Ray Allen

baloncestista estadounidense

Walter Ray Allen, nado o 20 de xullo de 1975 en Merced (California), é un xogador profesional estadounidense de baloncesto que actualmente é axente libre. Antes de xogar no equipo de Massachusetts xogou nos Milwaukee Bucks, nos Seattle SuperSonics e nos Boston Celtics, pasando a súa etapa de formación na Universidade de Connecticut.

Ray Allen
Axente libre
Posición Escolta
Liga NBA
Información persoal
Nacemento 20 de xullo de 1975 (48 anos)
Merced (California)
Nacionalidade Estados Unidos de América Estados Unidos
Altura 1,96 m (6 ft 5 in)
Peso oficial 93 kg (205 lb)
Información da carreira
Instituto Hillcrest, Dalzell, Carolina do Sur
Universidade Connecticut (1993–1996)
NBA Draft 1996 / Rolda: 1 / Elección: 5
Por Minnesota Timberwolves
Carreira dende 1996
Historial de equipos
Milwaukee Bucks (1996–2003)
Seattle SuperSonics (2003–2007)
Boston Celtics (2007–2012)
Miami Heat (2012–2014)
Premios e galardóns
Campión da NBA (2008, 2013)
NBA All-Star Game (00-02, 04-09)
Xogador máis deportivo (2003)
1× Concurso de triplas (2001)
Información en nba.com

É un dos mellores triplistas da historia da NBA, sendo tan só superado en triplas anotadas polo antigo xogador dos Indiana Pacers Reggie Miller. Foi nove veces All-Star e gañou o ouro olímpico con Estados Unidos nos Xogos Olímpicos de Sidney 2000. A parte do baloncesto, Allen actuou en dúas películas, sendo a máis popular no filme He Got Game, de Spike Lee e a outra Harvard Man.

Traxectoria deportiva editar

Instituto editar

Allen naceu na Base das Forzas Aéreas Castle en Merced, California. Fillo dun militar, pasou a súa infancia entre Saxmundham en Inglaterra, Altus en Oklahoma, Rosamond en California e Alemaña. Allen xogou ao baloncesto no Instituto Hillcrest en Dalzell, Carolina do Sur, conseguindo ser campión estatal co seu equipo.

Universidade editar

Allen foi unha estrela na Universidade de Connecticut dende 1993 até 1996. Na súa tempada debut na 1993-94, Allen asinou 12,6 puntos, incluído un 40,2 % en triplas, e 4,6 rebotes de media. Como "sophomore", durante a tempada 1994-95, foi incluído no Terceiro Quinteto All-American, logrando tamén ser nomeado Xogador de Baloncesto do Ano en Estados Unidos en 1995, tras ser as súas medias de 21,1 puntos (44,5 % en triplos), 6,8 rebotes e 2.,3 asistencias. Na súa seguinte e última campaña foi seleccionado no Mellor Quinteto do All-American, recibindo o premio ao mellor xogador da Big East Conference. Os seus números ese ano foron de 23,4 puntos (cun 46,6 % en triplas), 6,5 rebotes e 3,3 asistencias.

Allen finalizou a súa carreira nos Huskies como o terceiro máximo anotador da súa historia, con 1.922 puntos, estabelecendo un récord de 115 triplas nunha tempada (1995-96). Ademais Allen converteuse no primeiro xogador de UConn que foi nomeado co recoñecemento All-America durante dous anos consecutivos. O 5 de febreiro de 2007 a súa camiseta foi retirada no pavillón Gampel Pavilion da Universidade de Connecticut, durante o descanso do encontro que lles enfrontaba a Syracuse Orange.

NBA editar

Milwaukee Bucks editar

Allen foi elixido por Minnesota Timberwolves en quinta posición do draft de 1996. Tras ser elixido, foi traspasado xunto con Andrew Lang a Milwaukee Bucks polos dereitos de Stephon Marbury, elixido previamente na cuarta posición. Na súa tempada como rookie gozou do protagonismo esperado. Foi titular en 81 dos 82 partidos que disputou cunha media de 13,4 puntos, cun 39,3 % en triplos, 4 rebotes e 2,6 asistencias. Allen competiu no Concurso de Mates de 1997, no que dende Paul Pressey en 1986, os Bucks non tiñan representación. Tamén participou no partido de Rookies, anotando 8 puntos. Foi nomeado no Segundo Mellor Quinteto de Rookies desa tempada.

