Rato mouro

especie silvestre de rato

O rato mouro (Mus spretus) é unha especie silvestre de rato estreitamente relacionada co rato doméstico, nativa de hábitats abertos do Mediterráneo occidental, chegando a encontrarse en Galicia.

Rato mouro
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Rodentia
Familia: Muridae
Xénero: Mus
Especie: Mus spretus
Mapa de distribución de Mus spretus.
Mapa de distribución de Mus spretus.

Mapa de distribución de Mus spretus.
Subespecies

Mus spretus spretus
Mus spretus parvus

Sinonimia

Mus spicilegus spretus

Descrición editar

O rato mouro ten un aspecto que lembra moito o rato doméstico e pode ser distinguido desa especie principalmente polo seu rabo máis curto. Ten un pelame amarronado en case todo o corpo, coas partes inferiores brancas ou beixes. A lonxitude da cabeza ao corpo vai de 7,9 a 9,3 cm cun rabo de 5,9 a 7,3 cm e un peso corporal de 15 a 19 g.[2]

Distribución e hábitat editar

Habita no suroeste de Europa e a costa mediterránea occidental africana. Encóntrase en todo o Portugal continental e en case toda España excepto nas partes máis ao norte (pero está incluído na lista dos mamíferos de Galicia). A súa área de distribución esténdese ao leste dos Pireneos ata o sur de Francia, onde se encontra nas rexións do sueste arredor de Tolosa e sobe polo val do Ródano ata Valence. Tamén se encontra nas illas Baleares. En África, encóntrase no Maghreb (Marrocos, Alxeria, Tunisia), e no oeste de Libia (e unha pequena poboación na costa leste de Libia), sempre ao norte do deserto do Sáhara.[1]

Prefire os terreos abertos, evita os bosques densos e atópase máis comunmente en praderías temperadas, terras de cultivo e xardíns rurais. Pode encontrarse tipicamente en áreas de pradería e zonas arbustivas abertas, onde os arbustos e as herbas altas poden axudarlle a ocultarse dos predadores, pero á vez teñen moito campo aberto. Aínda que é considerado unha especie completamente silvestre e evita os humanos, pode encontrarse ocasionalmente en edificios abandonados.[2]

Comportamento e ecoloxía editar

É principalmente nocturno. É un omnívoro oportunista, que se alimenta principalmente de sementes de plantas herbáceas, froitas e insectos. Informouse que necesita beber só dous terzos do volume de auga que require o rato doméstico. Como é un pequeno mamífero non especializado é depredado por bufos, mamíferos carnívoros e serpes.[2]

Os machos adultos teñen un terrotirio duns 340 m2, que se solapa cos das femias veciñas, pero non cos doutros machos.[3] Aínda que defenden polo menos as zonas centrais do seu territorio doutros ratos, son menos agresivos que o rato doméstico, establecéndose a dominancia por medio dun comportamento ritual antes que pola violencia.[4] Informouse que limpa as súas propias feces das áreas que regularmente habita ou usa, collendo as deposicións coa boca ou empurrándoas polo chan co fociño. Este comportamento hixiénico é notablemente diferente do que segue o estreitamente emparentdo rato doméstico.[5]

Reprodución editar

Reprodúcese durante nove meses do ano, pero é sexualmente inactivo de novembro a xaneiro. Aínda que poden reproducirse en calquera outro mes menos os indicados, teñen dúas estacións reprodutoras durante as cales son especialmente activos. En abril e maio os adultos que sobreviviron do ano anterior producen unha nova xeración de ratos, despois eles e os seus descendentes xa crecidos procrean outra vez durante un segundo pico reprodutor entre agosto e setembro. A xestación dura de 19 a 20 días, e como resultado nacen de 2 a 10 crías (de media 5) cegas e espidas.[2]

As crías empezan a desenvolver o pelo aos dous a catro días, as súas orellas ábrense aos tres a cinco días, e os ollos abren aos 12 a 14. As crías empezan a comer alimento sólido axiña que poden ver, pero non son completamente destetados ata as tres ou cato semanas, abandonando o niño pouco despois. Chegan ao tamaño plenamente adulto ás oito ou nove semanas, momento no que son sexualmente maduros. Informouse que viven uns 15 meses.[2]

