 604 ordenou bispo de Londres a Melito de Canterbury (Mellitus ou San Melitón), un dos membros da misión, sendo este último o encargado de evanxelizar aos saxóns. Beda narra a conversión do rei Saeberht na súa Historia Ecclesiastica gentis Anglorum, igualmente nas ASC (Anglo-Saxon Chronicles), na entrada do ano 604 fálase deste episodio[11][12]. A pesar da mención ao rei saxón é Aethelberht de Kent o que continuaba exercendo o mando, como demostra un charter no cal garante terras a Melito, bispo de Londres, para fundar un mosteiro en Tillincgeham (Tilligham, Essex)[13].

Pouco máis se sabe do reinado de Saeberht, suponse que a súa subida ao trono debeu darse cara ao 600, antes da chegada da misión a Londres, e a súa morte non foi máis tarde do 616, último ano do de Aethelberht, xa que nese ano son citados os seus fillos como gobernates de Essex por Beda. Aínda que tradicionalmente pensouse que os seus restos e os da súa esposa Ethelgoda están na Abadía de Westminster, xunto á entrada das capelas reais, algúns autores pensan que a Tumba Real de Prittlewell podería aloxar os restos do monarca, ou talvez os do seu neto Sigeberht, o Santo[14].

Século VII. Paganismo e Cristianismo editar

No 616 tras a morte de Aethelberht prodúcese unha volta ao paganismo en Britania, Eadbald, o seu sucesor, abxura do cristianismo, igualmente os fillos de Saeberht fan o mesmo, aínda que a sede de Canterbury permanece, os bispos de Londres (Melito) e Rochester (Xusto) son expulsados das súas respectivas sedes. En Essex reinaban conxuntamente os tres fillos de Saeberht segundo Beda, posibelmente sendo Seaxred rei principal e os seus irmáns Saeweard e Sexbald sub-reis en Middlesex e Suth-ge. Precisamente este último territorio é atacado por Cynegils de Wessex, na batalla por defendelo os tres irmáns morren no 623, segundo Beda son derrotados por abandonar o Cristianismo, o que fixo que as súas xentes volvesen á "fe en Cristo"[15]. O texto de Beda é contraditorio pois el mesmo di que os saxóns de Essex non volveron ser cristiáns até o ano 653 cando o rei Sigeberht II por mediación de Oswiu de Northumbria se converteu ao cristianismo, foi bautizado e restaurou a cátedra de Londres[16]. No mesmo texto, Beda fala de Sigeberht I: ...Sigebert, who reigned next to Sigebert surnamed The Little, was then king of that nation... (Sigeberht, o cal reinou despois de Sigeberht alcumado o pequeno, era rei desa nación...), pero del tan só temos esta referencia. A historiadora Barbara Yorke[17] cre que ambos os Sigeberht son a mesma persoa, chamado primeiro "o pequeno" pois accedeu ao trono moi novo, xa que o seu pai Saeweard morreu tamén moi novo, e chamado posteriormente "o bo ou o Santo" pola súa conversión ao cristianismo. Sexan un ou dous Sigeberht non hai datos históricos sobre Essex durante os 30 anos que van desde a derrota dos fillos de Saeberht no 623, até a volta ao cristianismo de Sigeberht no 653 ou 654. De Sigeberht II tampouco non se teñen moitas referencias á parte de Beda, os historiadores do século XII, William de Malmesbury[18] e John de Worcester[19] tamén falan do seu reinado. Oswiu de Northumbria (nese momento Rei de Bernicia) e de Peada de Mercia (nese momento sub-rei dos Anglos Centrais) eran bos amigos de Sigeberht, os tres fixeron unha alianza para se enfrontaren ao pai de Peada, Penda de Mercia. Tratábase dun enfrontamento entre o partido cristián liderado por Oswiu e o partido pagán liderado por Penda e os seus aliados Cadafael ap Cynfeddw de Gwynedd (en Gales), Aethelwald de Deira e Aethelhere de Anglia Oriental. Os seguidores de Oswiu foron inducidos a converterse antes da Batalla de Winwaed (lugar descoñecido actualmente ao norte de Inglaterra) e así Finan bispo de Lindisfarne bautizou a ámbolos dous (Sigeberht e Peada) no 653. A vitoria de Oswiu acabou case definitivamente co partido pagán, o rei de Northumbria (unificaba Bernicia e Deria) mandou a Cedd en misión para evanxelizar Essex, Sigeberht restaurou a cátedra londiniense e nomeouno bispo en substitución de Melito, que era xa bispo de Canterbury. Cedd refundou o mosteiro de Tillincgeham (Tilligham, Essex) e fundou un novo en Ythanceaster (Brandwell-on-Sexa). Sigeberht foi asasinado no 660, "por dous irmáns" segundo Beda, algúns historiadores pensan que o máis probaábel é que fosen os seus sucesores Swithelm e Swithfrith (fillos de Seaxbald). O rei principal, Swithelm, era pagán e foi bautizado por Cedd baixo o padroado de Aethelwald, rei de Anglia Oriental, Swithelm durou pouco xa que foi unha das vítimas da gran peste do 664.

Dous novos reis soben ao trono de Essex, Sighere (fillo de Sigeberht), que representa ao partido pagán que abandonou o cristianismo ao considerar que a peste foi un castigo dos deuses pagáns e Saebbi (fillo de Saeweard) representante do partido cristián, o primeiro seguramente en Essex Oriental e o segundo en Middlesex. A rivalidade entre ambos os reis daría a oportunidade aos reinos veciños a intervir na política do reino. Saebbi buscará o apoio en Wulfhere de Mercia, Jaruman, o bispo de Mercia (en Repton), envía unha misión a reconverter aos saxóns de Essex que apostataran durante a praga, e Wulfhere nomea un novo bispo de Londres, Wine, entrando esta diocese na súa esfera de influencia. No partido contrario estaba Ecgberht I de Kent, que controlaba Suth-ge (Surrey), e apoiaba a Sighere, pero o rei de Kent falece no 673, entón Wulfhere entra en Surrey e nomea a Frithuwold, sub-rei de Suther-ge baixo o dominio de Mercia, aínda que morre pronto e sucédeo o seu fillo Frithuric no 675. Hlothhere de Kent na súa loita contra Mercia e en apoio de Sighere invade Surrey e toma Londres cara ao 680, pero unha nova forza entra nas disputas, o príncipe Caedwalla dos Gewissae, exiliado da súa patria asentouse no bosque de Andred e desde alí atacou Sussex aínda que puido ser repelido polos earldomen do reino, o seu seguinte obxectivo é Surrey, que invade e mesmo avanza sobre Kent debilitado pola loita entre Hlothhere e o seu sobriño Eadric. Caedwalla toma Kent no 686, sendo xa rei de Wessex e pon no trono ao seu irmán Mul. Sighere cambia de patrón e toma como protector a Caedwalla, cando Kent se rebela e matan a Mul, Caedwalla entra de novo, arrasa o reino e pono baixo o goberno de Sighere no 687. Pero finalmente no 688 dous feitos van inclinar a balanza cara ao partido pro-merciano de Sebbi: Caedwalla deixa a illa para ir de peregrinación a Roma, onde morre á idade de 33 anos, igualmente o seu defendido Sighere morre ese mesmo ano. Deste xeito Surrey, Middlesex e Kent Oriental caen baixo o dominio dos reis de Mercia, que os deixan nas mans de Saebbi de Essex, que fai aos seus fillos Swaefhard e Swaefberht[20] sub-reis de Kent Oriental. Mentres en Kent sobe ao trono Oswine, que acepta tamén a hexemonia de Mercia. A Saebbi atribúeselle a construción da primeira Abadía de Westminster, e o desexo de dedicarse á vida monástica polo que abdica no 694 no seu fillo Sigeheard, que comparte o goberno co seu irmán Swaefred, e entra nun mosteiro, aínda que morre pouco despois no 695, foi enterrado na antiga catedral de San Paulo en Londres, onde era reverenciado como un santo.

Século VIII e IX. Mercia, Wessex e viquingos editar

O reinado conxunto dos irmáns Sigeheard e Swaefred, transcorreu sen demasiados incidentes entre o 694 e o 709, só a disputa con Ine de Wessex ao recibir refuxio en Essex os seus rivais ao trono, con todo o conflito resolveuse de forma pactada no Sínodo de Brentford, polo cal os rivais de Ine foron expulsados de Essex, mentres o rei de Wessex prometía non atacar aos saxóns orientais. De Sigeheard só se ten un charter incompleto en San Paulo de Londres no cal Sigeheard de acordo con Coenred de Mercia confirma a compra de Fulham polo bispo de Londres Waldhere ao seu homónimo de Hereford, Tyrhtel[21]. De Swaefred temos tres, un localizado en Nazeig, outro na península de Degie e o último en Twickenham[22]. Non se sabe cando accedeu ao trono, pero sábese que o fillo de Sigeheard, Offa, foi asociado ao trono do seu pai, con todo preferindo a vida monastica, abdicou para marchar a Roma co rei Cenred de Mercia e entrar nun mosteiro no 609.

Con descendentes de Coenred en Mercia, Ceolred, Aethelbald e sobre todo Offa, Mercia convértese no estado hexemónico de Inglaterra ao longo de todo o século VIII e os reis de Essex convértense en sub-reguli dos monarcas mercianos. Saelred, pertencente a unha rama lateral da familia real accede ao trono (709-746), pero xa non controla a zona occidental do reino, Middlesex e os territorios ao oeste do Lea pasan definitivamente a Mercia, deste xeito Londres, a capital de Essex converteuse no porto principal de Mercia e unha das súas cidades principais. Entre 715 e 738, Suefbert, de parentesco descoñecido con Saelred, comparte con este o trono, aínda que posibelmente fose un dux nomeado por Aethelbald para Middlesex. Dos sucesores de Selred, Swithred (746-758), Sigeric I (758-798) e Sigereht (798-812), apenas se teñen datos, simplemente polos charters pódese ver que son os reis de Mercia directamente os que outorgan as terras de Essex e tan só se atopan afastadas mencións dos reis nativos. No 812 Coenwulf de Mercia diminúe aínda máis a importancia de Essex, pois degrada a Sigered de rex a dux, perdendo Essex a dignidade de reino e pasando a ser unha provincia de Mercia.

Ecgberht de Wessex, na Batalla de Ellandum acaba coa hexemonía de Mercia no 825, o seu fillo Aethelwulf marcha sobre os reinos orientais, conquista Sussex, Surrey e Kent. Finalmente conquista Essex e depón a Sigered[23]. Todos eses territorios unificados formaron o sub-reino de Kent e Sussex rexido desde Canterbury, aínda que posibelmente Essex se incorporará directamente en Wessex.

A partir do 870 os ataques viquingos ás costas anglosaxoas foron continuos, Alfredo o Grande de Wessex debe facer fronte á invasión danesa, o rei saxón consegue deter o avance danés no 871, aínda que Guthrum o líder dos daneses seguiu controlando o leste da illa (Northumbria, Anglia Oriental e parte de Mercia incluída Essex). No 874 os daneses rompen a paz e atacan de novo a Alfredo, os enfrontamentos duran até o 878, cando os saxóns vencen na Batalla de Ethandun. Os daneses acceden a retirarse aos seus territorios iniciais e mesmo deciden bautizarse, sendo o propio Alfredo o padriño do rei Guthrum, era un xesto importante, que indicaba a intención dos daneses de ser aceptados dentro da política inglesa, o mal chamado Tratado de Wedmore, porque non existiu ningún documento escrito de tal tratado, determinaba que Essex (incluída Londres e Middlesex) estaba dentro do territorio danés. Pero de novo os daneses no 884 tentan conquistar Wessex, e de novo os saxóns logran rexeitar aos viquingos, finalmente o conflito resólvese coa Paz de Alfredo e de Guthrum, que reduciría o reino danés da paz anterior, e deste xeito Londres e os territorios ao oeste do Lea volvían a mans saxoas, aínda que non Essex[24]. Non foi até o 918 cando Eduardo o Vello, reincorpora Essex ao reino saxón, o futuro reino de Inglaterra.

Reis de Essex editar

Reinado Rei Charter Notas
527-587? Æscwine (Erkenwine, Erchenwine) ÆSCǷINE OFFING ESTSEAXNA CYNING

ÆSCVVINE REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non Rei lendario
587-604 Sledda (Sledd) SLEDDA ÆSCǷINING ESTSEAXNA CYNING

SLEDDA REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non Posíbel fundador do reino
604-616 Sæberht (Sæberht, Saberht) SABERHT SLEDDING ESTSEAXNA CYNING

SÆBRYHT REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non Sobriño de Aethelberht de Kent
616-623 Sexræd (Sexræd) SEXRED SABERHTING ESTSEAXNA CYNING

SEXRED REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non xunto aos seus irmáns Saeward e Seaxbald
616-623 Saeward (Sæward) SAǷEARD SABERHTING ESTSEAXNA CYNING

SÆVVARD REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non xunto ao seu irmán Saexred. Posible sub-rex en Middlesex
616-623 Seaxbald (Seaxbald) Non xunto ao seu irmán Saexred. Posible sub-rex en Suth-ge
623-653 Sigeberht I, o Pequeno (Sigebryht, o Pequeno) SIGEBERHT ESTSEAXNA CYNING

SIGEBRYHT PARVVS REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non
653-660 Sigeberht II, o Bo (Sigebryht, the Good ou the Blessed) SIGEBERHT SÆǷARDING ESTSEAXNA CYNING

SIGEBRYHT SANCTVS REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non
660-664 Swithhelm SǷIÞELM SEAXBALDING ESTSEAXNA CYNING

SVVIÞELM REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non
664-683 Sighere SIGHERE SIGEBERHTING ESTSEAXNA CYNING

SIGHERE REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non xunto ao seu primo Sebbi
664-694 Sebbi SEBBE SEAXREDING ESTSEAXNA CYNING

SaebbiREX SAXONVM ORIENTALIVM

Non xunto ao seu primo Sighere. San Saebbi(29 agosto)
694-709 Sigeheard SIGEHARD SEBBING ESTSEAXNA CYNING