Un ano máis tarde, na tempada 1997-98, Allen mellorou considerablemente as súas prestacións: 19,5 puntos, 4,9 rebotes e 4,3 asistencias. Sendo un dos seus mellores encontros aquela tempada os 40 puntos e 10 rebotes que endosou a Minnesota Timberwolves. Na tempada 1998-99 liderou aos Bucks a clasificarse para playoffs, onde caeron fronte a Indiana Pacers por 3-0. Os seus números durante a liga regular deste ano foron peores que os da tempada pasada, quedánose en 17,1 puntos, 4,2 rebotes e 3,6 asistencias. Con todo, Allen mellorou as súas prestacións en playoffs para irse até os 22,3 puntos, 7,3 rebotes e 4,3 asistencias. Na 1999-00, Allen estreouse no All-Star, onde asinou 14 puntos, participando tamén no concurso de triplas onde acabou terceiro. Con todo, Milwaukee volveu caer en primeira rolda fronte a Indiana Pacers. Ese ano fixo 22,1 puntos por partido, a súa cifra máis alta na etapa en Milwaukee. En verán, Allen participara coa selección de Estados Unidos no Torneo das Américas en Porto Rico.

A campaña 2000-01 foi unha das mellores na carreira de Allen, sendo especialmente lembrada polos afeccionados dos Bucks. Adestrados por George Karl, Milwaukee xuntou un dos mellores equipos da súa historia, co seu "Big Three" formado por Sam Cassell, Glenn Robinson e o propio Allen, acadando as Finais de Conferencia, onde caeron fronte a Philadelphia 76ers por 4-3. Allen tivo unha media en liga regular de 22 puntos (cun espectacular 43,3 % en triplas), 5,2 rebotes e 4,6 asistencias. Mellores números aínda tivo en playoffs, ao asinar 25,1 puntos, cunhas porcentaxes de tiro de 47,9 % en triplos e 91,9 % en tiros libres, 4,1 rebotes e 6 asistencias.

En 2001 tamén foi All-Star, gañando ademais o concurso de triplas. Tamén foi nomeado Xogador da Semana na NBA do 4 ao 9 de abril tras asinar números de 30 puntos, 4 rebotes e 5 asistencias. Este ano tamén conseguiu o primeiro triplo-dobre da súa carreira, fronte a Boston Celtics, con 20 puntos, 10 rebotes e 11 asistencias. Ray Allen continuou a súa excelente recha de partidos xogados, seguindo sen perderse ningún partido dende que debutou na liga. Para rematar, foi incluído no Terceiro Quinteto da tempada. Na tempada 2001-02, os Bucks quedaron fóra de playoffs. Allen volveu ser All-Star por terceiro ano consecutivo, anotando 15 puntos no choque. O máis destacado da súa tempada foron os 400 partidos consecutivos que asinou, incluíndo 388 de titular, a mellor serie da NBA. Porén, unha tendinite no seu xeonllo esquerdo obrigoulle a perderse o seu primeiro partido dende que chegara á liga. Recibiu o Xogador da Semana dúas veces ao longo da tempada. Finalizou a campaña coa súa marca persoal en porcentaxe de triplos cun 43,4 de acerto.

Seattle Supersonics editar

 
Ray Allen na súa etapa con Seattle SuperSonics.

A tempada 2002-03 supuxo a última cos Bucks. A franquía de Wisconsin traspasouno xunto a Kevin Ollie, Ronald Murray e unha primeira rolda condicionada do draft de 2003 a Seattle SuperSonics a cambio de Gary Payton e Desmond Mason. Tras o cambio, o xogo de Allen mesmo incrementou de nivel, sendo nomeado para o Segundo Mellor Quinteto da NBA en 2005. Con todo, por primeira vez despois de tres anos consecutivos, perdíase o All-Star. Ese ano tamén foi designado como Xogador Máis Deportivo da NBA e unha vez Xogador da Semana da Conferencia Oeste tras facer 28,3 puntos, 7,5 asistencias e 6 rebotes nunha semana onde os Sonics lograron un balance de 4-0. O seu debut en Seattle saldouse con 26 punto, 13 rebotes e 9 asistencias, rozando o triplo dobre na derrota ante Los Angeles Lakers. Ningunha lenda dos Sonics tivo un debut tan soado. As súas medias en Seattle foron de 24,5 puntos, 5,6 rebotes e 5,9 asistencias, ademais de ter un 92% en tiros libres. Nesta campaña alcanzou as 1.000 triplas.

