Proclamación da República Irlandesa

A Proclamación da República Irlandesa, tamén coñecida como a Proclamación de 1916 ou a Proclamación de Pascua, foi un documento emitido polos Voluntarios Irlandeses e o Exército Cidadán Irlandés durante o Alzamento de Pascua en Irlanda, que comezou o 24 de abril de 1916. Nel, o Consello Militar da Irmandade Republicana Irlandesa, autonomeado como "Goberno Provisional da República Irlandesa", proclamou a independencia do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda. Patrick Pearse leu a proclamación no exterior da Oficina Xeral de Correos da rúa Sackville de Dublín (actualmente chamada rúa O’Connell), feito que marcou o comezo do Alzamento. A declaración inspirouse nunha proclamación de independencia similar que o rebelde irlandés Robert Emmet emitira durante a rebelión irlandesa de 1803.

A proclamación da República Irlandesa.

A toma da Oficina Xeral de Correos editar

Antes de ler a proclamación, Pearse e outros líderes republicanos tomaron a Oficina Xeral de Correos, convertérona no seu cuartel xeral e izaron a nova bandeira da república no mastro do edificio en troques da Union Jack británica. Tamén se izou a bandeira tricolor irlandesa (verde, branca e laranxa) nun mastro situado máis abaixo. A Oficina Xeral de Correos, a Proclamación de Pascua e a bandeira tricolor (que se convertería despois na bandeira oficial da república irlandesa, substituíndo a bandeira verde orixinal) son os tres símbolos máis identificables do Alzamento de Pascua, xunto cos seus líderes, Thomas J. Clarke, Seán Mac Diarmada, Thomas MacDonagh, P. H. Pearse, Éamonn Ceannt, James Connolly e Joseph Plunkett.

O Texto da Proclamación da República Irlandesa editar

Poblacht na h Éireann.[1]

O Goberno Provisional
da
República Irlandesa
Ao pobo de Irlanda.

IRLANDESES E IRLANDESAS: No nome de Deus e das xeracións mortas das que recibe a súa antiga tradición de nacionalidade, Irlanda, por medio de nós, convoca os seus fillos canda a súa bandeira para loitar pola súa liberdade.

Chegado o momento no que os seus homes xa foron organizados e adestrados a través da súa organización revolucionaria secreta, a Irmandade Republicana Irlandesa, e mediante as súas coñecidas organizacións militares, os Voluntarios Irlandeses e o Exército Cidadán Irlandés, coa súa disciplina perfeccionada pacientemente, e despois de agardar con firmeza o momento axeitado para revelarse, afronta agora o momento, co apoio dos seus fillos exiliados en América e dos seus valentes aliados en Europa, mais confiando ante todo na súa propia forza, de atacar con plena confianza na vitoria.

Declaramos o dereito soberano e irrevogable do pobo de Irlanda á propiedade de Irlanda e ao control sen ataduras dos destinos dos irlandeses. A longa usurpación dese dereito por un pobo e un goberno estranxeiros non aboliu tal dereito, nin poderá endexamais ser abolido, non sendo pola destrución do pobo irlandés. O pobo irlandés reafirmou xeración tras xeración o seu dereito á soberanía e liberdade nacionais; seis veces durante os pasados trescentos anos[2] o reafirmaron coas armas. Afirmándonos nese dereito fundamental e reivindicándoo unha vez máis diante do mundo enteiro, pola presente proclamamos a República Irlandesa como un Estado Soberano Independente, e comprometemos as nosas vidas e as dos nosos compañeiros de armas á causa da súa liberdade, do seu benestar, e o seu exaltamento entre as demais nacións.

Á República Irlandesa corresponde, e pola presente reclama, a lealdade de todos os irlandeses e irlandesas. A República garante a liberdade relixiosa e civil, igualdade de dereitos e oportunidades para todos os cidadáns, e declara a súa determinación de procurar a felicidade e a prosperidade de toda a nación e de todas as súas partes, querendo a todos os fillos da nación de igual xeito, e facendo caso omiso das diferenzas pertinazmente fomentadas por un goberno alleo, que no pasado separou unha minoría da maioría.