Hibridación editar

O biólogo Michael Kohn da Universidade Rice de Houston, Texas estudou a resistencia dos ratos á warfarina nunha panadaría alemá. O estudo xenético revelou que o suposto rato doméstico tiña unha cantidade significativa de ADN do rato mouro nos seus cromosomas e un xene (VKOR, que se cre que apareceu primeiro en Mus spretus e que se perpetuou porque axudou ao rato a sobrevivir ao comer dietas deficientes en vitamina K) que lle dá resistencia á warfarina. O descubrimento pénsase que ten importtancia evolutiva porque este caso foi a primeira vez que se viu que unha hibridación ten unha consecuencia claramente positiva.[6][7]

Taxonomía e evolución editar

As cinco[8] especies europeas recoñecidas do xénero Mus son nativas de Europa (pero non está tan claro no caso do rato mouo). M. musculus é o rato doméstico, que habita principalmente nas moradas humanas e outras estruturas, aínda que pode ocasionalmente tornar á natureza silvestre xerando unha poboación feral. O rato mouro é unha das outras tres especies; aínda que as súas relacións exactas co rato doméstico non están claras, pode representar a diverxencia evolutiva máis antiga dentro deste grupo.[9]

En calquera caso, están emparentados de forma o suficientemente estreita como para que o macho do rato doméstico poida reproducirse cunha femia de rato mouro e produciren descendencia viable, aínda que isto só foi observado en catividade, e non parece que aconteza na natureza, quizais porque viven en diferentes hábitats. Os machos híbridos resultantes destas unións son estériles, pero as femias híbridas non. Ao contrario, o rato mouro non se reproduce cunha femia de rato doméstico, á cal aparta violentamente.[2]

Os fósiles máis antigos da especie datan de hai 40 000 anos e foron atopados en Marrocos.[2] Xunto coas evidencia da diversidade xenética moderna, isto suxire que a especie se orixinou prinmerio en África, e só máis tarde emigrou a Europa, quizais coa expansión das terras dedicadas á agricultura no continente durante o Neolítico.[10]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 {{{assessors}}} (2008). "Mus spretus". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 23 de abril de 2011. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Palomo, L.J.; et al. (2009). "Mus spretus (Rodentia:Muridae)". Mammalian Species 840: 1–10. doi:10.1644/840.1. 
  3. Gray, S.J.; et al. (1998). "Microhabitat and spatial dispersion of the grassland mouse (Mus spretus Lataste)". Journal of Zoology 246 (3): 299–308. doi:10.1111/j.1469-7998.1998.tb00160.x. 
  4. Hurst, J.L.; et al. (1997). "Social interaction alters attraction to competitor's odour in the mouse Mus spretus Lataste". Animal Behaviour 54 (4): 941–953. doi:10.1006/anbe.1997.0515. 
  5. Hurst, J.L.; Smith, J. (1995). "Mus spretus Lataste: a hygienic house mouse?". Animal Behaviour 49 (3): 827–834. doi:10.1016/0003-3472(95)80214-2. 
  6. "Freaky' Mouse Is Immune to Poison : Discovery News". Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2012. Consultado o 09 de agosto de 2018. 
  7. "'Bastard' Mouse Steals Poison-Resistance Gene - ScienceNOW". Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2011. Consultado o 09 de agosto de 2018. 
  8. Fauna Europaea Mus
  9. Lundrigan, B.L.; et al. (2002). "Phylogenetic relationships in the genus Mus, based on paternally, maternally and biparentally inherited characters". Systematic Biology 51 (3): 410–431. PMID 12079642. doi:10.1080/10635150290069878. 
  10. Gippoliti, S.; Amori, G. (2006). "Ancient introductions of mammals in the Mediterranean Basin and their implications for conservation". Mammal Review 36 (1): 37–48. doi:10.1111/j.1365-2907.2006.00081.x.