Proteína con áncora lipídica

Unha proteína con áncora lipídica ou proteína ancorada a lípido é unha proteína que está unida covalentemente[1] a lípidos como ácidos graxos como o palmitato ou miristato, que lle serven de áncora para mantela unida á superficie dunha membrana celular. Son exemplos de proteínas deste tipo certas lipoproteínas bacterianas, as proteínas G e certas quinases. Crese que a cadea hidrófoba do ácido graxo que levan se insire na membrana ocupando un lugar entre os lípidos da bicapa lipídica da membrana. Os puntos onde adoitan unirse os lípidos á proteína son xeralmente os extremos amino terminais e as cadeas laterais de residuos de cisteína da proteína.

En xeral, este tipo de modificacións por unión de proteínas destinadas a membranas a lípidos denomínase lipidación. A unión de palmitato ás proteínas denomínase palmitoilación, e a unión de miristato chámase miristoilación. Outro tipo de unións de proteínas e lípidos, neste caso isoprenoides, é a prenilación, na cal o lípido hidrófobo tamén facilita o ancoramento da proteína a membranas. As principais cadeas que se engaden ás proteínas na prenilación son grupos farnesil, xeranil, xeranilxeranil, ou dolicol, todos eles produtos da vía da HMG-CoA redutase ou vía do mevalonato.

Outras áncoras lipídicas son as áncoras GPI de glicosilfosfatidilinositol.

Notas editar

  1. Gerald Karp (2009). Cell and Molecular Biology: Concepts and Experiments. John Wiley and Sons. pp. 128–. ISBN 978-0-470-48337-4. Consultado o 13 November 2010.