Río Almofrei

curso fluvial galego

O río Almofrei é un pequeno río galego que flúe na provincia de Pontevedra. É afluente, pola beira esquerda, do río Lérez e a súa lonxitude é de aproximadamente 26 km, o que o converten no máis longo dos seus tributarios.

Río Almofrei
O Almofrei pasando baixo unha ponte de Borela
PaísGalicia Galicia
NacementoMontes do Seixo
Lonxitude26 km
Conca77,5 km²
Caudal medio3,58 m³/s
DesembocaduraRío Lérez
Ponte en Bora, preto da súa desembocadura

Étimo editar

A denominación do río está vinculada ao lugar e parroquia de Almofrei (Cerdedo-Cotobade), que bañan as súas augas, de xeito que ben expresado o seu nome sería "río de Almofrei", o que é bastante característico na denominación de numerosos ríos menores. Á súa vez o nome da parroquia é de orixe xermánica dun posesor, seguramente altomedieval, con nome gótico latinizado, Ermaufredus, que polo xenitivo, Ermaufredi, pasou por evolución ao galego Almofrei.[Cómpre referencia]

Outros autores falan dunha orixe árabe da palabra,[1] que conservaría en galego o significado de funda na que se leva a cama de viaxe.[2]

Descrición editar

Fontes editar

O Almofrei nace preto do lugar de Fraguas, na freguesía de Santiago de Caroi, dentro do concello de Cerdedo-Cotobade, por debaixo do monte Seixo, que está xa no municipio da Lama, a uns 671 msnm.

Percorrido editar

Logo do seu nacemento e ao longo do seu curso atravesa outras das freguesías de Cerdedo-Cotobade: Corredoira, Loureiro, Carballedo, Rebordelo, Borela e Almofrei, que é a que lle empresta o seu nome ao río. Pouco despois de pasar por esta, entra na parroquia de Bora, xa do concello de Pontevedra, para moi logo desaugar no río Lérez á altura do lugar de Ponte Bora. O sentido xeral do percurso do río é de NO a SE.

Afluentes editar

Os afluentes do Almofrei son pequenos regatos de escaso desenvolvemento lonxitudinal. Pola dereita salientan o rego da Pereira, o rego de Chan das Latas e o rego do Pego. Pola esquerda, o rego de Borela, no curso medio xa, é o máis importante.

Réxime hídrico editar

O Almofrei é un típico río de réxime hídrico pluvial de tipo oceánico, consonte coas características da súa conca, que segundo a altura recolle anualmente entre 1.500 mm e máis de 2.000 mm. A súa bacía esténdese sobre 77,5 km² e o seu caudal medio é de 3,58 m³/s.

Intervención humana editar

Construcións editar

Ó longo do seu percorrido hai un bo número de muíños, un batán, e praias e piscinas fluviais.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Reinhart, P. A. D.; Engelmann, W. A. Glossaire des mots espagnols et portugais derives de l'arabe. Brill Archive, 1982.
  2. Rodríguez González, E. Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Editorial Galaxia, 2001. ISBN 84-8288-428-X, 9788482884288.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar