Recuperatio Imperii

Recuperatio Imperii é un programa militar ideado polo Emperador romano de oriente Xustiniano I co fin de recuperar os territorios que conformaran antigamente o Imperio Romano de Occidente e que agora estaban baixo o poder dos bárbaros. A reunificación do Imperio romano era unha idea popular naqueles tempos, xa que é unha formulación que responde aos sentimentos estendidos entre amplas capas da poboación de Occidente (sobre todo entre o elemento senatorial urbano e sectores vinculados coa administración) e en parte do goberno do Imperio oriental, que intelectualmente xoga coa continuidade imperial en Occidente; de feito, o sentimento de romanitas encóntrase - no século VI - amplamente estendido por todo o Imperio e é correspondido pola ideoloxía oficial do goberno imperial - segundo a cal este non se afundiu en Occidente senón que os bárbaros gobernan alí en nome do Emperador de Oriente - e por parte da intelligentia de Constantinopla (por exemplo, é o caso do escritor Xoán Lido, contemporáneo de Xustiniano).

Xustiniano I
Mapa do Imperio Romano de Oriente en 550. En verde as conquistas durante o reinado de Xustiniano I

Estes sentimentos son aproveitados pola administración de Xustiniano I para realizar, precisamente, unha política en consonancia con eles (fose sincera ou interesada). Este programa foi dirixido polo brillante militar Belisario, e conseguiu recuperar o norte de África, o sur da Península Ibérica e a práctica totalidade de Italia. Nas tres invasións de conquista do programa o Imperio usou sempre a escusa de que os seus intereses na rexión foran violados (case sempre co destronamento ou morte dun rei favorábel ao Imperio) para así efectuar a invasión e posterior conquista.

Porén, o Imperio romano de Oriente quedou debilitado para os retos do futuro e ademais, a facenda bizantina quedou baleira tras os monumentais gastos de Xustiniano para as súas campañas de conquista en Occidente e as súas grandes construcións arquitectónicas, como a igrexa de Santa Sofía. Os seus sucesores non poderían afrontar o reto de dirixir un Imperio atacado en todas as frontes e terminarían por perder gran parte das conquistas de Xustiniano I, e peor aínda, perderen Siria, Palestina e Exipto, que constituían gran parte do Imperio bizantino, a mans dos otománs.

Conceptos similares editar

Ligazóns externas editar