Ata que as nosas armas nos permitan acadar o momento oportuno para establecer un Goberno Nacional permanente, representativo de todo o pobo de Irlanda e elixido polos votos de todos os homes e mulleres, o Goberno Provisional constituído pola presente, administrará os asuntos civís e militares da República confiado polo pobo.

Poñemos a causa da República Irlandesa baixo a protección do Deus Altísimo, a Quen solicitamos que bendiga as nosas armas, e pregamos para que ninguén que sirva a esta causa a deshonre por covardía, inhumanidade, ou pillaxe. Nesta hora suprema a nación irlandesa debe, co seu valor e disciplina e coa disposición dos seus fillos a sacrificarse polo ben común, probarse merecente do augusto destino ao que está chamada.

Asinado no nome do Goberno Provisional, Thomas J. Clarke, Seán Mac Diarmada, Thomas MacDonagh, P. H. Pearse, Éamonn Ceannt, James Connolly, Joseph Plunkett

Principios da proclamación editar

A pesar de que o Alzamento fracasou en termos militares, os principios da Proclamación influenciaron profundamente as ideas das seguintes xeracións de políticos irlandeses. O documento contiña varias afirmacións:

  • que os líderes do Alzamento falaban no nome de Irlanda (unha reivindicación feita historicamente polos movementos revolucionarios irlandeses);
  • que o Alzamento marcaba o comezo doutra época de intentos de conseguir a independencia por medio das armas;
  • que a Irmandade Republicana Irlandesa, os Voluntarios irlandeses e o Exército Cidadán Irlandés constituían o eixo central do Alzamento;
  • "o dereito por parte do pobo de Irlanda á propiedade de Irlanda", unha frase vista por algúns contemporáneos como case socialista e que algúns conservadores acharon problemática (afirmacións semellantes en declaracións posteriores —destacando o Programa Democrático adoptado polo Primeiro Dáil en 1919— foron eliminadas ou suavizadas);
  • que a forma de goberno ía ser unha república;
  • unha garantía de "liberdade relixiosa e civil, igualdade de dereitos e oportunidades para todos os cidadáns", a primeira mención de igualdade de xénero, posto que consonte a legalidade británica ás mulleres irlandesas non se lles permitía votar;
  • o compromiso de sufraxio universal, un fenómeno limitado daquela a un feixe de países, nos cales non estaba incluído o Reino Unido;
  • a promesa de coidar a "todos os fillos da nación de igual xeito" (aínda que a miúdo se interpretou como unha referencia aos fillos dos irlandeses e os seus dereitos, na actualidade sábese que se refería á xente de todas as relixións, que eran vistos como 'fillos da nación').

A impresión e a distribución do texto editar

A proclamación imprimiuse en segredo antes do Alzamento. Posto que foi unha impresión secreta feita por pequenas imprentas, houbo problemas co deseño. Debido á escaseza de papel, o documento imprimiuse en dúas metades, ademais faltaron suficientes letras do mesmo tipo e por iso na segunda parte do documento se empregaron letras 'e' máis pequenas cás do resto do documento (aínda que é precisa unha análise polo miúdo para decatarse). A linguaxe suxire que a copia orixinal da Proclamación fora asinada polos propios líderes do Alzamento. Porén, non se atopou ningunha evidencia disto, nin hai constancia daquel tempo da existencia dunha copia asinada, aínda que se nalgún momento existise tal copia é moi probable que fose destruída tras a derrota do Alzamento.

Os signatarios editar

 
A bandeira da "República Irlandesa, exposta actualmente no Museo Nacional de Irlanda.

Un feito que suscitou moitos interrogantes foi que o primeiro nome que figuraba entre os signatarios non era o de Patrick Pearse, senón o de Tom Clarke (un republicano veterano). Se os nomes estivesen ordenados alfabeticamente, Éamonn Ceannt aparecería o primeiro. A viúva de Clarke mantivo que isto se debeu a que o plan orixinal era que Clarke, como afamado veterano, se convertería en Presidente da República Provisional. Tal hipótese explicaría a súa primeira posición. Porén, outros implicados no Alzamento desmentiron esas afirmacións que fixo a muller nas súas memorias. Documentos emitidos posteriormente polos rebeldes deron a Pearse o privilexio do posto, mais como 'Comandante en Xefe das Forzas da República Irlandesa, e Presidente do Goberno Provisional',[3] non como 'Presidente da República'. Tanto se a idea orixinal era que Clarke fose a cabeza simbólica do estado e Pearse a do goberno, como se era que a figura de Pearse fose o centro de ambos cunha posición descrita ambiguamente, a cuestión segue a ser un misterio sobre o que aínda especulan os historiadores.

