A protolingua ou lingua reconstruída, é a reconstrución probábel da lingua orixe dun grupo de linguas, sexa unha rama ou unha familia; sobre a base das coincidencias e trazos comúns a dita familia de linguas que non constitúan innovacións ou préstamos.

Dita reconstrución realízase mediante a comparación de linguas ou método comparativo do devandito grupo aplicando os métodos da lingüística histórica. Normalmente o proceso de reconstrución empeza reconstruíndo o nivel fonético-fonolóxico da lingua nai. Isto faise en tres etapas:

  1. Establécense listas de cognados é dicir, palabras con significado idéntico ou moi semellante e que teñen formas fonéticas próximas ou relacionábeis mediante leis fonéticas.
  2. Establécense correlacións regulares entre sons en forma de leis fonéticas.
  3. Para cada correlación regular conxectúrase o fonema ou fonemas que podían ter sido os orixinais na protolingua e que, por diferentes evolucións regulares, deron lugar a diferentes sons (a regularidade da evolución é o que explicaría a ocorrencia de correlacións regulares e leis fonéticas).

Naturalmente, este proceder non pode facer esquecer a existencia de leis fonéticas que relacionan sons ou segmentos moi distintos entre si, como os famosos casos (Meillet) existentes entre o armenio e as restantes linguas indoeuropeas. É máis, este tipo de correspondencias inexplicábeis por mera casualidade son as preferidas polos comparatistas para o seu labor neste apartado, ao igual que en morfoloxía son moi relevantes as irregularidades compartidas.

A reconstrución do nivel morfosintáctico e outros é bastante máis complexo e non é sinxelo sistematizalo nun conxunto de pasos.

É importante entender que habitualmente a reconstrución aplícase a unha lingua que deixou de falarse hai tempo, e xeralmente é descoñecida na súa maioría, é dicir, non existen inscricións ou referencias escritas. Dito proceso de reconstrución pretende conxecturar cal foi o camiño seguido na evolución da lingua, e percorrelo en sentido inverso. Historicamente a primeira protolingua reconstruída foi o protoindoeuropeo ou indoeuropeo, lingua nai que daría lugar ás linguas romances, xermánicas, gregas, eslavas e indoiranias. Isto realizouse a finais do século XIX, e entón o método comparativo adquiriu un carácter plenamente científico (indución + dedución), desde entón fixéronse decenas de reconstrucións doutras protolinguas. Con todo, a reconstrución interna pode e debe ás veces aplicarse ao resultado da comparación (i.e., á protolingua de primeiro grao) ou a diferentes etapas da prehistoria das linguas particulares, non só para descubrir novos procesos ou formas senón para establecer cronoloxías relativas entre estes.

Protolinguas propostas editar