Queimada

bebida alcohólica tradicional galega

A queimada (de queimar, que se supón que evolucionou a partir dunha forma hispánica *caimare, alteración do latín cremare)[1] é unha bebida alcohólica tradicional galega propia da súa gastronomía. Elabórase a base de augardente queimada, con azucre, grans de café e limón. Atribúenselle facultades curativas,[2][3] asemade, o seu consumo está rodeado de tradicións: mentres se elabora pronúnciase un conxuro para protexer contra meigallos e para escorrentar os espíritos e demais seres malvados de quen a bebe.

Queimada ardendo.

Tradición editar

O ritual da preparación está dirixido a afastar os malos espíritos e as meigas que, segundo a tradición, asexan os homes e mulleres para tentar maldicilos, ben sexa por diversión, por vinganza ou por calquera outro motivo. Calquera ocasión é boa para realizar unha queimada: unha festa, reunións familiares ou de amigos. Tras a cea, na escuridade da noite (que é un dos mellores momentos para realizala), os comensais reúnense arredor do pote no que se elabora, preferibelmente coas luces apagadas, para animar os corazóns e estreitar os lazos de amizade. Un deles encárgase de darlle o toque final erguendo cun cazo o líquido en chamas e deixándoo caer pouco a pouco no recipiente mentres pronuncia o conxuro, o que crea un ambiente moi especial.

Orixes editar

 
Recipente no que se elabora a queimada.

As orixes da bebida son descoñecidas. Popularmente, á queimada atribúenselle orixes celtas, mais, segundo afirmou en 1972 o catedrático de prehistoria da Universidade de Santiago, Carlos Alonso del Real[4] isto sería imposible, xa que a destilación do augardente en Galicia non pode ser anterior á introdución do alambique (de orixe árabe) a partir do século XII ou XIII, xa na Idade media. Así mesmo, sempre segundo Alonso del Real,[4] o azucre de cana, un dos seus ingredientes fundamentais, tamén o introduciron os árabes na Península Ibérica (a difusión do seu equivalente de remolacha é moi posterior, correspondendo ás Guerras Napoleónicas). Isto levouno a atribuírlle orixes medievais á bebida.

Posteriormente, o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, afirmou[2] que o consumo de augardente (normalmente sen queimar) era habitual na Galicia rural tradicional, onde tiña fama como medicamento contra o catarro e que nun momento dado -que el sitúa ao redor dos anos cincuenta do século XX[2]- galegos residentes no exterior comezaron a tomar esta bebida nas festas ou despois das comidas. En xuntanzas deste tipo xurdiría o costume de acompañar o consumo da queimada de esconxuros compostos ex-profeso para o momento. Este costume espallouse tan axiña que xa no ano 1955 o oleiro mindoniense Tito Freire, creou o recipiente de barro cocido, con forma de tarteira e patas nos que se adoita preparar habitualmente.[2]

Historia do conxuro editar

 
Mariano Marcos Abalo, autor do conxuro, facendo a queimada.

O conxuro ou esconxuro tradicional da queimada foi inventado en Vigo en 1967[5] por Mariano Marcos Abalo para unha festa de xogos florais das moitas que entón tiñan lugar nun barco comisado amarrado no porto da cidade.[6] En 1974 o seu creador engadiulle as referencias a Satán e Belcebú e comezou a representalo na discoteca Fausto da cidade olívica.[6] Por esa mesma época, unha imprenta viguesa comezou a vender copias do esconxuro,[6] inicialmente sen a súa autorización e logo pagando unha peseta por exemplar vendido,[6] o éxito fixo que outras empresas comezasen a vender copias pola súa conta, sen ningunha autorización e sen citar o seu nome, o que pode contribuír á crenza de que o esconxuro era dun autor anónimo. No 2001 Mariano Marcos Abalo decidiu rexistrar a propiedade intelectual do esconxuro.[3]

Ingredientes editar

Os seus ingredientes principais son a augardente e o azucre ós que xeralmente se lles bota tamén casca de limón ou laranxa, uns poucos grans de café sen moer. Á mestura pódenselle engadir cachos de mazá, uvas ou algún outro ingrediente, os cales se engaden de forma independente segundo a tradición da zona.

Preparación editar

Nun pote de barro cocido (hainos especiais para a queimada) bótanse a augardente e o azucre na proporción duns 120 gramos deste por litro daquela, os demais ingredientes e reméxese todo.

Nun recipiente máis pequeno (normalmente o cazo co que se remove) cóllese, á parte, unha pequena cantidade de queimada, sen limón nin café, móllanse os bordos do garfelo coa bebida e préndeselle lume. Cando estea ardendo, métese o cazo no recipiente grande ata que se estenda por toda a superficie. A continuación reméxese lentamente, deixando que suban as lapas do alcohol, creando cascadas con elas. Reméxese ata que se esgota case que todo o alcohol, facendo que a queimada se apague case por si soa, normalmente rematando polos bordos, que non se apagan. É cara ó final deste proceso cando se recita o esconxuro.

A queimada sérvese quente, incluíndo todos os ingredientes.

Conxuro ou esconxuro editar

 
Recitando o conxuro.

Un dos conxuros da queimada foi escrito por Mariano Marcos Abalo en 1967 e revisado en 1974[3], e comeza así:

Mouchos, curuxas, sapos e bruxas.

Demos, trasgos e diaños, [...]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Queimada". Portal das Palabras. Consultado o 15 de agosto de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 González Reboredo, Xosé Manuel (2000). "A construción de referentes de identidade etno-nacional. Algunhas mostras sobre Galicia". Etinicidade e Nacionalismo. Consello da Cultura Galega. ISBN 84-95415-34-8. 
  3. 3,0 3,1 3,2 R. Queimaliños (9 de agosto de 2005). "«El café en la queimada es una copia de los catalanes»". La Voz de Galicia. 
  4. 4,0 4,1 Alonso del Real, Carlos (1972). "Os orixes da queimada. Capítulo programático dun libro en preparación". Grial (35): 74–82. 
  5. "La cita estival de 38 seminaristas". El Correo Gallego. 6 de agosto de 2009. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 B. R. Sotelino (19 de outubro de 2008). "«Se sabe que el conxuro es mío, y eso me basta»". La Voz de Galicia. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar