Río Ilí

río da Asia Central

Coordenadas: 45°24′00″N 74°08′00″L / 45.40000, -74.13333

O río Ilí (en casaco, Іле, İle; en ruso, Или Yly; en chinés 伊犁河; en pinyin Yīlí Hé; en uigur ئىلى دەرياسى Ili deryasi) é un longo río endorreico da Asia Central, o principal afluente do lago Balkhash, que discorre pola parte noroeste da República Popular da China e polo sueste de Casaquistán.

Río Ilí
Vista do río Ilí
País China
Casaquistán
RexiónXinjiang (China)
Provincia de Almati (Casaquistán)
NacementoConfluencia dos ríos Tekes e Kunges
Altitude3 540 m
Lonxitude1 439 km
Conca140 000 km²
Caudal medios/d
DesembocaduraLago Balkhash
Altitude desembocaduras/d
Cadea fluvialríos Kax e Charyn
Localización do río Ilí na conca do lago Balkhash

Ten unha lonxitude de 1 439 km —dos que 815 corresponde a Casaquistán— e drena unha gran conca de 140 000 km². As súas augas empréganse para usos humanos e isto reduciu o seu caudal de forma considerábel.

Xeografía editar

O río ilí nace na China, na prefectura autónoma casaca de Ilí, no Xinjiang, da confluencia das súas dúas fontes, os ríos Tekes e Kunges (ou Künes), que nacen na vertente oriental da cordillera Tian Shan.

 
O lago Balkhash co delta do Ilí.

O río discorre en dirección oeste até entrar en Casaquistán e, tras virar caraa o noroeste, desemboca no lago Balkhash, na provincia de Almati.

Na súa desembocadura forma un gran delta fluvial, de aproximadamente 1 800 km², que constitúe unha vasta rexión de zonas húmidas, lagos, pantanos e vexetación de matogueiras.

Afluentes editar

Os seus principais afluentes, ademais das súas fontes, son os ríos Kax e o Charýn (ou Sharýn), famoso polo seu Parque Nacional do Canón de Charýn.

Na zona chinesa editar

 
Mapa das bases militares dos Qing na rexión do Ilí, ca. 1809.

A parte superior do val do Ilí está separada da conca de Zungaria, no norte, polas montañas de Borohoro, e da conca do Tarim, no sur, pola cadea principal da cordilleira de Tian Shan. Esta rexión foi o baluarte da dinastía Qing na administración de Xinjiang, a finais do século XVIII e durante o século XIX.

Foi ocupada polo imperio Ruso desde 1871 até 1881, é dicir, desde a rebelión de Yaqub Beg até o tratado de San Petersburgo. Na actualidade, a rexión forma parte da prefectura autónoma casaca de Ilí da rexión autónoma uigur de Xinjiang.

A principal cidade da rexión, Goulja (ou Yining), encóntrase no lado norte do río, a uns 100 km augas arriba da fronteira internacional. Até o ano 1900, a cidade era coñecida comunmente co mesmo nome que o do río (伊犁, pinyin: Yili; Wade-Giles: Ili).

No lado sur, aínda máis cerca da fronteira internacional, encóntrase o condado autónomo xibe de Qapqal, que é o fogar de moitos xibe que foron reasentados nesta zona fronteiriza no século XVIII como parte da gornición manchú.

Na zona casaca editar

A rexión de Casaquistán drenada polo Ilí e os seus afluentes coñécese neste país como Zhetysu ("Sete Ríos") e en ruso como Semirechye (que significa o mesmo).

A central hidroeléctrica de Kapchagáy construíuse entre 1965 e 1970,[1] preto da cidae de Kapchagáy, no curso medio do río Ilí, formando o encoro de Kapchagay, un gran lago artificial de 110 km de longo localizado ao norte da cidade de Almati.

No lugar de Tamgaly-Tas, a uns 20 km augas abaixo do río Ilí, desciubríronse petróglifos. O nome Tamgaly, en casaco, significa 'pintado' ou 'lugar marcado', e Tas, 'pedra'.

Historia editar

O río Ilí deu o seu nome o tratado do río Ilí de 638, que formalizou a división do khaganato turco occidental (552-638) en Nushibi e Tou lou, onde se estableceu que o río Ilí sería a fronteira entre ambos os estados.[2]

 
Os zúngaros réndense aos manchús en 1755.

O 16 de xaneiro de 1711, 200 000 mongois torghut (en mongol Торгууд, "os da seda"), tribo mongol, o principal grupo dos catro oirates, que formaran un khanato calmuco na rexión do baixo Volga, ao norte do mar Caspio, fuxiron da opresión do tsar do imperio Ruso. Logo dunha longa viaxe a través dos desertos da Asia Central, chegaron 60 000 deles ao val do Ilí,[3][4] a rexión que deixaran un século antes polas tensións que houbera entre as diferentes tribos mongois.

En 1755, o xeneral mongol Bandi, guiado por Amursana en nome do emperador manchú da dinastía Qing, deixou Barkul e marchou sobre Ilí. Alí construíronse cidades e os agricultores animáronse a cultivar ao norte das montañas de Tian Shan (as "montañas celestiais").[5] Os zúngaros rendénronse aos exércitos chineses dos Qing, nas ribeiras do río Ilí.

O 6 de agosto de 1851, a China imperial da manchú dinastía Qing (1644-1912), asinou en Yining, co Imperio ruso (1721-1917), o tratado de Goulja.

En 1962, contra o final do Gran Salto Adiante de Mao Tsé-Tung, máis de 60 000 habitantes deixaron a prefectura para a maracharen á URSS.[6]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Kezer K. & Matsuyama, H. (2006): "Decrease of river runoff in the Lake Balkhash basin in Central Asia". Hydrological Processes 20 (6): 1407-1423.
  2. Zuev, Y. L. (2004): The strongest tribe. Almati, pp. 55-56.
  3. 土尔扈特部落史 Prfectura autónoma mongol de Bayin'gholin 巴音郭楞蒙古自治州 — Historia da tribo dos Dorbets Arquivado 12 de setembro de 2008 en Wayback Machine..
  4. Grousset 1965, pp. 644-661.
  5. Ram Rahul (2000). March of Central Asia. Nova Delhi: Indus Publishing. ISBN 978-8-1738-7109-2. 
  6. Yang Jisheng (2012): Stèles. La Grande famine en Chine, (1958-1961). Paris: Éditions du Seuil. ISBN 978-2-0210-3015-0, p. 563.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar