Ramón Pedro Francisco Plá Monge[1], coñecido como Ramón Plá Monge[2], nado en Ferrol o 19 de outubro de 1823 e finado o 6 de setembro de 1892 en Madrid, foi un empresario galego do século XIX, nomeado marqués de Amboage[3].

Ramón Plá Monge
Nome completoRamón Plá y Monge
Nacemento19 de outubro de 1823
Lugar de nacementoFerrol
Falecemento6 de setembro de 1892
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspañol
OcupaciónEmpresario
FillosFernando Pla Peñalver
Coñecido porMarqués de Amboage
PremiosGran Cruz da Orde de Isabel a Católica
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

 
Fachada do edificio de Seguros La Aurora, antiga casa-palacio de Ramón Pla Monge en Madrid, no nº 4 do Paseo de Recoletos.

De familia acomodada, fillo de Félix Plá Pulles e de Ramona Monge Amboage[3], casou con Faustina Peñalver, coa que tivo dous fillos. Na súa xuventude marchou a Cuba, onde creou un negocio de ferraxería, a Compañía de Gas da Habana e a súa homóloga en Matanzas[3]. De volta en Ferrol obtivo o título de Marqués de Amboage (o 21 de xuño de 1884), a gran cruz de Isabel a Católica e a praza de conselleiro do Banco Hipotecario de España.

Fundación Marqués de Amboage editar

Trala morte do seu primeiro fillo o 13 de xullo de 1891 nun accidente militar, decidiu en 1892 dedicar un terzo da súa fortuna á fundación hoxe coñecida como Fundación Ramón Plá Marqués de Amboage. Esta tiña como fins "distribuír tódolos anos, entre cen pobres verdadeiramente necesitados, veciños ou que residan habitualmente na cidade de Ferrol, a suma de cinco mil pesetas en metálico" nun repartimento que se facía o 31 de agosto, día de San Ramón, dando a cada pobre a esmola de 50 pesetas.

Ademais tamén pagaba a familias pobres as 1.500 pesetas que custaba a excedencia do servizo militar. Esta axuda evitou que moitos ferroláns loitasen na guerra de Cuba e que familias campesiñas tivesen que prescindir da axuda dos seus fillos durante os dous anos de servizo. Máis tarde prohibiuse a exención, pero seguíronse repartindo as 1.500 pesetas entre os mozos que reunían unha serie de requisitos, como ser traballadores e ter a folla de servizo limpa.

A fundación dispuña dun capital a partir de cuxas rendas se subvencionaba a súa actividade. Os fondos sobrantes deberían distribuírse, por partes iguais, entre os establecementos benéficos da cidade.

Recoñecemento editar

O Concello de Ferrol, decidiu darlle o seu nome á praza de Dores e dedicarlle unha estatua. En 1895 fundouse a sociedade "Gratitude ó Marqués de Amboage", para celebrar tódolos anos unha misa e festas na súa honra, no día do seu santo. Dentro destes actos realízase unha procesión que sae da Concatedral de San Xiao ata a praza que recibe o seu nome para depositar unha coroa de flores e celebrar os famosos fogos de artificio.[3]

Notas editar

  1. Entrada do Marqués de Amboage no blog Títulos Nobiliarios Pontificios. (en castelán)
  2. Tamén grafado como Ramón Plá Monje.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Burgoa, J.J. (31 de agosto de 2014). Galicia Ártabra, ed. "Ramón Plá y Monge. Marqués de Amboage y filántropo. (extracto do libro "Vida y obra de un emigrante ferrolano")". Consultado o 5 de xullo de 2016.