SIGEHEARD REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non xunto ao seu irmán Swaefred
694-709 Swæfred (Swæfred, Suebred) SǷÆFRED SEBBING ESTSEAXNA CYNING

SVVÆFRED REX SAXONVM ORIENTALIVM

Suebrædus rex Eastsaxonum xunto ao seu irmán Sigeheard
709 Offa OFFA SIGHERING ESTSEAXNA CYNING

OFFA REX SAXONVM ORIENTALIVM

Offa rex Abdica
709-746 Selered (Sælred,Swebert,Selered) SELERED SIGEBERHTING ESTSEAXNA CYNING

SÆLRED REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non xunto Suefbert 715-738
715-718 Swaefberht (Swæfberht) SǷÆFBERHT ESTSEAXNA CYNING

SVVÆFBRYHT REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non
746-758 Swithred (Swithred,Swæfred) SǷIÐRED SIGEMUNDING ESTSEAXNA CYNING

SVVIÞRED REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non
758-798 Sigeric (Sigeric) SIGERIC SELEREDING ESTSEAXNA CYNING

SIGERIC REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non Abdica
798-812 Sigered SIGERED SIGERICING ESTSEAXNA CYNING

SIGERED REX SAXONVM ORIENTALIVM

Non

Notas editar

  1. British Libary, Add.
  2. Nela dise que era pai do rei Sledd e á súa vez fillo de Offa, fillo de Bedca, fillo de Sigefugl, fillo de Swæppa, fillo de Antsecg, fillo de Gesecg, fillo de Seaxnet (o lendario fundador do pobo saxón)
  3. Roman Britain and English Settlements, R. G. Collingwood,John Nowell Linton Myres
  4. Sistema de organización tributaria anglosajona.
  5. Living In Roman London
  6. "Museum of London.". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2011. Consultado o 02 de decembro de 2015. 
  7. "Museum of London.". Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2011. Consultado o 02 de decembro de 2015. 
  8. "Mucking Archaeological Dig". Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2011. Consultado o 02 de decembro de 2015. 
  9. "Saxon Hut Discovered at Chadwell-St-Mary Dig". Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2011. Consultado o 02 de decembro de 2015. 
  10. "The Prittlewell prince". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2013. Consultado o 02 de decembro de 2015. 
  11. "Bede Ecclesiastical History of the English Nation, Book II, Chapter III". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2011. Consultado o 02 de decembro de 2015. 
  12. The Anglo-Saxon Chronicle : Seventh Century
  13. Anglo-Saxon Charters S 5[Ligazón morta]
  14. Walter Thornbury, Old and New London: Volume 3, 1878.
  15. But the kings, who had driven from them the preacher of the truth, did not continue long unpunished in their heathenish worship.
  16. At that time, also, the East Saxons, at the instance of King Oswy, again received the faith, which they had formerly cast off when they expelled Mellitus, their bishopBeda Arquivado 13 de maio de 2011 en Wayback Machine., Ecclesiastical History of the English Nation, Book III, Chapter XXII
  17. B. Yorke, Kings and Kingdoms of early Anglo-Saxon England, ISBN 0-203-75554-5 (Adobe eReader Format Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.)
  18. William of Malmesbury, Gesta regum
  19. John of Worcester, Chronicon ex Chronicis
  20. conocido por un charter como Gabertus es posible que fuera el propio Suebhardo
  21. "S1785". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2011. Consultado o 02 de decembro de 2015. 
  22. Anglo-Saxon Charters S65[Ligazón morta] S65a[Ligazón morta] S65b[Ligazón morta]
  23. Then sent he his son Ethelwulf into Kent, with a large detachment from the main body of the army, accompanied by his bishop, Elstan, and his alderman, Wulfherd; who drove Baldred, the king, northward over the Thames.
  24. "Medieval Sourcebook: Alfred and Guthrum's Peace". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2008. Consultado o 02 de decembro de 2015. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Hunter-Blair, Peter (1963). Roman Britain and Early England. Norton. ISBN 0-19-821716-1.
  • Jones, Michael E. (1998). The End of Roman Britain. Ithaca, NY: Cornell University Press. ISBN 978-0-8014-8530-5.
  • Stenton, F.M. (1971). Anglo-Saxon England 3rd edition. Oxford: OUP. ISBN 978-0-19-280139-5.
  • Welch, M. G. (1992). Anglo-Saxon England. English Heritage. ISBN 0-7134-6566-2.
  • Welch, M.G. (1992). Anglo-Saxon England. English Heritage. ISBN 0-7134-6566-2.
  • White, Sally (1998). The Patching hoard. Medieval Archaeology Volume 42.
  • Yorke, Barbara (1990). Kings and Kingdoms of early Anglo-Saxon England, ISBN 0-203-75554-5.