Os sete asinantes da proclamación foron executados polo exército británico tras a derrota do Alzamento (un deles, James Connolly, que resultara ferido durante os combates, foi executado prostrado nunha cadeira), xa que foran declarados culpables de cometer traizón en tempo de guerra (neste caso, a primeira guerra mundial).[4] Os líderes políticos opinaron inicialmente que as execucións non eran prudentes, e máis tarde cualificáronas como unha catástrofe. Como proba, o Primeiro ministro británico Herbert Henry Asquith e o seu sucesor David Lloyd George posteriormente lamentáronse de que se lles permitise aos militares británicos tratar o asunto coma un consello de guerra militar, en troques de insistiren en que os líderes fosen xulgados baixo a lei penal civil. Aínda que dende algúns sectores se esixiu un castigo severo aos rebeldes, a opinión pública irlandesa foise posicionando cada vez máis do seu lado, debido en parte ao tratamento que se lles deu aos prisioneiros e ás súas execucións. Finalmente, o goberno de Asquith ordenou deter as execucións e insistiu en que a aqueles que aínda non foran executados se lles aplicaría a lei civil, e non a militar. Para entón xa foran executados todos os signatarios da Proclamación e moitos outros participantes no Alzamento.

O documento hoxe editar

Hoxe en día, as copias íntegras da Proclamación de Pascua son veneradas como iconas nacionais irlandesas e ata se chegou a vender unha copia orixinal nunha poxa por máis de 700.000 euros en abril do 2006. Seán T. O'Kelly, participante no Alzamento e Presidente de Irlanda entre 1945 e 1959, doou unha copia súa da Proclamación —asinada por el como recordo— ao Parlamento de Irlanda cando exerceu como presidente. Está exposta permanentemente no vestíbulo principal do Leinster House, sede do Parlamento. Outras copias atópanse na Oficina Xeral de Correos (cuartel xeral do Alzamento e lugar onde se leu por primeira vez), no Museo Nacional de Irlanda, no Gran Salón da Biblioteca do Trinity College e noutros museos polo mundo adiante. Tamén se venden facsímiles da Declaración como souvenirs para turistas e habitualmente expóñense copias do texto nas escolas irlandesas e en pubs irlandeses por todo o mundo. Dende 2006, un membro das Forzas de Defensa Irlandesas le en voz alta a Proclamación fóra da Oficina Xeral de Correos durante as conmemoracións anuais do Alzamento, o domingo de Pascua.

Notas editar

  1. República Irlandesa en gaélico.
  2. Referíndose á Rebelión Irlandesa de 1641, a Guerra dos Dous Reis (1689-91), a Rebelión irlandesa de 1798, a Rebelión de Robert Emmet de 1803, a Rebelión de Irlanda Nova de 1848 e o Alzamento Feniano de 1867.
  3. Proclamación do "Goberno Provisional aos Cidadáns de Dublín". (Colección de posters da Biblioteca Nacional de Irlanda)
  4. Segundo a Proclamación do Lord Tenente de Irlanda do 9 de maio de 1916 no xornal Dublin Gazette, declarábase que Dublín se atopaba baixo a lei marcial, o que quería dicir que as seguintes accións que a administración do Castelo de Dublín tomaría, serían acordes con tal declaración.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Tim Pat Coogan, Michael Collins (ISBN 0-09-174106-8)
  • Tim Pat Coogan, De Valera (ISBN 0-09-175030-X)
  • Dorothy McCardle, The Irish Republic
  • Arthur Mitchell and Padraig Ó Snodaigh, Irish Political Documents: 1916–1949
  • John O'Connor, The 1916 Proclamation
  • Conor Kostick & Lorcan Collins, The Easter Rising, A Guide to Dublin in 1916 (ISBN-10 0-86278-638-X)

Outros artigos editar