O río Senegal está na África occidental, e ten unha lonxitude de 1.430 km. Flúe desde a Guinea e baña Malí, a Mauritania e o Senegal, facendo de fronteira entre estes dous últimos países, antes de desaugar no océano Atlántico en Saint-Louis.

Senegal
O río Senegal preto da súa desembocadura en Saint Louis, Senegal.
PaísGuinea, Malí, Senegal, Mauritania
NacementoAltiplano do Fouta Djalon
Lonxitude1430 km
Conca337.000 km²
Caudal medio640 m³/s
DesembocaduraOcéano Atlántico
Conca do río Senegal
O río Senegal desde o aire preto de Saint-Louis

Percorrido editar

O río Senegal fórmase, de feito, en Bafoulabé, en Malí, pola confluencia de dous cursos de auga que baixan desde o macizo do Fouta Djalon, o Bafing e o Bakoye (acrecentado co Baoulé). O Bafing é considerado como a rama-nai do río, vindo desde a Guinea, onde nace a 750 metros de altura, e engádelle 344 km máis ao Senegal (sen el o seu curso é só de 1.086 km).

Afluentes e conca editar

Pola beira esquerda recibe o río Falémé, que é o seu principal tributario, e que serve de fronteira entre Malí e o Senegal. Pola beira dereita recolle augas do Colombiné, do Karakoro, do Ghorfa e do Gorgol, que máis que ríos son wadis.

A conca do río cobre uns 337.000 km², espallándose por catro estados. Adoitan diferenciarse tres rexións nela: a cunca alta, até Bakel (localidade do Senegal, preto da fronteira con Malí); o val entre Bakel e Saint-Louis (816 km) e, por último, o delta.

Réxime fluvial editar

O Senegal é un río de réxime moi irregular. O seu caudal medio, na foz, é de 640 m³/s, pero pode chegar a oscilar entre 3 m³/s, no período de estiaxe, e 5.000 m³/s nos períodos de cheas. Os máximos de caudal ocorren durante o verán, entre xullo e outubro; a estiaxe entre febreiro e marzo. Durante a estación seca as augas poden baixar tanto que é posíbel vadealo a pé.

Navegabilidade editar

 
O río Senegal nos arredores de Kanel

Polo normal é navegábel, en calquera estación do ano, durante uns 175 km, desde a foz até Podor, e na época da estación de choivas, con augas altas, nuns tres meses, pódese navegar até Kayes, a 975 km da desembocadura.

 
O río na altura da cidade de Dramané, Malí)

Institucións internacionais editar

Desde 1972, tres dos estados ribeiráns do río Senegal (Malí, Mauritania e o Senegal) están agrupados na OMVS (Organisation pour la Mise en Valeur du fleuve Sénégal: Organización de posta en valor do río Senegal) para impulsar a cunca e explotar racionalmente os seus recursos (enerxía, navegación, regadío etc).

Véxase tamén editar