O Guadalete é un río español que corre pola provincia de Cádiz, en Andalucía. Rende as súas augas directamente no océano Atlántico, logo de 138 km de percorrido.

Río Guadalete
Desembocadura do Guadalete en Puerto de Santa María
PaísEspaña
NacementoSerra de Grazalema
Altitude1.000 msmn
Lonxitude138 km
DesembocaduraBaía de Cádiz (océano Atlántico)
O río Guadalete sitúase no oeste de Andalucía

Percorrido editar

O Guadalete nace na serra de Grazalema, no Cerro de San Cristóbal, a unha altura de aproximada de 1000 m. Inicialmente as súas augas toman un sentido noroeste, mais ao pouco de recibir o Guadaporcín, emprende un decidido camiño cara suroeste, para abandonar logo as montañas en Puerto Serrano, topónimo significativo, e entrar na grande chaira da cunca baixa do Guadalquivir. Ao longo do seu curso pasa por algunhas das localidades coñecidos como "poboacións brancas" de Andalucía como Algodonales, Bornos ou Arcos de la Frontera. Desauga en Puerto de Santa María, na baía de Cádiz.

Afluentes editar

Réxime editar

É un río de réxime pluvial, pero con caudal abundante ao recoller as augas das abundantes chuvias da serra de Grazalema, unha das paraxes con maior pluviosidade de España.

Historia editar

O río é famoso historicamente por contender nas beiras, na batalla do Guadalete, no ano 711, as tropas árabes, ao mando de Tariq, co exército visigodo, ao que derrotaron, abrindo a vía para a conquista musulmá de Hispania en poucos anos. Porén algúns historiadores sosteñen que o choque tivo lugar na lagoa da Janda.

Toponimia editar

O primeiro elemento é facilmente identificábel co árabe wadi "corrente de auga"; o segundo permanece escuro, e só o lexicógrafo portugués José Pedro Machado (Vocabulario portugués de origem árabe. 1991) se atreve a comparalo co nome do luso Odeleite (ode- < wadi), e ambos co marroquino Wad-al-Laban, literalmente "río do leite", preto da cidade de Fez. Implicitamente Machado da a entender que Guadalete e Odeleite serían híbridos árabo-romances, o que non é raro, cfr. Guadalupe. As explicación de -lete, como o mítico Letheo ou "río do esquecemento" son a típica invención de eruditos da Idade Moderna, elaboradas nunha época precientífica da Filoloxía.