Tanto na anterior campaña como na 2003-04, Seattle non se clasificou aos Playoffs. Allen volvía ao All-Star, ao que seguiría acudindo consecutivamente até 2009. Ese ano tivo unha media de 23 puntos, 5,1 rebotes e 4,8 asistencias. Na tempada 2004-05 gozou da súa única tempada en Playoffs cos Sonics. O equipo alcanzou as Semifinais de Conferencia, onde caeron ante San Antonio Spurs. Os seus números en postempada foron de 26,5 puntos, 4,3 rebotes e 3,9 asistencias. En agosto de 2005 foi renovado por Seattle cun contrato de cinco anos a razón de 80 millóns de dólares. A tempada 2005-06 e tempada 2006-07 foron as máis destacadas de Allen na súa carreira deportiva no que se refire a puntos por partido, con 25,1 e 26,4 puntos, respectivamente. O 13 de xaneiro de 2006, foi suspendido pola NBA con tres partidos por unha pelexa con Keyon Dooling. O 12 de marzo de 2006, Allen converteuse no 97º xogador da historia da NBA que anota 15.000 puntos. O 7 de abril de 2006, Allen logrou colocarse na segunda praza na lista de máis triplas convertidos de todos os tempos tras un partido ante Portland Trail Blazers, só por detrás do lendario Reggie Miller. O 19 de abril de 2006, ante Denver Nuggets, Allen rompeu a marca de Dennis Scott de máis triplas anotadas nunha tempada, coas súas 268. Ao final do encontro, recibiu unha grande ovación do seu público. Na 2006-07 asinou o seu mellor partido en anotación tras anotar 54 puntos fronte a Utah Jazz, a segunda marca máis alta da historia dos Sonics, detrás dos 58 puntos de Fred Brown en 1974.

Boston Celtics editar

O 28 de xuño de 2007 Seattle SuperSonics traspasou a Ray Allen e os dereitos de Glen Davis a Boston Celtics a cambio de Delonte West, Wally Szczerbiak e os dereitos de Jeff Green, equipo no que lograría máis tarde o seu primeiro anel de campión. Nun equipo infestado de estrelas e acompañado de Kevin Garnett e Paul Pierce, formou unha sociedade clave para devolver aos Celtics á elite despois de 22 anos. Allen fixo en tempada regular 17,4 puntos, 3,7 rebotes e 3,1 asistencias. A pesar de mostrarse desacertado nos primeiros compases de Playoffs, a súa participación foi decisiva na Final da NBA, fronte a Los Angeles Lakers, con grandes actuacións no 4º e especialmente no 6º partido. Tamén conseguiría o récord de triplas anotadas nunhas Finais NBA con 22, e o récord de triplas nun só partido da final con 7, na vitoria de Celtics a Lakers por 131-92. As súas medias na Final foron de 20,3 puntos e 5 rebotes por partido, así como unha porcentaxe do 50,7 % en tiros de campo.

Na seguinte tempada, Ray mellorou a súa media anotadora en tempada regular anotando 19,3 puntos por partido e estabelecendo unha marca da franquía en porcentaxe de tiros libres co 95,6 %. En postempada protagonizou unha gran serie ante os Chicago Bulls chegando ha anotar 51 puntos no sexto partido e estabelecendo un novo récord para a franquía anotando 9 tripes no partido. O 28 de marzo de 2008 foi elixido o terceiro dos vinte máis grandes xogadores da historia de Milwaukee Bucks no seu 40 Aniversario, detrás de Kareem Abdul-Jabbar e Oscar Robertson. O 10 de decembro do 2009 nun partido ante os Washington Wizards Allen anotou 18 puntos, superando os 20 000 na súa carreira e sendo o xogador número trinta e tres na historia da NBA en conseguilo. Tan só cinco xogadores activos nese intre lograran a marca: Shaquille O'Neal, Allen Iverson, Kevin Garnett, Kobe Bryant e Dirk Nowitzki.

Miami Heat editar

O 6 de xullo de 2012, anunciouse un acordo entre Allen e os Miami Heat. Ata o 11 de xullo non se uniu oficialmente ó equipo.[1]

Notas editar

  1. "Allen decides to leave Celtics, joins Heat". Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2012. Consultado o 07 de xullo de 2012. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar